PLENILLO DE FERROLTERRA.

A LIGA DE 2ª AUTONÓMICA COMEZA O 3 DE SETEMBRO

Baixa do Ensanche e altas do Cariño e Vilarmaior.
Ares, 11 de xullo de 2017.
No local da delegación de Ferrol tivo lugar onte a celebración da reunión federativa preámbulo da temporada 2017/18. Plans competicionais e outros temas foron presentados por membros da Federación Galega aos representantes dos clubs ferroláns.
 
Na categoría de 2ª Autonómica, grupo de Ferrol, os 23 equipos inscritos repartiranse en dous grupos, consonte á clasificación obtida na temporada anterior para disputar unha primeira fase clasificatoria. Así quedan estes grupos:
Grupo A: Maniños, Somozas B, Meirás, Cebarca, Numancia, San Mateo, Barallobre, San Sadurniño, Rosalía, Valdoviño, Cabanas e Cariño.
Grupo B: Perlío, Narón, Caranza, Neda, Estrella, Capela, Mandiá, Narahío, Moeche, Monfero e Vilarmaior.
A competición comezará o domingo, 3 de setembro, rematando esta primeira fase o 5 de novembro. 
Os seis primeiros clasificados do grupo A máis os 5 primeiros do grupo B formarán o grupo 3º e disputarán o título de liga e a praza de ascenso a 1ª Autonómica, ademais dunha praza de promoción. Esta segunda fase iniciarase o 19 de novembro.
O resto dos clasificados formarán o grupo 3º B e disputarán o título de liga deste grupo e a orde clasificatoria do 13º ao 24º posto, importante por se houbese máis de 24 equipos na temporada 2018/19 que obrigasen a formar unha 3ª Autonómica.
 
Ademais explicáronse outros asuntos:
- As cotas da Mutualidade non sofren incremento algún, mantéñense exactamente igual.
- Insistiuse moito na necesidade de utilizar os servizos de asistencia médica só e unicamente para as lesións deportivas. Lembrouse que a asistencia urxente só é durante as 24 h. seguintes á lesión, de maneira que se se acode con posterioridade haberá que solicitar cita no traumatólogo. Neste capítulo, finalmente insistiron en que é imprescindible aportar toda a documentación esixida para a atención médica no prazo de 48 h. desde o momento da asistencia por urxencias. 
- No tema do Fútbol- Sala, disciplina que se incorporou recentemente á Federación Galega de Fútbol, explicouse que un xogador que participe en Fútbol e en Fútbol Sala co mesmo club só terá que pagar unha cota de Mutualidade. No caso de participar en Fútbol cun club e en Fútbol-Sala con outro, pagará dúas cotas.
- Para rematar, o colectivo arbitral ofreceuse para impartir charlas aos clubs da comarca comentando as últimas modificacións do Regulamento.
 
 

Uso de “cookies” Utilizamos cookies propias e de terceiros para mellorar os nosos servizos en relación coas súas preferencias mediante ó análise anónimo dos seus hábitos de navegación. Se continúa navegando, consideramos que acepta o seu uso. Pode obter máis información sobre o uso de “cookies” accedendo a nosa política de “cookies”. Para saber máis sobre as cookies que utilizamos e como eliminar-los, consulta a nosa política de cookies.

Acepto os cookies deste sitio web.