REMO. FINAL DO CAMPIONATO GALEGO DE BATEIS

CAMPIONÍSIMAS
As promesas femininas fixéronse coa bandeira mentres os infantís aseguraban o pase ao campionato de España co seu terceiro posto. Os cadetes, cuartos, quedan fóra.

 

Póboa do Caramiñal, 18 de abril de 2010.
Comezou a final deste campionato galego de bateis cunha emotiva homenaxe á condesa de Fenosa, dona Carmela Arias, benefactora deste 25ª trofeo de remo, un deporte que, en palabras do seu sobriño: “fomenta valores como o esforzo, o sacrificio, a disciplina e o compañerismo”. Unha vez finalizados os discursos oficiais, depositouse unha coroa de loureiro no campo de regatas e cantouse a salve mariñeira mentres os remeiros mantiñan en alto os seus remos.
E chegou o momento da verdade, a hora de intentar recoller o premio ás múltiples sesións de adestramento durante o inverno.
A primeira regata foi a das promesas femininas na que Ares tiña depositadas moitas esperanzas. E non nos defraudaron. Unha vez máis, realizaron unha auténtica exhibición. Impresionante a súa demostración de poderío. NICOLE, MARÍA, AIDA, SHEILA e BOLITA (patrón) non deixaron marxe de dúbida e entraron na meta con catro segundos de vantaxe sobre Amegrove, segundas clasificadas. Foi a primeira alegría, a bandeira xa era para Ares.
A clasificación quedou así:
1º Ares (4.22)
2º Amegrove (4.26)
3º Samertolomeu (4.30)
4º Esteirana (4.31)
5º Vilaxoán ((4.34)
Ares, Amegrove e Samertolomeu clasifícanse para o campionato de España.

 

Este foi o resultado da segunda regata (xuvenís feminino):
1ª Robaleira
2ª Chapela
3ª Esteirana
4ª Vilaxoán
5ª Amegrove

A última proba das mulleres foi a Absoluta feminina, con estes resultados:
1ª Samertolomeu
2ª Náutico de Vigo
3ª Cabo de Cruz
4ª Bueu
5ª Cabana

E volvían a competir os botes aresáns na primeira regata masculina. Os tempos logrados polos infantís nas regatas anteriores apuntaban a unha terceira posición e, efectivamente, entraron terceiros por detrás de Vilaxoán e Cabo. Era a segunda alegría para Ares, outro bote clasificado para Ferrol: IVÁN, JULIÁN, JONATHAN, BRAN e BOLITA (patrón) estarán tamén no campionato de España.
A clasificación final foi:
1º Vilaxoán (4.09)
2º Cabo de Cruz (4.18)
3º Ares (4. 22)
4º Samertolomeu (4.28)
5º Chapela (4.37)

Quedaba a regata máis complicada. Os cadetes clasificáranse na xornada do sábado por moi pouco e tiñan que competir por unha terceira praza moi cotizada. Cumpriuse o guión previsto e os cinco bateis volveron a ofrecer unha preciosa regata disputando palada a palada a súa posición. E tivemos que esperar máis alá do final para coñecer a posición de Ares, tal foi a igualdade que parecía ser necesaria a foto-finish para dilucidar se foran cuartos ou quintos. Finalmente,  os xuíces comunicaron que Ares conseguira unha cuarta posición que o deixa fóra do campionato de España. Aínda así, hai que felicitalos pola súa entrega total. Ás veces, o deporte fainos chorar pero temos que levantar a cabeza e estar orgullosos e satisfeitos porque cando se dá todo, non hai nada que recriminar. Parabéns para DANIEL, ABRAHAM, ADÁN, JUAN e FRAN.
A clasificación dos cadetes quedou así:
1º Chapela (6.02)
2º Rianxo (6.03)
3º Tirán (6.06)
4º Ares (6.08)
5º Amegrove (6.08)

Na regata de xuvenís entraron por esta orde: Vilaxoán, Robaleira e Chapela. E na última proba, a absoluta masculina, venceu Samertolomeu seguido de Chapela e Bueu.

Por tanto, a vindeira fin de semana o club de remo de Ares estará no campionato de bateis de España que se celebrará en Ferrol, con dous bateis: promesas femininas e infantís masculino. Todo un éxito para este modesto club que é quen de competir con entidades infinitamente máis poderosas. O conseguido hoxe ten moitísimo mérito e resulta obrigado darlle os nosos parabéns a toda a familia aresá pero especialmente a aqueles que están día a día ao lado dos remeiros e fan posible esta participación. Desde esta web os nosos sinceros parabéns para Germán (presidente), Maroño (delegado), Pepe e Tombo (adestradores) e Manolo (directivo).
Ah! isto aínda non rematou. Queremos máis éxitos no campionato de España.
 

Uso de “cookies” Utilizamos cookies propias e de terceiros para mellorar os nosos servizos en relación coas súas preferencias mediante ó análise anónimo dos seus hábitos de navegación. Se continúa navegando, consideramos que acepta o seu uso. Pode obter máis información sobre o uso de “cookies” accedendo a nosa política de “cookies”. Para saber máis sobre as cookies que utilizamos e como eliminar-los, consulta a nosa política de cookies.

Acepto os cookies deste sitio web.