REMO. V BANDEIRA DE SANTIAGO SUR
EXCELENTE REGATA DAS PROMESAS
Na tarde do sábado 6 de marzo disputouse esta bandeira de bateis na localidade muradá de Esteiro, organizada pola A.R. Esteirana.
Ares, 7 de marzo de 2010
A participación do C.R. de Ares foi menor da prevista pois debido a problemas persoais varios remeiros e remeiras xuvenís non puideron acudir á cita. Ademais, a participación este domingo en Chapela, nun descenso en traiñeira, impediu a presenza dos senior. Aínda así, presentaron catro bateis con resultados dispares.
As condicións meteorolóxicas foron moi boas, cun mar en calma e sen vento. Os nosos remeiros xa chegaron a última hora da maná e disfrutaron dun xantar campestre na magnífica praia de Esteiro, na desembocadura do río Maior.
Comezou esta bandeira coa regata das promesas féminas. O batel aresán estaba formado por Cristina Reborido (popel), Nerea (2º popel), Aida Carro (2º proel), Sheila Fernández(proel) e Álex Permuy (patrón). Desde un primeiro momento demostraron a súa superioridade e gañaron con autoridade esta proba.
Continuaron as xuvenís femeninas. Ares tivo que completar este batel con dúas promesas e conseguiron unha digna terceira posición. Nicole Maroño (popel), Yudith Maroño (2º popel), Sara Saavedra (2º proel) e María Saavedra (proel), con Sheila Fernández (patroa) formaron nesta ocasión un batel que debe aprender a dosificarse.
As probas masculinas principaron pola categoría infantil. Iván Romero (popel), Julián Sixto (2º popel), Jonathan Aguilar (2º proel) e Bran Rodríguez (proel), con Aida Prieto de patroa completaron unha boa regata e acadaron a cuarta posición.
Por último, os cadetes que saíron pola primeira rúa, protagonizaron a anécdota da xornada. Cando chegaban á primeira ciaboga á par de embarcacións poderosas como Vilaxoán, desviaron a súa traxectoria equivocadamente, confundíndose de boia e saíndo do campo de regatas. Unha mágoa pois estaban realizando unha boa regata. Daniel Vázquez (popel), Juan Sixto (2º popel), Abraham Vázquez (2º proel), Adán Prados (proel) e Álex Permuy (patrón) foron os compoñentes deste batel aresán.
En definitiva, unha primeira participación neste campionato de bateis que se pecha cun balanzo positivo, que deixa ilusionados a todos e crea expectativas de cara a próximas regatas.
Nos póximos días publicaremos os resultados oficiais desta bandeira.
A vindeira fin de semana, o C.R. Ares terá unha xornada intensa. Á participación na proba de bateis de Rianxo súmase a proba de banco móbil nunha regata internacional en Castrelo de Miño, a onde acudirán Aida Carro, Sheila Fernández, Nicole Maroño e María Saavedra. Tamén está prevista a presenza da traiñeira en Navia.
< Anterior | Seguinte > |
---|