CAMPIÓNS DO 66
REENCONTRO EN PRADOS VELLOS
A tarde chuviosa do sábado non impediu a emotiva e feliz xuntanza destes “veteranos” campións que volvían a Prados Vellos con moitas lembranzas e anécdotas que contar.
Ares, 23 de maio de 2016.
A ilusión nos seus rostros; nas mans, algunha que outra fotografía en branco e negro; no corazón, a alegría do reencontro cos vellos compañeiros. Nin tan sequera a chuvia foi quen de estragar esta xornada onde os protagonistas volveron ser eles, lembrando aqueles mozos que conseguiran o campionato 50 anos atrás. Por certo e como anécdota, contaban que lles entregaran como premio un banderín.
Dada a adversa climatoloxía decidiuse que o saque de honor se levase a cabo, tal e como estaba previsto, aínda que con paraugas e alí foi Pacucho, en representación de todos.
Máis dun “veterano” quedou ata o final do partido e mesmo conversou cos rapaces, comentando as incidencias do partido mentres probaban o lacón servido por Pepe.
Antes de marchar tamén levaban unha bufanda do Numancia, portada con todo o orgullo dun numantino.
O que comezou dunha maneira improvisada e casual rematou sendo un deses actos que poñen en valor o traballo das directivas dos clubs modestos. Máis alá dos resultados, das vitorias, dos títulos, hai que apreciar o aspecto social e humano impulsando a convivencia entre os socios ou afeccionados da entidade. E o acto deste sábado abofé que cubriu este obxectivo. Tanto que mesmo serviu para paliar a tristura do resultado adverso ante o Betanzos.