AFECCIONADOS: BARALLOBRE, 2 - NUMANCIA, 5
PITA: “TEMOS MOITA PÓLVORA ARRIBA”
Un dos xogadores máis valorados pola afección no partido do Ramo foi o dianteiro Alejandro Pita, aínda que hoxe non puido anotar ningún gol.
Ares, 1 de outubro de 2017.
Está sendo un piar desde que comezou esta Liga: incisivo, dinámico, infatigable e goleador, Pita sempre ofrece unha gran intensidade nas súas accións e eleva o nivel competitivo do equipo.
Esta tarde non conseguiu ningún gol no campo do Ramo ante o Barallobre, pero si participou en moitas xogadas e deu boas asistencias:
- Esperabas unha vitoria tan avultada?
- Tan avultada non, pero si sabía que estabamos moi metidos no partido e que podiamos levar os tres puntos.
- A defensa local deu moitas facilidades?
- Ocorre que temos moita pólvora arriba e entendémonos moi ben.
- Ou sexa que estás moi cómodo cos compañeiros á hora de organizar os ataques?
- Si, certamente. Temos moi bo grupo e estou moi cómodo.
- Debedes mellorar algún aspecto para ser un equipo máis temible?
- Sufrimos unha circunstancia que non podemos resolver: durante a semana non podemos adestrar todos xuntos xa que hai compañeiros que non poden asistir por mor dos estudos.
- Persoalmente, onde te encontras mellor: de extremo ou de dianteiro centro?
- As dúas posicións me gustan. Síntome moi cómodo de extremo pois xa estou acostumado e de dianteiro non tanto. Non obstante, síntome cómodo nas dúas posicións.
- Volvendo ao partido, houbo un momento crítico na segunda parte, cando o Barallobre se puxo un 2 -4. Temiches pola remontada?
- A verdade é que non. Confiaba no equipo e xa se viu que loitamos ata o final. Sabía que íamos sacar a vitoria.
- O próximo partido recibides en Prados Vellos ao Cebarca, un dos posibles rivais para as posicións altas nesta primeira fase. Dános un prognóstico.
- Tamén sacaremos os tres puntos. Aposto por un 3 – 1.
Pois ata aquí as declaracións dun xove “veterano” do equipo do Numancia.