PRIMEIROS ANOS.

No ano 1929, da fusión dos dous equipos existentes en Ares, O Aresano e O 'Rompe e Racha', nace o Numancia F.C.

Bernardo Martínez Oller, un dos fundadores do equipo apunta que “o nome tan histórico con que bautizamos o club, penso que foi polas leccións de Historia de España que un gran mestre da Alianza nos ensinaba a cotío; semella que nos pareceu ben a todos a xesta da heroica resistencia dos numantinos”.


DESPOIS DA GUERRA

En decembro de 1947, estando na barbería de Antonio Fernández Vázquez un grupo de afeccionados ao fútbol, D. Juan Antonio Ares Leira propón a idea de crear un equipo de fútbol.

O primeiro problema a resolver era o tema económico e unha comisión formada por: D.Juan Antonio Ares Leira, D. José María Rodríguez González (Pepe Marruán), D. Xullo Vázquez Escudero, D. Mariano Branco Alonso e D. Higinio Branco Alfonso, saíron a pedir aos veciños de Ares polas casas, recadando unhas trescentas pesetas.

O primeiro que fixeron co diñeiro foi comprar un balón usado, pero en perfectas condicións, a D. Juan López García (coñecido por Frasquillo). Empezan os primeiros socios con cota mensual dunha peseta e dunha cincuenta. Xa avanzado o ano 1948, o Sr. Alcalde, a petición dalgúns concelleiros, compra un xogo de camisetas, pantalóns e botas; as camisetas eran amarelas e negras a franxas verticais.


PRIMEIROS PARTIDOS

O primeiro presidente, desde decembro de 1947 ata setembro de 1948 foi d. Emilio Martínez Cartelle, e baixo a súa presidencia empezáronse a xogar os primeiros partidos. O resto da directiva estaba formada por: Juan Antonio Ares Leira, Antonio Fernández Vázquez, Antonio Varela Manivesa, Alfonso Martínez Fernández, José Martínez Fernández, Juan Carro Piñeiro, Alejandro Espiña Espina, Mariano Blanco Alfonso, Julio Vázquez Escudero e Ángel Sánchez Gómez.

O día seis de Maio de 1948 xógase un partido co Ártabro de Cervás, onde entre outros destacaba Toñito Rei. Este partido foi xogado na praia. Gañando o Numancia por 2-0, racadándose en devandito partido 55 pesetas. Para poder xogar na praia tivéronse que facer unhas porterías de quitar e poñer, suxeitando o traveseiro cuns parafusos. Para as porterías buscouse un olmo e foron a por el, ás doce da noite, D Juan Antonio Ares Leira, D. Miguel López Pérez, D. Victoriano Ferrol (de alcume O Catalán), D. Juan Pérez (de alcume Peneca).

Con data do 3 de xuño deste mesmo ano o presidente do Numancia solicita do concello “a construción dun campo de deportes, suxerindo os terreos denominados “xabres” situados ás costas da praia da vila e que segundo parecer da xunta directiva é o lugar máis apropiado”

O día 13 de Xuño de 1948 xógase un partido en Limodre gañando o Numancia por 4-1. O 20 de Xuño de 1948 o Numancia viaxa a Miño nunhas lanchas de pesca, gañando o partido ao Miño. O Numancia segue xogando partidos amigables con equipos como o Hispania, Galiano, Esteiro, "E" da Graña, Eumesa, Maniños, Ánimas. No Numancia xa empezaban a xogar soldados e mariñeiros, entre eles neste ano 1948 destacaban: Viñas, porteiro que estaba de soldado en Montefaro; Villar, mariñeiro que era xogador do Celta de Vigo e Violeta, mariñeiro.

No mes de decembro de 1948 empezouse a preparar o campo do Xuncal, desmontando e recheando a base de carretillas. É de destacar a colaboración da maioría dos labradores de Ares cos seus carros e vacas que carrexaron centos de carros de barro e terra. A terra sacouse da cova dos Cristobos, do Petelo, de Papellas, de Vista Alegre, de Besoxo, de Xanes e doutros moitos lugares. Entre os que colaboraron nesta tarefa están: Evaristo o Cantineiro, José de Belo, Anxeliño, José Antonio Otero, Antonio o Lixeiro, Ramón Durán, Pedro Sanjurjo, Atilano Permuy, José Ramón, Benito Zoqueiro, Lito Curbeira, Ramón Escudero.Algúns de Lubre e outros de Ares, xa que foron case todos os que tiñan carros e vacas.

O segundo presidente do Numancia foi D. José Xusto Montero. O Numancia segue xogando partidos amigables con equipos como O Ártabro, Galicia de Caranza, Galiano, Piñeiros, Esteiro, Canido. O 16 de xuño de 1949 o Numancia xoga contra unha selección da Coruña, que trouxeran os irmáns Gumersindo e Antonio, chamados Queixolos; o nome da selección era "Plus ultra" e perdeu o Numancia 5 a 1.


ETAPA FEDERADA (1949-1958).

En xullo de 1949, fedérase o Numancia e ten que presentar un Regulamento Oficial para poder xogar na competición de Modestos de Ferrol.

O Numancia tería que pagar os desprazamentos dos once equipos de Ferrol cando xogaban en Ares, para xogar esta competición federada, ademais dos gastos de arbitraxes. Por riba, o Numancia quedaría excluído do reparto das taquillas recadadas no campo de Batallóns.

O Numancia viste camisetas vermellas con pescozos brancos, pantalóns azuis e medias negras.

O primeiro partido oficial de competición xógao co Canido no Campo de Batallones (Ferrol) e  empata a dous goles.

A reseña da prensa di o seguinte do partido:O mércores ás once da mañá e no Campo de Batallóns, cun Numancia de Ares - Canido, deu comezo a liga dos Modestos Ferroláns, no encontro que foi presenciado por numeroso publico e que terminou cun empate 2-2, conseguidos os goles do Numancia por Vaquero e Gelucho (Malpica) e os do Canido por Ramón e Basora; caracterizouse polo inesgotable entusiasmo dos numantinos e pola fructífera reacción no segundo tempo do Canido, que valeu a este o non saír derrotado do terreo de xogo co marcador en contra. Polo Numancia destacaron en forma prometedora a súa á esquerda: Gelucho e Chao e o seu extremo Vaquero; e polo Canido Cascuelo, que finalizada a contenda recibiu a medalla do Mérito Deportivo, Ramón e Basora. Este partido foi xogado o 12 de Outubro de 1949.

Na temporada 1952/53 o Numancia proclámase campión entre 12 clubes, solicitando o ingreso na serie A Rexional, solicitude que resulta aceptada pola Federación Galega de Fútbol.

Curiosidades:

  • Acta do 15 de outubro de 1950:
    “Acórdase nomear unha comisión técnica formada por tres directivos, co obxecto de asesorar ao adestrador nas súas funcións, debendo este entregar con 24 horas de antelación a cada partido, a alineación do equipo, co fin de estudar conxuntamente as posibilidades de mellora e a táctica a seguir”.
  • Acta do 1 de xaneiro de 1951:
    “noméase presidente de honor do club ao veciño desta vila e Teniente Coronel a Marina, D. Luis González Perbel, polas súas actuacións desinteresadas prestadas en todo momento ao club. Tamén se acorda nomear socio de honor ao que fora preparador do equipo, d. Roberto Caselas, polos desinteresasdos servizos durante o desempeño do seu cargo”.
  • Acta do 8 de abril de 1951:
    “acórdase, por unanimidade, nomear presidente de honorario deste club ao Excmo. Sr. D. Francisco Núñez Rodríguez, capitán de navío polas atencións prestadas ao club”.

Durante cinco temporadas participan nesa categoría Rexional, da que se retiran en 1958, por mor da falta de recursos económicos, transcorrendo dous anos sen participar en ningunha competición


COMPETICIÓN DA RÍA (1960-1975)

O 15 de Decembro de 1957 o Club compra en propiedade as primeiras parcelas de terreo do campo do Xuncal; en total, segundo documentos vellos, compráronse uns oito ferrados, pero cando chegou o momento da súa venda quedáronlle soamente 4.150 m2; como nese terreo había varios propietarios con documentos feitos de máis ou menos por ferrado, un experto fixo un estudo de toda a superficie que tiña e resultou que non había tantos ferrados, entón en partes proporcionais todos tiveron que perder un pouco.

Na temporada 1960 solicítase o ingreso na competición Ría de Ferrol, quedando terceiros na Liga e campións no primeiro trofeo “Concepción Arenal”. A alineación do Numancia no partido final deste trofeo, disputado co Esteiro, foi a seguinte: Fonte; Blanco, Biosca, Méndez; Suárez, Chucho; Moya, Lipe, Gabriel, Chente e Iza. A crónica desta final recolle as incidencias deste encontro, entre as que cabe destacar que o Numancia, con oito xogadores (foran expulsados Lipe –o mellor xogador do equipo-, Blanco e Chucho), e con empate a dous no marcador (goles de Iza e Chente), consegue  o terceiro gol que lle dá a vitoria. O  capitán do Numancia, Fonte, recibiu o trofeo entregado polo alcalde de Ferrol.

Na temporada 60-61 o persoal do Numancia estaba formada por: Dubido e Mingola, porteiros; Blanco, Chucho e Magariños, defensas; Pradous, Suárez e Chente, volantes; Lope, Sevila, José Luís San Gabriel. Iza Meigariños II e Piñeiro, dianteiros. Anxo Sánchez Gómez era o adestrador.
Participa nesta competición de Modestos de Ría, ata o ano 1975.

Curiosidades:

  • Acta do 1 de maio de 1960:
    ”...que se celebre un torneo no mes de agosto para celebrar a inauguración do peche do campo e vestiarios, coa participación dos seguintes equipos: Galicia de Mugardos, Calvo Sotelo de As Pontes, Galicia Caranza e Numancia”.
  • Carta aberta do presidente Antonio Vázquez, datada en xaneiro de 1962:
    “...o próximo domingo, 14, celebraremos un encontro entre o Galicia de Mugardos e o noso equipo que, ademais ten a finalidade de realizar unha pequena homenaze a Juan A. Ares Leira, a quen lle será imposta a insignia de oro do Numancia S.D.”
  • Acta do 30 de agosto de 1964:
    ”O club entrega ao homenaxeado, Marcelino, dunha artística copa de prata coa insignia do club en ouro. Este, pola súa parte, invitou aos xogadores e directivos a unha merenda de confraternidade”.

Na temporada 66-67 o equipo de xuvenís do Numancia consegue o Campionato de Liga, ascendendo de categoría para xogar a seguinte tempada o Campeonato de Galicia Norte; entre outros xogaban neste equipo campión: Perico Pazos, Jesús Manuel, Juan de Chanteiro, Nelo, Mahía, Juan Ramón, Lolo, Pita, Pacucho, etc.

En 1968, sendo presidente d. Rafael Mesías Vázquez, o Numancia legaliza o seu patrimonio, pasando a denominarse Sociedade Deportiva e Recreativa Numancia de Ares, con domicilio social provisional na Tarrafa ubicada na avd. Saavedra Meneses. Son aprobados os Estatutos de devandita Sociedade polo Ministerio da Gobernación e Goberno Civil da Coruña cos números 9365 e 192 dos Rexistros Nacional e Provincial respectivamente.

Curiosidades:

  • Acta do 29 de maio de 1968:
    “Comprobada a lesión do xogador Antonio López García (luxación do peroné da perna dereita), tendo marxe de curación para un mes como mínimo, polo que é necesarioi abonarlle o soldo, tendo en conta que a Mutualidade só lle paga cincuenta pesetas diarias”.
  • Acta do 30 de maio de 1969:
    “infórmase que o partido de homenaxe ao sr. D. Juan Carro Piñeiro, secretario do club, será o 27de xullo, enfrontándose o Numancia e unha selección de modestos da ría”.
  • Acta do 30 de outubro de 1969:
    “Acórdase a creación dunha sección de remo, denominándose Marítimo Numancia”.
  • Acta do 29 de xullo de 1970:
    “un grupo de rapazas da localidade se ofrecen para xogar un partido contra as de Pontedeume, aceptándose a proposta”.
  • Acta do 3 de outubro de 1971:
    “... traspasouse ao Club Ferrol o xogador “Pacucho”.
  • Acta do 16 de setembro de 1974:
    “apróbase a proposta de presentar o equipo de infantís”.

1975-1980: unha paréntese

En 1975 decide a venda da súa parte do campo de fútbol do Xuncal e o 14 de Outubro de 1976 compra 20 ferrados no lugar denominado de Prados Vellos, comezando a construción do actual campo.

Acta do 27 de febreiro de 1977: “Al carecer de campo onde practicar o fútbol, a sociedade viuse apartada das competicións oficiais. (...) O sr. Ares Leira expresa o seu agradecemento pola confianza con que distinguiron á comisión que preside” (comisión xestora para a venda do campo e compra de terreos, da que tamén formaban parte Cesáreo Franco Maceiras e Domingo Franco Rodríguez). Nesa mesma reunión, o sr. Ares solicita “a culminación da obra que agora ten que iniciarse: a construción do tan desexado e irrenunciable campo de fútbol”.


PRADOS VELLOS (1980-2007)

Na temporada 80-81 o primeiro equipo do Numancia volve á Competición de Ría, na que non participaba desde 1975, ao non dispoñer de campo de fútbol; nesta temporada 80-81 e na seguinte 81-82, o Numancia xoga os seus partidos como local no campo do Barallobre.

Xa na temporada 82-83 xoga toda a primeira volta da Liga fóra de casa e a segunda no novo campo de «Prados Vellos» de Ares, o cal se inaugura despois do esforzo de directivos, socios e colaboradores por dotar a Ares dun campo de fútbol, propiedade da S. D. R. Numancia. Coincidindo coa inauguración do campo, nesta temporada 82-83, o Numancia proclámase Campión da Liga e Copa de 2ª Rexional, ascendendo a 1ª Rexional.

En 1.983 a Asemblea aproba os Novos Estatutos remitidos pola Xunta de Galicia.

Na temporada 95-96 e 96-97 o equipo cadete do Numancia proclámase Campión da Liga.

Como resultado da construcción do campo o Numancia viuse obrigado a pedir uns préstamos bancarios que ao final resultaron moi difíciles de asumir polas distintas directivas. A situación chegou a ser desesperada xa que o campo estaba hipotecado e ante o grave risco de perder algo polo que tanto se loitou xorde un grupo de mulleres, inicialmente eran doce, puxéronse a traballar para intentar salvar o que parecía imposible. Mediante petición polas casas e unha serie de rifas conseguiron que o campo siga sendo propiedade do Numancia.

Na temporada 1999-2000 o Numancia de afeccionados proclámase campión de 2ª Rexional, conseguindo o ascenso.

En abril de 2004 adáptanse os novos estatutos que rexirán o funcionamento da sociedade.

Na asemblea do 16 de xuño de 2006 trátase o tema da cesión das instalacións da entidade ao concello, para poder solicitar a construción dun campo de herba artificial. Esa cesión tería, entre outras, as seguintes condicións: “ o concello (...) deberá concederlle exclusividade ou preferencia no seu uso ao Numancia, que seguirá tendo o seu domicilio e local social nas citadas instalacións”


CÉSPEDE DE HERBA ARTIFICIAL (2007-.....)

Consideramos que na temporada 2007-08, comeza unha nova etapa na historia do Numancia. A dotazón dun céspede de herba sintética significa o inicio dunha nova andaina, onde os futbolistas poderán disfrutar durante todo o ano dunhas instalacións que permiten adestrar e xogar todos os días e a todos os equipos.

Actualmente o Numancia participa con sete equipos federados nas competicións de 2ª Autonómica, Xuvenís, Cadetes, Infantís, Alevíns, Benxamíns e Prebenxamíns. Ademais, conta cun grupo de nenos de 4 e 5 anos (biberóns) que se inician no fútbol, xogando nunha liga non federada.
 

Uso de “cookies” Utilizamos cookies propias e de terceiros para mellorar os nosos servizos en relación coas súas preferencias mediante ó análise anónimo dos seus hábitos de navegación. Se continúa navegando, consideramos que acepta o seu uso. Pode obter máis información sobre o uso de “cookies” accedendo a nosa política de “cookies”. Para saber máis sobre as cookies que utilizamos e como eliminar-los, consulta a nosa política de cookies.

Acepto os cookies deste sitio web.