TROFEO Á REGULARIDADE BODEGAS E VIÑOS ARES, 2017/18. 11ª X.: NUMANCIA, 3 - VALDOVIÑO, 3
DOBLETE DE PITA
Empate que deixa un sabor agridoce tras un accidentado partido.
Ares, 12 de febreiro de 2018.
Nos prolegómenos do partido, Álex Pérez como representante de “Bodegas e Viños Ares” entregou o premio correspondente á Regularidade do mes de xaneiro, galardón que recaeu en Elías, un xogador sempre xeneroso no esforzo.
O comentario deportivo do partido vese relegado polas desgraciadas incidencias ocorridas durante a tarde de onte. Un partido que comezaba ben co madrugador gol de Pita pero que se foi enrarecendo. Aínda que as decisións, case sempre equivocadas, do árbitro contribuíron á creación dun ambiente tenso, non queremos nin podemos xustificar tampouco as reaccións esaxeradas e desafortunadas nin dos futbolistas nin dos afeccionados, pero si hai que recoñecer tamén os erros do sr. colexiado. Con todo, o partido púxose moi ben para o Numancia que chegou a ter unha vantaxe de dous goles preto do final da primeira parte. Porén, a autoexpulsión de Juan influíu no desenvolvemento da segunda parte, na que o Valdoviño conseguiu un empate e mesmo puido levar os tres puntos.
Mais volvamos ao asunto principal: o comportamento dos afeccionados, por moitos erros que teñan os árbitros, non pode ser o que vimos este domingo. E non pode ser, primeiro porque estamos dando un lamentable exemplo aos nenos que temos a carón. Paremos a reflexionar e miremos para os nenos de 7 ou 8 anos que nos están oíndo. Estamos seguros que paga a pena insultar, ofender e inxuriar a un señor, porque pensamos que nos pita unha falta en contra dos nosos intereses? Reflexionemos, por favor. Como dixen antes, pensemos nos nenos. E valoremos se estamos axudando ao club ou se lle causamos prexuízos.
Como consideramos a imaxe da presenza (solicitada polo árbitro) da Garda Civil en Prados Vellos? Había necesidade de chegar a iso?
Desde o club insistimos en pedir SENSATEZ e tamén EDUCACIÓN. Polo ben de todos, dos nenos, do club, e dos afeccionados e xogadores.
A destacar tamén o debut doutro xuvenil : Pablo Vascós acudiu á chamada de última hora para cubrir a baixa de Fran. Sempre é positivo darlles oportunidades aos rapaces da canteira e o club debe agradecer a súa colaboración.
As puntuacións para o Trofeo á Regularidade “Bodegas e Viños Ares” deste partido foron outorgadas por Manuel “Ripas” (afeccionado), Marcelo (cervantino en Coruña) e Xoán (directivo):
PITA 14
ALBERTO 11
ARNOSO 11
CHAPU 10
ESPIÑEIRA 10
VICENTE 10
EMI 9
MARTÍN 9
ELÍAS 8
AMENEDO 7
CARLOS V. 7
JULIO 7
TETI 7
Vascós 7
JUAN 4
Despois destes dous primeiros partidos de febreiro, así queda a clasificación deste mes de Entroido:
PITA 25,5
ARNOSO 23
EMI 20,5
ALBERTO 20
CHAPU 20
ELÍAS 18,5
ESPIÑEIRA 18
VICENTE 18
AMENEDO 17
TETI 16,5
JULIO 16
CARLOS V. 15
JUAN 10,5
FRAN 9,5
MARTÍN 9
JOAQUÍN 7
VASCÓS 7