AFECCIONADOS. NUMANCIA, 3 - R. DE NEDA, 1.
TRES PUNTOS PARA LEVANTAR A MORAL
Os de Ares con nove e a dez minutos do final aguantaron o resultado.
Prados Vellos 8 de outubro de 2012.
ALIÑACIONS:
NUMANCIA: Carlos, Martín, Bule, Antón, Costa (Álvaro 80´), Teti, Manu, García, Julio (Juanlu 77´), Javi (Dudi 69´) e Ortega (Rubén 39´).
R. DE NEDA: Agustín, Oscar, Abel, Miguel (Nando 60´), Jonathan, Josiño (Brais 77´), Picu, Michel, Pitu (Manu 57´), Benito e Murias (Martín 46´).
COLEXIADO: David Brito Regadera. Amoestou a Javi e Carlos polo Numancia e a Picu, Josiño, Jonathan e Martín por R. de Neda. Expulsou do Numancia a Bule, Dudi e Fran (adestrador), todos por dobre cartón amárelo.
GOLES:
1 – 0: Julio (40 segundos).
2 – 0: Abel (propia porta, min. 35).
2 – 1: Pitu (min. 45).
3 – 1: Rubén (min. 67).
Partido farragoso e embarullado polas continuas paradas do xogo debido á reiteración das faltas. Este feito desluciu o espectáculo futbolístico e apenas se viron xogadas de combinación prevalecendo o xogo en longo e o patadón. Finalmente levou os tres puntos o que máis acertado estivo de cara a porta.
Aos corenta segundos de iniciado o partido púñase o Numancia por diante no marcador. Julio faise cun balón en profundidade que colle a toda a defensa e porteiro visitante adiantados e que o dianteiro aresán introduce na portería sen ningunha oposición.
O segundo gol do partido chegaría mediada a primeira metade. Rápida xogada de contraataque dos aresanos por banda dereita e en superioridade numérica. Os de Ares á altura do lateral da área cambian o xogo á banda contraria e Abel no seu intento de despexar o balón, para desgraza dos nedenses, marca un golazo por toda a escuadra na súa propia porta.
O Neda acurtaría distancias sobre o asubio final da primeira parte despois do lanzamento dun penalti que detén en primeira instancia Carlos pero o rexeite recólleo e envía Pitu ao fondo da rede. Co resultado de 2 - 1 marcharíamos ao descanso.
No minuto 67 chegaría o 3 - 1 logo dunha internada por banda esquerda de Julio con forte disparo que se estrela no pau, o rexeite remátao Rubén ao fondo das mallas.
No minuto 74, o Numancia queda con dez pola expulsión de Bule, e seis minutos despois, con nove pola expulsión de Dudi quedando os de Ares en clara inferioridade numérica, inferioridade que o Neda non soubo aproveitar para contrarestar o marcador nos dez últimos minutos de xogo. Finalmente chegaríamos ao final do partido co resultado coñecido de Numancia 3 - R. de Neda 1.
Resaltar do partido, debido á reiteración das faltas e as consecuentes protestas, o recital de cartolinas mostradas por David Brito. Ata unha ducia de veces sacou o cartón amarelo, acción que desembocou en tres expulsións por dobre amoestación. E sobre éstas é sobre o que quixese facer fincapé, porque ao meu modo de ver, polo menos duas delas ben puideron haberse evitado. Polo menos espero que sirva para a reflexión.