Inicio Noticias Afeccionados AFECCIONADOS. GALICIA DE CARANZA, 1 - NUMANCIA, 2.
 
 

AFECCIONADOS. GALICIA DE CARANZA, 1 - NUMANCIA, 2.

Numancia de Ares ADR. Afeccionados 2012-2013. G. Caranza 1 - Numancia 2. Caranza 09/12/12ORDENADOS EN DEFENSA E LETAIS EN ATAQUE.

Importante vitoria dos de Ares, ao igual que a da pasada semana fronte ao San Mateo, e ante rivais directos que optan aos postos altos da táboa. Con esta vitoria os de Ares métense na pomada empolicándose ata a terceira posición da táboa, a un punto do segundo, e a dous do primeiro.

Caranza 9 de decembro de 2012.

ALIÑACIONS

GALICIA DE CARANZA: José Luís, Kike, Álvaro (Iván 63´), Israel, Isma, Hugo (Jorge 53´), Pedro Garrote (Borja 68´), Dani Zapa, Juanillo (Oskitar 59´), Fernando (Rafa 75´) e David José.

NUMANCIA: Carlos, Martín, Costa (Jauma 70´), Alexmarti, Antón, Bule, Teti, Javi Enrique (Fernando 63´), Javi (Dudi 80´), Manu e Jaime (Álvaro 85´).

COLEXIADO: David Brito Regadera. Amoestou a Álvaro, Isma, Borja e Truji (adestrador) polo Caranza e a Carlos, Bule, Javi Enrique, Jaime, Fernando e Jauma polo Numancia.

GOLES:

0 - 1: Javi (min. 6), Antón pon un balón en longo dende tres cuartos de campo que gaña as costas da defensa local sobre Javi que logra desfacerse do seu marcador, corre a liña de banda, internase na área e dende o bordo lateral da área pequena bate a José Luís.

0 - 2: Javi (min. 15), balón no centro do campo que pon Javi á banda esquerda sobre Javi Enrique, quen controla se vai cara á área e pon un centro ao segundo pau que Javi remata de cabeza, o porteiro rexeita o balón con moitas dificultades, pero o colexiado interpreta que o esférico traspasa a liña de gol. Xogada para a polémica moi protestada polos xogadores e o respectable.

1 - 2: Borja (min. 88), de falta directa preto da semilúa da área.

 

 

Encontro moi esixente fisicamente para os dous equipos propiciado polo forte ritmo que os locais imprimiron o partido. Ao longo dos noventa minutos foi o Caranza o que máis tivo a posesión do balón, sobre todo a partir do segundo tanto aresano. Os de Ares cedían o balón e basculaban ao ritmo que marcaban os locais, pero o bo traballo do medio campo e sobre todo o bo facer da ordenada liña defensiva abortaron a práctica totalidade das chegadas locais que apenas lograban pasar dos tres cuartos de campo. As opcións dos de Ares pasaron por rápidos contragolpes e balóns en longo que lles crearon moitos problemas aos ferrolanos. Así chegaron os dous tantos aresanos. Pola contra o Caranza só conseguía penetrar as liñas defensivas aresanas con disparos afastados e desviados. A primeira xogada que entrañou certo perigo sobre a área numantina non chegaría ata o minuto trinta, despois dunha rápida xogada por banda esquerda que culmina Dani Zapa cun centro chut que se pasea pola área sen encontrar rematador. Na xogada seguinte os de Ares dan a réplica á saída dun córner que Javi estrela no lateral da rede. Ao descanso chegaríase cun marcador de 0 - 2.

Aos poucos minutos da reanudación os de Ares tiveron dúas ocasións consecutivas para poñer terra de por medio, unha de Bule nun balón en longo que detén o gardameta local nos pés do dianteiro aresán, e a outra de Teti cun disparo axustado á base do pau que José Luís rexeita a córner. A partir de aquí o partido volveu discorrer como na primeira metade, o balón para os locais e os de Ares ao contragolpe, pero xa non coa mesma eficacia que no primeiro período. Notóuselle ao Caranza as présas por acurtar distancias no marcador, pois impuxeron un ritmo frenético e exerceron unha forte presión en ataque da que non se daba desembarazado o Numancia. O partido volveuse un tanto desordenado e sen control. Os de Ares víronse encerrados no seu campo durante boa parte desta segunda metade, aínda que defendendo e abortando con solvencia os envites locais que só lograban levar perigo con disparos afastados e centros que o gardameta aresano resolveu con contundencia. A dez minutos do final os de Ares puideron matar definitivamente o partido, primeiro Fernando nun centro pasado ao segundo pau pero que envía ás nubes, e despois Jaime de falta lateral que José Luís envía a córner con certa dificultade. E de matar os de Ares o partido, pasou o Caranza a acurtar distancias no marcador despois dun libre directo que transforma Borja, corría o minuto oitenta e oito. Nos minutos finais, máis os engadidos, nervios e descontrol por parte dos dous equipos. Aínda así o tempo deu para unha nova ocasión aresana e que podería ter sido a definitiva, pero Fernando incomprensiblemente en boca de gol pica abaixo un centro e o balón no bote vaise por enriba do longueiro. Para pouco máis darían os minutos engadidos polo que o partido finalizaría co resultado de Galicia de Caranza 1 - Numancia 2.

Colaboradores

Uso de “cookies” Utilizamos cookies propias e de terceiros para mellorar os nosos servizos en relación coas súas preferencias mediante ó análise anónimo dos seus hábitos de navegación. Se continúa navegando, consideramos que acepta o seu uso. Pode obter máis información sobre o uso de “cookies” accedendo a nosa política de “cookies”. Para saber máis sobre as cookies que utilizamos e como eliminar-los, consulta a nosa política de cookies.

Acepto os cookies deste sitio web.