AFECCIONADOS. CARIÑO, 6 - NUMANCIA, 3.

PERLERO CONDUCE CARA Á VITORIA E PANA EXECUTA A SENTENZA.

Partido correspondente á 7ª xornada de liga da 2ª autonómica, grupo 4º, disputado na tarde do domingo no Municipal de Cariño e que rematou con vitoria do equipo local. Ao descanso o resultado era de 2 – 3 favorable aos visitantes.

 


Cariño, 26 de outubro de 2014.

FICHA TÉCNICA

CARIÑO: Iago, Manu (Diego 43´), Rayi, Tara, Rusti, Maseda, Perlero (C) (Pajón 73´), Rubén, Álvaro, Coruña e Pana (Kike 71´).

Adestrador: Jonatan Quintiana Orzales.

Delegado: Juan C. Pardo Galdo.

NUMANCIA: Carlos, Pepe (Darío 73´), Antón, Alberto (Álvaro 48´), Adrián, Juan (Amenedo 69´), Manu, Paulo, Borja, Julio (C) (Roque 71´) e Fernando (Martín 58´).

Adestrador: Marcos Amor Roel.

2º adestrador: Manuel Antonio Cartelle Permuy.

Delegado: José Ramón Hermida Varela.

ARBITRO: D. Juan A. Piñón López. Mostrou cartón amarelo a Perlero, Tara e Rubén polo Cariño, polo Numancia viuno Juan.

GOLES:

0 - 1: BORJA (min. 5), presión numantina na saída dende atrás do Cariño, Paulo rouba o balón e pono ás costas da defensa local sobre Borja quen o pica ante a saída do porteiro.

0 - 2: ADRIAN (min. 15), saque de falta en curto de Paulo sobre Julio en banda esquerda da área, Julio conduce cara ao centro e dispara pegando o balón nas costas dun defensor. O balón rebotado chega a Juan na frontal, apertura á esquerda para Adrián quen marca por abaixo de disparo cruzado.

1 - 2: PANA (min. 24), contraataque por banda dereita do Cariño con centro á área que aproveita Pana para cruzar ao segundo pau.

1 - 3: JULIO (min. 33), balón en profundidade de Juan que gaña as costas da defensa local sobre Julio, o capitán aresano vaise cara á esquerda e bate por abaixo o porteiro na súa saída.

2 - 3: PANA (min. 45), contragolpe pola dereita de Álvaro, centro chut dende o lateral da área que detén Carlos, pero non bloca, o balón queda morto na área e Pana entrando dende atrás marca sen oposición.

3 - 3: PANA (min. 46), perdida de balón de Alberto na frontal da área co que se fai Pana, revolvese entre os defensores visitantes, dispara, o balón dá nun defensor e despista a Carlos.

4 - 3: PERLERO (min. 55), rapidísima condución de Perlero pola dereita que se vai por velocidade de toda a defensa aresana, chega á semilúa da área e pica o balón por enriba da saída de Carlos.

5 - 3: PANA (min. 57), nova condución de Perlero pola banda que deixa atrás a toda a defensa aresana, alcanza o lateral da área e cambia a banda contraria para a entrada de Pana que marca a pracer.

6 - 3: TARA (min. 66), Perlero en xogada similar ás anteriores alcanza a área onde é derrubado, o árbitro decreta a pena máxima, e ésta é transformada por Tara.

 

 



Primeira parte que comezaba co equipo aresano tomando a iniciativa do xogo. Premendo o Cariño en todo o campo propicioulles aos de Ares roubos de balón cos que crearon moito perigo na porta local. Trataba o Cariño de contragolpear con balóns en longo, pero a ordenada defensa aresana cortaba o xogo directo cara aos dianteiros sen apenas pasar apuros. Dun dos roubos de balón aresanos chegaría o primeiro tanto visitante. Sen reacción local dez minutos despois encaixaban o segundo gol.

Espertaba o Cariño a raíz de encaixar o segundo tanto, e no seu primeiro disparo a porta no que ía de partido acurtaban distancias. Animados polo gol os de Ortergal adiantaban as súas filas e encontrábanse con tres contras consecutivas dos de Ares. Pero desafortunadamente para os intereses visitantes ningunha delas encontraba a portaría. Na primeira, un disparo de Borja dende a frontal marchaba pegado ao pau. Na segunda Borja non definía nun man a man co porteiro, e nunha terceira, nesta ocasión de Juan, o disparo deste dende a semilúa da área, tamén marchaba polo lateral da portaría.

Co Cariño tocado e desbordado polo xogo visitante chegaba o gol de Julio, terceiro dos aresanos, e que facía xustiza ao visto ata o momento.

Puido recortar o Cariño nun libre directo executado por Tara, pero o balón marchou polo lateral.

Cando parecía que o primeiro tempo tocaba ao seu fin, sobre o asubío final chegaba o segundo tanto de Pana que deixaba o marcador no 2 - 3 ao descanso. Resultado que se antollaba algo inxusto despois dos visto nos primeiros corenta e cinco minutos.

Nada máis comezar a segunda parte, Pana, despois dunha perdida de balón dos de Ares igualaba o marcador na primeira chegada local á área. Este gol supuxo un xarro de auga fría para os de Ares que quedaron tocados ao ver como en dous minutos, co descanso polo medio, perdían a vantaxe de dous goles. Pola contra os de Ortegal viñéronse arriba e exerceron un acoso e derribo sobre a meta aresana durante moitos minutos.

En plena euforia futbolística local, apareceu Perlero en escena e conduciu os seus á vitoria. Tres arrancadas por banda de poderío físico do capitán ortegano, deixando atrás a todos os seus perseguidores, obtendo como renda, un gol do propio Perlero, un pase de gol a Pana, e un penalti que transformou Tara. Estes acontecementos supuxeron a sentenza definitiva dos de Ares que foron incapaces de refacerse e contrarestar o xogo local. Intentárono pero a carga xa era demasiado pesada. Os balóns en longo e os contragolpes xa non xeraban o perigo mostrado na primeira parte. Tamén o intentaron Borja e Adrián a balón parado, pero Iago detivo o primeiro lanzamento e o segundo foise por enriba do longueiro.

Aínda puido ser máis amplio o marcador para o Cariño se Álvaro non chega a cruzar en exceso o balón nun man a man diante de Carlos. Ou Antón non se interpón nun disparo a queimarroupa, a pelota saeu mordida e posteriormente era detida por Carlos nunha parada a unha soa man.

En resumo gran primeira metade dos de Ares que non aproveitaron as súas ocasións para irse ao descanso cunha maior renda. Na segunda parte, a veteranía e a pegada do Cariño impúxose ao novo equipo aresan endosándolle un doloroso set.

Queda por diante unha intensa semana de traballo e de reflexión; restañarse das feridas e pensar na próxima xornada de liga. Xornada que non se antolla nada doada para os de Ares, posto que visita Prados Vellos o CD As Pontes "B", actual líder da 2ª autonómica. Confiemos no orgullo numantino e que os rapaces poidan sacar algo positivo o próximo domingo.

Pulsa no seguinte enlace para ver os resultados e clasificación desta xornada.


Uso de “cookies” Utilizamos cookies propias e de terceiros para mellorar os nosos servizos en relación coas súas preferencias mediante ó análise anónimo dos seus hábitos de navegación. Se continúa navegando, consideramos que acepta o seu uso. Pode obter máis información sobre o uso de “cookies” accedendo a nosa política de “cookies”. Para saber máis sobre as cookies que utilizamos e como eliminar-los, consulta a nosa política de cookies.

Acepto os cookies deste sitio web.