AFECCIONADOS. NUMANCIA, 1 – NARAHIO, 1.

EN PRADOS VELLOS, GOBERNA O NUMANCIA

Partido correspondente aos Cuartos de Final da Copa Delegación de Ferrol a partido único, disputado na tarde do domingo nun campo de Prados Vellos que rexistrou unha boa entrada. O resultado ao descanso era de 0 – 1.
 

Ares, 24 de maio do 2015.

FICHA TÉCNICA:

NUMANCIA: Carlos, Paulo (Pivo 57´), Martín, Antón, Pepe (Álvaro 67´), Teti (C), Pedrós (Adrián 57´), Julio, Fernando (Chapu 57´), Alex Pita e Borja.

Adestrador: Marcos Amor Roel.

2º Adestrador: Manuel Cartelle Permuy.

Delegado: José Ramón Hermida Varela.

NARAHÍO: Javi, Busto, Rico, Alberto Naveiras, Raúl (C), Casal (Alberto López 84´), Pablo, Arturo (Gonzalo 72´), Rubén Freire (Sergio García 66´), Borja e David (Pocholo 78´).

Adestrador: Germán Amil Silva.

Delegado: Miguel Novoa Tuimil.

COLEXIADO: D. Adrián González Franco. Amoestou a Antón e Adrián no Numancia e a Busto e Alberto Naveiras no Narahío.

GOLES:

0 – 1 (DAVID) Balón colgado polo Narahío que peina de cabeza Rubén Freire para que David entrando dende atrás supere a Carlos de disparo cruzado (minuto 35).

1 – 1 (CHAPU) Saque de esquina lanzado maxistralmente por Alex Pita que remata Chapu cun certero cabezazo no punto de penalti (minuto 90).

Na quenda de penaltis, Julio, Chapu e Adrián anotaban para o Numancia e Rico facía o gol do Narahío.

 



 

CRÓNICA:

Tarde primaveral en Prados Vellos aínda que con bastante vento. Moitos afecionados do Numancia e Narahío presenciaban un duelo emocionante, disputado e bonito no que ambos equipos loitaron por meterse nas semifinais de Copa despois de moitos anos sen facelo. Finalmente o premio foi para o Numancia para ledicia da nosa parroquia.

Comezaba forte o partido o Numancia cun tiro de Alex Pita no primeiro minuto que marchaba alto. O vento dificultaba a precisión nos pases dos xogadores e moitas das accións ofensivas terminaban nas mans dos porteiros ou ben perdíanse pola línea de fondo. Chegadas tímidas de ambos equipos e duas novas ocasions de Alex Pita. Primeiramente nun lanzamento por fora e posteriormente nun disparo que sacaba Busto na línea de gol no minuto 20 de xogo. Estirábase o Narahío cun lanzamento alto e noutro no que David so diante de Carlos mandaba o balón fora no minuto 30. Respondía o Numancia cun lanzamento de falta de Borja que marchaba alto. Despois de avisar, os visitantes conseguían o 0 – 1 no minuto 35 xa que David esta vez si que acertaba a superar a Carlos aproveitando unha boa asistencia de Rubén Freire. Cun tiro de Pedrós que marchaba alto e coas espadas en todo ó alto chegaba o tempo de descanso co 0 – 1 no marcador.

Na segunda metade a piques estivo no minuto 46 o Narahío de poñer terra de por medio pero Carlos paraba un disparo visitante dende o punto de penalti. No minuto 50 o colexiado anulaba un gol ao Narahío por fora de xogo. Reaccionou Marcos Amor cun triple cambio polo que o Numancia pasou a xogar con toda a "artillería pesada" e un sistema de xogo moi ofensivo o resto do partido. O equipo entendeu a mensaxe e pronto chegaron as ocasións mais claras. Julio lanzaba unha falta alta. No 56´ novamente Julio disparaba esta vez atopandose co pau, para que acto seguido Iván rematara un balón de cabeza por enriba da portería de Javi. Dominaba o Numancia e Chapu tería unha gran ocasión na que o gardarredes visitante Javi enviaba a córner. O Narahío tivo duas accións prácticamente seguidas de contraataque que non aproveitou, grazas tamén a Álvaro e a Carlos que impediron o gol visitante na mesma línea de gol. Tocaba o turno os de Ares e novamente Javi rexeitaba un disparo a bacaxarro de Borja en boca de gol e que sacaba a defensa. Na área contraría disparo dos de Narahío que se iba pegado a cepa do pau. Nos últimos minutos novo arreón do Numancia con ocasións de todas as cores. Javi facíase internacional en Prados Vellos, cunha nova gran parada a lanzamento de Alex Pita, o balón non quería entrar e parecía que a Copa se escapaba. Pero... ¡¡¡Ata o rabo todo é touro¡¡¡. No minuto 90 saque de esquina favorable ao Numancia, ata Carlos subía a rematar pero non tivo tempo a chegar ao área. Alex Pita lanzaba maxistralmente e ¿quen se non?, CHAPUGOL aparecía no punto de penalti para rescatar ao Numancia cun cabezazo que establecía o 1 – 1, provocando unha explosión de xúbilo en Prados Vellos e levaba a eliminatoria á quenda de penaltis.

Na lotería dos penaltis, Julio, Chapu e Adrián anotaban para o Numancia, mentras que polo Narahío soamente anotaba Rico. O lanzamento de Borja marchaba alto, o de Pablo petaba no pau e Carlos paraba o lanzamento de Gonzalo confirmando o pase do Numancia as semifinais da Copa Delegación de Ferrol. ¡¡¡Estoupaba Prados Vellos¡¡¡

En definitiva, vitoria do Numancia ante un equipo intenso, correoso e coas ideas claras como o Narahío. Un digno rival ao que desexámoslle sorte para a próxima temporada. Foi un fermoso envite copeiro, con emoción, tensión ben entendida, boa arbitraxe e moito ambiente en Prados Vellos. ¡¡¡Así da gusto asistir ao fútbol¡¡¡ Noraboa a tod@s.

Resumindo, ¡¡¡o Numancia de Ares está nas semifinais da Copa Delegación de Ferrol¡¡¡ Un que escribe non recorda cando foi a última vez, polo que debeu de ser fai bastantes anos. Preguntaremos aos máis vellos do lugar. O que si está claro é que despois de eliminar a Rosalía, Miño e Narahío soamente nos queda o Narón Balompé Piñeiros como último escollo para chegar a gran final. Un equipo duro que a bo seguro desexará quitarse á espiña do descenso a Segunda Autonómica. Narón – Numancia. Partido de ida o próximo domingo en O Cadaval (Piñeiros) sendo a volta en Ares a seguinte fin de semana. ¡¡¡Eliminatoria histórica¡¡¡ Preparen bufandas, gorxas, bombos, globos, serpentinas e demáis complementos e artigos de animación, porque o domingo invadimos Narón. Toca disfrutar e soñar co Numancia.

O Numancia somos tod@s

"90 minutos en Prados Vellos son moi longos"

¡¡¡AUPA NUMANCIA¡¡¡

Uso de “cookies” Utilizamos cookies propias e de terceiros para mellorar os nosos servizos en relación coas súas preferencias mediante ó análise anónimo dos seus hábitos de navegación. Se continúa navegando, consideramos que acepta o seu uso. Pode obter máis información sobre o uso de “cookies” accedendo a nosa política de “cookies”. Para saber máis sobre as cookies que utilizamos e como eliminar-los, consulta a nosa política de cookies.

Acepto os cookies deste sitio web.