EMPRESAS

SDR Numancia de Ares. Empresas. Asesoría OCAMPOASESORÍA OCAMPO: ASESORÍA FISCAL E LABORAL E ADMINISTRACIÓN DE FINCAS

 


Hoxe comezamos unha serie de entrevistas nas que pretendemos presentar as actividades e servizos que prestan aquelas empresas que colaboran coa SDR Numancia. Comezamos con ASESORÍA OCAMPO por unha razón conxuntural: o equipo cadete acaba de estrear unha equipación subvencionada por esta empresa, e aproveitamos a presenza de Cristina Ocampo en Prados Vellos para manter unha conversa.
- Dende cando funciona Asesoría Ocampo e cal foi o motivo de estar en Ares?
- A idea de montar unha asesoría en Ares naceu no ano 93 e o proxecto fíxose realidade en novembro de 1994. O negocio abriu as súas portas concretamente o dous de novembro de 1994, logo de buscar un local, mercalo e acondicionalo. Non tiñamos ningún tipo de relación previa coa localidade, vimos a Ares a pasear, e xa ves, acabamos vivindo en Ares, cun negocio e cun fillo que é aresán, polo que dificilmente buscaremos outro destino.
- Que servizos presta a empresa? Está consolidada?
- A empresa presta servizos de asesoría fiscal e laboral tanto a empresas como a particulares e tamén somos administración de fincas, xestionando todo o relativo a comunidades de propietarios e propiedade horizontal. Ademais lévanse a cabo outros traballo dirixidos a particulares como arrendamentos, xestións ante tráfico, impostos de sucesións, etc....
A nivel empresarial os nosos clientes reciben unha atención integral no relativo a asesoramento e xestión da súa empresa, tanto no relativo ás obrigas coa facenda pública como no relativo ás obrigas sociais. Así mesmo xestionamos subvencións das distintas administracións.
Como administración de fincas o servizo que máis prestamos é a administración de comunidades de propietarios, servizo no que nos especializamos a raíz da demanda existente.
Actualmente é unha empresa consolidada, caracterizada pola fidelidade tanto dos clientes como dos traballadores. Esta actividade baséase moito na confianza, pois ao final sabemos a vida dos nosos clientes, e se o cliente está cómodo e recibe un servizo de calidade, mantense como cliente.
Chegar a este nivel de consolidación é froito de moitas horas de traballo e da responsabilidade de todas as persoas que formamos parte da asesoría, das que están por diante e das que non se ven pero son fundamentais.
- Podes explicarnos o porqué da colaboración de ASESORÍA OCAMPO co Numancia?
- Non recordo con exactitude o ano no que colaborei por primeira vez co Numancia. Mercamos uns suadoiros para a categoría alevín. Xogaban naquel momento nenos que hoxe teñen 24 e 25 anos como Bernardo Pita, Julen, e outros que xa non identifico polo cambio físico que tiveron, ... haberá aproximadamente  uns catorce ou quince anos. Naquel momento era o adestrador desa categoría Fran Bardanca, de feito teño unha fotografía na asesoría na que está o adestrador con todos os xogadores o día que estrearon os suadoiros.
Ademais de colaborar co Numancia trato de colaborar tamén con outras entidades da localidade, xa que considero moi importante o traballo que realizan especialmente en canto a dinamización social e participación cidadá se refire.
A colaboración nunca é rendible economicamente, pois non se reflicte cun aumento de clientes, nin creo que os afeccionados poidan ter en conta se colaboramos ou non coa entidade no momento de elixirnos. Non obstante é rendible persoalmente, pois dalgún xeito formas parte, aínda que sexa mínima, dese conxunto de achegas e contribucións que posibilitan que entidades como o Numancia subsistan.
Aínda que non me gusta o fútbol, son afeccionada do Numancia, asisto con regularidade aos partidos de modestos, aos de cadetes, e algunha fin de semana vexo aos xuvenís e aos infantís. A miña afección veu practicamente imposta polo meu fillo, que como sabedes xoga en cadetes. A afección do rapaz implicou que o pai formara parte da directiva, e que a nai se incorporara pouco a pouco ao fútbol, un pouco por dar continuidade ao costume familiar de participar conxuntamente nas distintas actividades. Así o tempo fixo que pasara de vir sen ganas ao fútbol a estar moi contenta de formar parte da afección do Numancia, pois entre outras cousas posibilitou que coñecera a grandes persoas ás que hoxe aprecio, que doutro xeito non tería coñecido.
Finalizamos esta breve entrevista agradecendo a Cristina Ocampo a súa colaboración co Numancia, un gran exemplo de compromiso e apoio co noso club desde hai anos. Ademais, Cristina xa é unha fiel siareira que vibra e se emociona nos partidos, unha Cristina numantina á que todos lle oímos máis dunha vez a clásica exclamación do
AÚPA NUMAN !

 


 S.D.R. Numancia de Ares. Dª Cristina Ocampo.S.D.R. Numancia de Ares. Equipo Cadetes Temporada 2009-2010

Uso de “cookies” Utilizamos cookies propias e de terceiros para mellorar os nosos servizos en relación coas súas preferencias mediante ó análise anónimo dos seus hábitos de navegación. Se continúa navegando, consideramos que acepta o seu uso. Pode obter máis información sobre o uso de “cookies” accedendo a nosa política de “cookies”. Para saber máis sobre as cookies que utilizamos e como eliminar-los, consulta a nosa política de cookies.

Acepto os cookies deste sitio web.