REMO. FINAL DO CAMPIONATO DE ESPAÑA DE BATEIS

CAMPIOAS DE ESPAÑA. ARES: MEDALLAS DE OURO E BANDEIRA EN PROMESAS FEMENINAS
Superaron todas as expectativas e avantaxaron en case oito segundos a Astillero, segundo clasificado.

Ares, 25 de abril de 2010
Nunha soleada mañá celebrouse en Ferrol o LXVII Campionato de España de bateis, un día histórico para os remeiros aresáns, pois conseguiron o seu primeiro campionato estatal.
Ambiente festivo no que os ánimos aos remeiros participantes eran constantes así coma a presenza de bandeiras, camisetas e outros distintivos dos clubs galegos, vascos, cántabros e astures, dando un colorido impresionante e creando un clima de auténtico espírito deportivo.
Minutos antes do inicio das finais A, gardouse un respectuoso minuto de silenzo, cos remos mirando ao ceo, en memoria de Juan Antonio Samaranch, presidente de honor do Comité olímpico Internacional.
E chegou o momento desexado. Numerosos afeccionados aresáns agardaban poder celebrar esta vitoria, tal era a confianza nestas rapazas. Compoñentes do club de remo, familias dos remeiros participantes neste campionato, directivos, amantes do remo e tamén, o sr. alcalde de Ares, d. Julio Iglesias, todos e todas, preparadas para a festa. O xuíz deu a saída e o batel aresán xa se colocou en primeira posición, viraron as primeiras e cando aínda faltaban 250 m a alegría xa se desbordou. Unhas auténticas campionas,  AIDA CARRO, MARÍA SAAVEDRA, NICOLE MAROÑO E SHEILA FERNÁNDEZ, con ALEJANDRO PERMUY (PATRÓN) xa tiñan as súas medallas de ouro e o club de remo de Ares sumaba outra bandeira máis. IMPRESIONANTE!
Houbo quen non puido conter a súa emoción e lanzouse ao mar para felicitar ás nosas remeiras e, por suposto, lágrimas de ledicia, apertas, vítores e aplausos. Un gran día para todos os aresáns.
Non podemos esquencernos dos infantís que, aínda sen medalla, conseguiron meterse na final, quedando na quinta posición. IVÁN ROMERO, JULIÁN SIXTO, JONATHAN AGUILAR E BRAN RODRÍGUEZ, parabéns pola vosa actuación.
Evidentemente, a xornada non podía rematar así. Quedaba a entrada en Ares, faltaba o recibimento triunfal, o recoñecemento a todo o club de remo aresán pola súa brillante temporada en bateis. 
Mentres non aparecían as furgonetas coas auténticas protagonistas, foron xuntándose coches engalanados con globos e bandeiras. E nada máis observar a súa presenza comezaron a soar os claxons dos autos e a corear : Campiooooooas...! Campioooooooas!, oé, oé ....
Paseo triunfal con caravana de coches desde a entrada da vila ata o local do club de remo, con varias paradas, e posterior procesión ata o concello. Desde o balcón, as medallistas de ouro ondearon a bandeira que as acredita coma CAMPIOAS DE ESPAÑA. E o sr. alcalde proclamou: VIVA O CLUB DE REMO DE ARES!. Como dixo un aresán: Julio, que afortunado es por ser hoxe o alcalde!
Día para non esquecer, para figurar con letras de ouro na historia de Ares.

O cadro completo cos bateis vitoriosos deste campionato de bateis de España é o seguinte:
ABSOLUTO MASCULINO: ASTILLERO
XUVENÍS: VILAXOÁN
CADETES: RIANXO
INFANTÍS: VILAXOÁN
ABSOLUTAS FEMININAS: SAMERTOLAMEU
XUVENIL FEMININA: ZUMAIA
PROMESAS FEMININAS: ARES

Rematou unha brillantísima temporada de bateis, sen dúbida algunha a mellor de todas, pero agora comezará a temporada de banco móbil, con moitas ilusións.

 

Uso de “cookies” Utilizamos cookies propias e de terceiros para mellorar os nosos servizos en relación coas súas preferencias mediante ó análise anónimo dos seus hábitos de navegación. Se continúa navegando, consideramos que acepta o seu uso. Pode obter máis información sobre o uso de “cookies” accedendo a nosa política de “cookies”. Para saber máis sobre as cookies que utilizamos e como eliminar-los, consulta a nosa política de cookies.

Acepto os cookies deste sitio web.