XUVENIS. MANIÑOS, 2 - NUMANCIA, 4.

IMPORTANTE VITORIA PARA LEVANTAR A MORAL

Partido disputado na fría mañá do sábado no campo de O Pote que antes do inicio do choque presentaba un manto branco froito da xeada nocturna e que pouco a pouco foi diluindo co sol.

 

Maniños 7 de decembro do 2013

FICHA TECNICA:

MANIÑOS: Checho, Demi (Roi), Rober, Ángel (Litos), Dopi (C), Fil, Esteban (Laden), Lamas, Busta, Alex e Sergio.

Adestrador: José I. Mourente Fernandez.

Delegado: Sergio Fernández Pazos.

NUMANCIA: Agustín (Kike), Isaías (Brais), José Manuel, Jesús, Darío, Martín (C), Marcelo, Diego Couce, Ángel, Miguel (Roque) e Iván (Diego Pérez).

Adestrador: Alejandro González Domínguez.

2º adestrador: Manuel Antonio Bardanca López.

Delegado: José Antonio Couce Iglesias.

ARBITRO: Tomás Lorenzo Castro. Amoestou a Laden do Maniños.

GOLES:

0 - 1: Ángel (min. 23), saque de esquina que remata Ángel de cabeza ao fondo da rede.

0 - 2: Ángel (min. 39), xogada individual de Iván que parte dende o centro do campo, corre a banda dereita, á altura da área centro á semilúa para Marcelo que toca ás costas da defensa para Ángel que bate a Checho na súa saída.

0 - 3: Diego Couce (min. 43), pase dende banda esquerda de Marcelo á banda contraria para a entrada de Iván, éste regatea o porteiro na súa saída e pon o balón ao punto de penalti para Couce que marca ante a oposición dun defensa baixo os paus.

1 - 3: Busta (min. 55), centro chut dende banda esquerda que toca Kike, o balón queda morto na área e Busta entrando dende atrás marca a pracer.

1 - 4: Marcelo (min. 75), arranque de Brais dende campo propio, vaise de varios contrarios avanzando varios metros, e pon un pase ás costas dos defensas que recolle Marcelo, éste encara o porteiro e cruza o balón cun disparo a media altura ao fondo da rede.

2 - 4: Sergio (min. 90), balón en longo que disputan José Manuel e Sergio, o dianteiro do Maniños gáñalle a partida ao defensa aresano, encara nun man a man a Kike, regatéao e marca a porta baleira.

 

 

RESUMO:

Partido que comezou cos dous equipos algo fríos, quizais influenciados pola xeada, que aínda era visible nalgunhas zonas do céspede de O Pote. Pouco a pouco fóronse quentando motores e aos cinco minutos os de Ares tiñan unha boa oportunidade cun disparo de Ángel dende a frontal que se lle escapa ao porteiro, pero vaise pegado á base do pau. Pero foi o Maniños o que antes poñía a seu maquinaría a punto e empezou a chegar con perigo á área numantina que pasaba algúns apuros defensivos. Aos dez minutos oportunidade para os locais, centro dende banda esquerda e Alex só no segundo pau envía o balón fóra. Neses minutos era os locales os que xa tiña a súa maquinaria a réxime ante un Numancia que non daba quentado motores.

Mediado o cuarto de hora de partido os de Ares fóronse desperezando e comezaron a chegar con certo perigo á área local. No minuto vintetres adiántanse os de Ares á saída dun córner que remata Ángel á rede. A raíz do gol, os de Ares levantaron os ánimos e pasaron claramente a ter a pelota ante un Maniños que se foi diluíndo a medida que avanzaba o partido. Pero malia ter a posesión os de Ares apenas inquietaban a área dos de O Pote.

Sobre a media hora de xogo, cambio de posición dalgúns xogadores no Numancia e os de Ares comezan carburar chegando con moito perigo á área. Froito dese achegamento chegaría o segundo gol visitante despois dunha boa xogada de combinación que define Ángel ante a saída do porteiro local. Apenas uns minutos despois xogada de contragolpe dos de Ares que culmina Diego Couce para poñer o 0 - 3 no marcador, resultado co que chegaríamos o descanso.

Na reanudación e cando apenas levabamos cinco minutos de xogo os de Ares tiveron tres claras ocasións para matar definitivamente o partido. Pero nin Marcelo, nin Iván, nin Martín foron quen de acertar entre os tres paus, en parte tamén debido a dúas boas intervencións do porteiro local. Os de Ares perdoan e poucos minutos despois ven como o Maniños acurta distancias por medio de Busta que establece o 1 - 3. Despois do gol local, novamente Marcelo desaproveita un man a man co porteiro. Á inchada visitante comezaban a virlles recordos pasados de situacións similares nas que se perdoaron ocasións e remataron pagándose caras. Afortunadamente no día de hoxe non se deu o caso.

Con moito centrocampismo e apenas ocasións chegaríamos ao minuto setenta e cinco. Minuto no que Brais pon orde no partido cunha bonita xogada individual que culmina Marcelo, quen nesta ocasión non perdoa diante do porteiro para establecer o 1 - 4. A partir de aquí volveron os de Ares a ter a pelota e a levar a iniciativa. Volveron as ocasións, a máis clara un disparo en rosca de Roque que se estrela no pau. De novo o desacerto e o porteiro local interpuxeronse entre os dianteiros numantinos e o fondo da rede.

No minuto do tempo regulamentário chegaría o segundo tanto local obra de Sergio que establecía o resultado definitivo de Maniños 2 - Numancia 4.

En resumo, non foi un partido moi brillante dos de Ares, aínda que si hai que dicir que foron os que puxeron o pouco fútbol que se puido ver fria maña do sábado en O Pote. Pero temos que quedar co positivo, a vitoria. Victoria que podería ser importante de cara a recuperar a confianza despois de catro xornadas consecutivas obtendo derrotas. Esperemos que este resultado levante os ánimos para afrontar o complicado partido que se presenta o próximo fin de semana fronte o Galicia de Caranza "B" en Prados Vellos.

 

Uso de “cookies” Utilizamos cookies propias e de terceiros para mellorar os nosos servizos en relación coas súas preferencias mediante ó análise anónimo dos seus hábitos de navegación. Se continúa navegando, consideramos que acepta o seu uso. Pode obter máis información sobre o uso de “cookies” accedendo a nosa política de “cookies”. Para saber máis sobre as cookies que utilizamos e como eliminar-los, consulta a nosa política de cookies.

Acepto os cookies deste sitio web.