AFECCIONADOS. ROSALIA, 1 – NUMANCIA, 1.

UN EMPATE CON AMOR

Partido de ida da eliminatoria da Fase Previa da Copa Delegación de Ferrol disputado no campo de O Lameiro de Vilaboa que rexistrou unha moi boa entrada. O resultado ao descanso era de 1 - 0 favorable ao Rosalía.

 


Vilaboa 3 de maio de 2015.

FICHA TÉCNICA:

ROSALÍA: Tino, Alan, Alberto (C), Jose, Adrián, Felipe, David, Carlos (Figo 75´), Esteban (Juanmi 46´), Alex (Mesi 60´) e Samu (Iván 36´).

Delegado: José Castro Casal.

NUMANCIA: Carlos, Álvaro, Martín, Antón, Pepe (Juan 65´), Teti (C), Paulo (Pedrós 74´), Julio (Borja 65´), Manu (Adrián 80´), Alex Pita e Chapu.

Adestrador: Manuel Cartelle Permuy.

2º Adestrador: Antonio González Varela.

Delegado: José Ramón Hermida Varela.

COLEXIADO: D. David Sierra Pereira. Amonestou a David no Rosalía e a Cartelle (adestrador), Manu e Antón no Numancia.

GOLES:

1 - 0 (ESTEBAN) Pase á espalda da defensa do Numancia que aproveita Esteban para superar a Carlos de disparo cruzado (minuto 40).

1 - 1 (PAULO) Centro de Alex Pita dende a banda dereita que remata Chapu e para o porteiro. O rexeite cae a Manu que remata e novamente para o porteiro. Por fin o terceiro rechace chega a Paulo quen entrando dende atrás anota de cabeza (minuto 63).

CRÓNICA:

Comezou a competición de Copa para Rosalía e Numancia que xogaron un partido moi disputado no pequeno campo de O Lameiro. Un encontro marcado polo xogo aéreo e as segundas xogadas que finalmente terminou en empate.

Na primeira metade intercambio de balóns longos entre os dous equipos que buscaban a Esteban e Samu no Rosalía e a Chapu no Numancia. No minuto 10 un bo centro de Manu era rematado por Chapu un pouco desviado. Respondía o Rosalía cun pase interior que Carlos saía a despexar caendo o despexe nos pes dun xogador local que enviaba unha vaselina lixeiramente alta. Parecían cómodos os locais co seu xogo aéreo e forzando saques de esquina pero novamente Chapu cunha volea que petaba no posteo metía o medo no corpo aos de Vilaboa no minuto 20. No minuto 25 espectacular parada de Carlos a un disparo de falta local que se colaba pola escuadra dereita. No minuto 30 o colexiado anulaba un gol do Rosalía por fora de xogo. Posteriormente Samu erraba unha xogada de un contra un ante Carlos. Respondía o Numancia cun balón colgado que remataba Manu as mans do gardarredes local e cun disparo de Julio dende media distancia que tamén paraba o porteiro. No minuto 40 chegaba o 1 - 0 por medio de Esteban aproveitando un balón interior á espalda da defenda numantina. E con ese resultado de 1 – 0 chegabamos ao descanso.

A segunda parte comezaba novamente con moita disputa e moito xogo aéreo. No minuto 60 un disparo de Alex Pita marchábase lixeiramente desviado. Posteriormente chegaba un lanzamento alto do equipo verdinegro. No minuto 63 chegaba o 1 – 1 por medio de Paulo nunha triple ocasión do Numancia na que finalmente Paulo conseguía anotar un gol moi importante para a eliminatoria. Poido levarse o partido o Numancia xa que o gol deixou tocado ao Rosalía. Borja lanzaba unha falta na que o porteiro facía unha gran intervención, o rexeite chegaba a Teti pero o seu disparo era desviado a córner por un defensor. Preto do final boa ocasión de Chapu que abortaba o gardarredes local. Nos últimos minutos o Rosalía desaproveitaba un contraataque e o Numancia facía o mesmo cun saque de esquina polo que o resultado non se movía finalizando o partido co coñecido 1 – 1 no taboleiro de marcas.

En resumo, partido disputado e vibrante nunha tarde soleada e calurosa nas coquetas instalacións de O Lameiro en Vilaboa. O Numancia cobra ventaxa na eliminatoria xa que o gol fora da casa vale dobre. O próximo domingo as 17:30 en Prados Vellos os numantinos buscarán liquidar a eliminatoria e conseguir o pase aos oitavos de final da competición. ¡¡¡Contamos contigo para conseguilo¡¡¡ Lembra o domingo as 17:30 en Prados Vellos cita co Numancia e coa Copa. ¡¡¡Pasamos lista¡¡¡

O Numancia somos tod@s.

¡¡¡AUPA NUMANCIA¡¡¡

Pulsa no seguinte enlace para ver os resultados, clasificación e fichas técnicas da xornada.

 

 


Uso de “cookies” Utilizamos cookies propias e de terceiros para mellorar os nosos servizos en relación coas súas preferencias mediante ó análise anónimo dos seus hábitos de navegación. Se continúa navegando, consideramos que acepta o seu uso. Pode obter máis información sobre o uso de “cookies” accedendo a nosa política de “cookies”. Para saber máis sobre as cookies que utilizamos e como eliminar-los, consulta a nosa política de cookies.

Acepto os cookies deste sitio web.