AFECCIONADOS. ORTIGUEIRA, 2 – NUMANCIA, 0.

PARTIDO DE TRÁMITE.

Partido correspondente á última xornada de liga da 2ª Autonómica no seu grupo 4º disputado nunha soleada tarde no campo de Morouzos e no que orteganos e numantinos con todos os deberes feitos gozaron dun encontro intranscendente para os intereses de ambos os dous.

 


Ortigueira, 26 de abril de 2015.

FICHA TÉCNICA

ORTIGUEIRA: Palacios, Javiel, Ares (Juanca 67´), More (C) (Breijo 46´), Muniol (Agustín 63´), Diego Cañoles, Borjita, Estanislao, Abelurio (Josiño 46´), Pita e Pedreira (Bruno 46´).

Delegado: Pablo Maseda Álvarez.

NUMANCIA: Carlos (Cristián 46´), Álvaro, Pepe (Darío 57´), Martín, Paulo, Teti (C), Manu (Roque 70´), Rubén (Jesús 61´), Chapu, Julio, e Alex Pita (Marcelo 46´).

Adestrador: Marcos Antonio Amor Roel.

2º adestrador: Manuel Antonio Cartelle Permuy.

Delegado: José Ramón Hermida Varela.

ARBITRO: Brais Ferreiro Vérez. Mostrou tarxeta amarela aos locais Pedreira, Borjita e Pita, polo Numancia tamén a viu Julio.

GOLES:

1 - 0: DIEGO CAÑOLES (min. 19), internada por banda de Estanislao que se vai por velocidade de Manu ata alcanzar o lateral da área pequena dende onde pon un pase da morte para Diego libre de marca, o primeiro disparo do dianteiro rexeitao Teti, o rexeitamento favorece de novo a Diego que non falla na súa segunda oportunidade.

2 - 0: PITA (min. 37), balón en profundidade ás costas dos defensas de More para Pita quen pica o balón por enriba de Carlos ante a saída deste.

 

 



Comezaba o partido cuns primeiros minutos de tenteo e precaucións por parte dos dous equipos. Non sería ata o minuto dez cando chegaría a primeira aproximación clara á área por parte dos orteganos, un lanzamento de libre directo de Diego Cañoles que rexeitaba Carlos a córner. Respondían os aresanos cunha internada por banda de Alex Pita ata o lateral esquerdo da área e disparo raso que Palacios tamén despexaba a córner con algunha dificultade. Estos primeiros escarceos daban comezo ás "hostilidades" que metían de cheo a ambos os dous equipos no partido. Aos dezanove minutos chegaba o primeiro tanto local despois dunha boa internada por banda dereita de Estanislao que finalizaba Diego Cañoles. Intentou Alex Pita contrarrestar o gol local, pero o seu disparo dende o pico da área foi ben atallado por Palacios. Mediada a primeira parte puido chegar o segundo para os locais, pero o disparo de Diego Cañoles, só na área pequeña, marchaba por enriba do longueiro. Pouco despois tampouco estaría acertado Manu para os de Ares quen diante do Palacios tamén picaba o balón por enriba do longueiro. No minuto 37, un balón en longo de More para Pita significaba o segundo tanto local. Antes do descanso puideron reducir os de Ares a vantaxe do marcador, centro chut de Alex Pita que se lle escorre a Palacios entre a mans, Manu próximo a él non cazou o balón por moi pouco. Finalmente co resultado de 2 - 0 marchabamos ao descanso.

A segunda metade seguiu o mesmo guion que a primeira, aínda que cun equipo local con algo máis de ritmo e intensidade que os visitantes. As ocasións se sucederon en ambas as dúas portaría con certo protagonismo para os gardametas. Os de Ortegal con rápidas triangulacións, conducións dos laterais e un Diego Cañoles, Borjita e Breijo omnipresentes arredor da área foron un pesadelo para os de Ares, quenes á contra e con balóns en profundidade trataron de sacar partido das súas opcións.

A primeira ocasión clara deste segundo período era para Paulo despois dun gran pase de Julio pero o Pontedeume non definía ante Palacios. Posteriormente Cristián interceptaba un gran pase de gol diante de Diego Cañoles. En xogada posterior e noutra boa intervención o meta aresano quitaba o balón da cabeza de Borjita cando éste iba rematar un saque de esquina. Tocaba a quenda aos de Ares, e outro gran pase de Julio deixaba a Chapu só diante de Palacios quen pecha moi ben os espazos obrigando o dianteiro aresano a escorarse á esquerda buscado un disparo que Abelurio interceptaba i enviaba a córner. Á saída do córner Teti de cabeza tampouco encontraba os tres paus.

Quenda para os de Ortegal cun disparo a queimarroupa de Agustín que Cristián detiña prácticamente nos pés do xogador local. Intentábao Julio de lanzamento de falta pero detiña Palacios. Cañoles tamén o intenta dende fóra da área pero detiña Cristian en dous tempos. Tivo posteriormente outra grande intervención o meta aresano a un forte disparo de Agustín dende a frontal e que o gardarredes aresano rexeitaba a córner. Da saída do córner o balón paseábase pola área dos de Ares, e incomprensiblemente Estanislao só e con toda a portaría para él remate por enriba do longueiro. Nos minutos finais ocasión para Breijo quen á saída dun córner estrelaba o balón no longueiro. Sen tempo para máis e cun lixeiro chuvasco de despedida despois dunha agradable e soleada tarde chegábase ao final do partido co mesmo marcador do descanso, 2 - 0 a favor dos orteganos.

O próximo fin de semana comeza a fase previa da Copa Delegación de Ferrol. O equipo numantino desprazarase ata Vilaboa para disputar o partido de ida fronte ao CD. Rosalía, comezando así unha nova aventura para o xoven equipo aresano. Sorte na nova andaina.

Pulsa no seguinte enlace para ver resultados, clasificación e fichas técnicas da xornada.

Uso de “cookies” Utilizamos cookies propias e de terceiros para mellorar os nosos servizos en relación coas súas preferencias mediante ó análise anónimo dos seus hábitos de navegación. Se continúa navegando, consideramos que acepta o seu uso. Pode obter máis información sobre o uso de “cookies” accedendo a nosa política de “cookies”. Para saber máis sobre as cookies que utilizamos e como eliminar-los, consulta a nosa política de cookies.

Acepto os cookies deste sitio web.