XUVENIS. PERLIO, 1 - NUMANCIA, 1.

CINCO XORNADAS E TERCEIRO EMPATE.

Aos de Ares cústalles acertar entre os tres paus, hoxe ante o Perlio tiveron as súas oportunidades, pero a "madeira" e o porteiro interpuxéronse no seu camiño.

 



Perlio 12 de outubro de 2013

ALIÑACIONS

PERLIO: Dani Pena (Aarón), Sergio (Cabana), Lago (Roberto), Rodri, Gabeiras (C), Carrera, Cris, Jaime Leira, Jaime Caneiro (Manu) Adrián (Diego) e Varela.

Adestrador: Miguel A. Carballeira García.

Delegado: José M. Antón Rey.

NUMANCIA: Xaime (C), José Manuel (Couce), Darío, Jesús, Alberto (Isaías), Miguel (Roque), Marcelo, Iván, Adrián e Ángel (Miguelito).

Adestrador: Alejandro González Domínguez.

2º adestrador: Manuel Antonio Barcanca López.

Delegado: José Antonio Couce Iglesias.

ARBITRO: José Luís Corral Franco. Amoestou a Lago, Jaime Leira e Manu polo Perlio. E polo Numancia a Isaías e Roque.

GOLES:

0 - 1: min. 6, xogada individual de Iván que parte do centro do campo internase por banda esquerda en campo rival regateando e deixando atrás os defensores. Próximo á altura da área encara ao centro, alcanza a semilúa e de forte disparo supera por arriba o porteiro.

1 - 1: min. 39, saque de esquina que Gabeiras remata sen oposición ao fondo da rede.

 



Partido que comezaba con dous equipos algo tímidos e que tomaban moitas precaucións nos minutos iniciais. As hostilidades rompíanas os visitantes aos seis minutos de xogo despois dunha bonita xogada individual de Iván que poñía por diante aos de Ares. O Perlio non se descompuxo e trataba de ter a posesión do balón saíndo dende atrás, pero apenas chegaba á portaría aresana. Os de Ares á contra e en xogadas individuais eran os que creaban o perigo. Ao cuarto de hora de partido un pase na frontal de Iván sobre Ángel quen dispara cruzado, é sacado baixo os paus por Gabeiras. Malia a posesión e a marcar o tempo do partido os locais non chegaría con perigo ata o minuto vinteun cun disparo de Cris que detén Xaime. Cinco minutos despois, unha xogada embarullada na área do Numancia remata cun disparo de Varela que se estrela na base do pau. A réplica daríaa Ángel despois dun mal saque do porteiro local, o dianteiro aresano faise co balón pero dispara frouxo e o gardameta emenda o seu erro. Nos minutos finais os de Ares descompuxéronse un pouco ante un Perlio que continuaba tendo a pelota e chegaba con perigo á área aresana. A cinco minutos do descanso, á saída dun córner Gabeiras empataba para os locais. Co resultado de 1 - 1 marcharíamos ao descanso, nunha primeira metade co balón e o xogo baixo a batuta local, cun Numancia que xogou a arreóns pero con moito perigo.

Comezaba a segunda parte sen un dominador claro, o Perlio xa non tiña a fluidez e o control amosados na primeira metade, en detrimento dun Numancia que tiña algo máis de iniciativa. Así transcorrerían os primeiros vinte minutos de partido, cando chegaría unha nova ocasión para os de Ares, pero o disparo de Ángel tócao o gardameta e remata no longueiro. O Perlio non quería ser menos e na xogada seguinte, á saída dun córner, rebumbio na área aresana que salva Darío baixo os paus e que remata cun disparo de Jaime Leira tamén ao longueiro. Como non ían ser dous sen tres, cinco minutos despois, libre indirecto para os de Ares, toca Iván e Martín dispara de novo ao longueiro. Os últimos dez minutos do partido foron os do descontrol por parte duns e outros. As présas por alzarse coa vitoria provocaron un ir e vir dun lado a outro do campo con algunhas chegadas perigosas sobre todo a balón parado. Destacar de todas elas unha gran xogada por banda esquerda de Marcelo con pase interior cara a Iván, éste regatea ao seu marcador e dispara a queimarroupa, respondendo o gardameta local cunha gran parada e o balón marcha por enriba da portaría. Podería ter sido o gol da vitoria, pero non foi así.

En resumo partido non moi brillante no que calquera dos equipos se puido alzar coa vitoria. Primeira parte de control local, cun Numancia perigoso á contra. Segunda metade de descontrol xeral e na que os de Ares estiveron cunha marcha máis durate boa parte deste periodo.

Uso de “cookies” Utilizamos cookies propias e de terceiros para mellorar os nosos servizos en relación coas súas preferencias mediante ó análise anónimo dos seus hábitos de navegación. Se continúa navegando, consideramos que acepta o seu uso. Pode obter máis información sobre o uso de “cookies” accedendo a nosa política de “cookies”. Para saber máis sobre as cookies que utilizamos e como eliminar-los, consulta a nosa política de cookies.

Acepto os cookies deste sitio web.