PRADOS VELLOS (1980-2007)
Na temporada 80-81 o primeiro equipo do Numancia volve á Competición de Ría, na que non participaba desde 1975, ao non dispoñer de campo de fútbol; nesta temporada 80-81 e na seguinte 81-82, o Numancia xoga os seus partidos como local no campo do Barallobre.
Xa na temporada 82-83 xoga toda a primeira volta da Liga fóra de casa e a segunda no novo campo de «Prados Vellos» de Ares, o cal se inaugura despois do esforzo de directivos, socios e colaboradores por dotar a Ares dun campo de fútbol, propiedade da S. D. R. Numancia. Coincidindo coa inauguración do campo, nesta temporada 82-83, o Numancia proclámase Campión da Liga e Copa de 2ª Rexional, ascendendo a 1ª Rexional.
En 1.983 a Asemblea aproba os Novos Estatutos remitidos pola Xunta de Galicia.
Na temporada 95-96 e 96-97 o equipo cadete do Numancia proclámase Campión da Liga.
Como resultado da construcción do campo o Numancia viuse obrigado a pedir uns préstamos bancarios que ao final resultaron moi difíciles de asumir polas distintas directivas. A situación chegou a ser desesperada xa que o campo estaba hipotecado e ante o grave risco de perder algo polo que tanto se loitou xorde un grupo de mulleres, inicialmente eran doce, puxéronse a traballar para intentar salvar o que parecía imposible. Mediante petición polas casas e unha serie de rifas conseguiron que o campo siga sendo propiedade do Numancia.
Na temporada 1999-2000 o Numancia de afeccionados proclámase campión de 2ª Rexional, conseguindo o ascenso.
En abril de 2004 adáptanse os novos estatutos que rexirán o funcionamento da sociedade.
Na asemblea do 16 de xuño de 2006 trátase o tema da cesión das instalacións da entidade ao concello, para poder solicitar a construción dun campo de herba artificial. Esa cesión tería, entre outras, as seguintes condicións: “ o concello (...) deberá concederlle exclusividade ou preferencia no seu uso ao Numancia, que seguirá tendo o seu domicilio e local social nas citadas instalacións”