Inicio Outros Deportes TORNEO FÚTBOL-PRAIA. 7ª XORNADA
 
 

TORNEO FÚTBOL-PRAIA. 7ª XORNADA

NARANJA MECÁNICA E COCA JUNIORS Á FINAL
Sorpresa por partida dobre nas semifinais de infantís, onde os segundos clasificados de grupo lograron a clasificación para a final.


Ares, 25 de agosto de 2012
Parecía que os campións de grupo sacarían adiante os seus partidos con certa facilidade pero os partidos hai que xogalos, certo é que non se pode vender a pel antes de cazar o lobo.
NARANJA MECÁNICA, 4 – FANTOCHES, 3
O primeiro gol conseguido polo equipo de  Fantoches parecía confirmar a súa superioridade pero só foi un espellismo pois os aresáns de Naranja Mecánica saíron á area cunha motivación altísima e loitaban por cada balón cun enorme ímpeto. Déronlle a volta ao marcador e non se viñeron abaixo co empate a dous goles. Todo o contrario, esperaron polas súas oportunidades en ataque e seguían moi concentrados na defensa, crendo sempre nas súas opcións. No terceiro tempo, o equipo de Fantoches decatouse que tiña un serio problema, que non creaban ocasións e que o resultado estaba no aire. Foi cando se puxeron serios pero aí xurdiu o golazo de Moi que a falta de poucos minutos para o final daba vantaxe á Naranja Mecánica. E o cuarto gol xa sentenciou un partido moi competido e igualado, un auténtico partido de semifinais.
Mención aparte merece o comportamento dos espectadores: por unha banda, os pais dalgúns cativos “culpando” ao árbitro dunha derrota que ata algún dos propios compoñentes de Fantoches cualificaba como xusta; e, por outro lado, daqueles xa non tan rapaces que se entretiñan botando un balón dentro do campo de xogo, tratando de impedir as xogadas en ataque de Fantoches. Lamentable tanto un comportamento coma o outro. Con estas actitudes o único que poden conseguir é que non se celebre outro torneo coma este.

Torneo de Fútbol Playa Ares 2012. Semifinal Infantil. Fantoches - Naranja Mecánica

BANKIA, 2 – COCA JUNIORS, 4
Despois da tempestade soe vir a calma e, efectivamente, cando se puxo punto final á esperpéntica situación vivida tras a primeira semifinal, os cativos de Bankia e Coca Juniors xogaron un bonito e deportivo encontro (coma tamén o fixeran os cativos de Naranja Mecánica e Fantoches). Adiantáronse con dous goles os rapaces de Coca Juniors, ofrecendo un xogo máis de conxunto, de combinación, fronte a un Bankia máis individualista que non vía materializadas as súas ocasións. Aínda así, conseguiron empatar a dous goles e levar a incerteza do resultado final. Foi no terceiro tempo de partido, cando Coca Juniors, máis frescos polas rotacións, conseguiron outros dous goles que lles deron o pase á final.

Torneo de Fútbol Playa de Ares 2012.  Semifinal Infantil. Bankia - Coca Juniors


ÁRBITRO: Jorge Martínez Varela arbitrou as dúas semifinais e non tivo ningunha complicación nos dous encontros.

 


Mañá, xoves 26 de xullo temos dous encontros na penúltima xornada deste torneo:


ALEVÍNS: 19.OO: BANKIA – LOS ESPAÑOLES (última xornada de grupo)


INFANTÍS: 19.45: FANTOCHES – BANKIA (3º e 4º posto)

Colaboradores

Uso de “cookies” Utilizamos cookies propias e de terceiros para mellorar os nosos servizos en relación coas súas preferencias mediante ó análise anónimo dos seus hábitos de navegación. Se continúa navegando, consideramos que acepta o seu uso. Pode obter máis información sobre o uso de “cookies” accedendo a nosa política de “cookies”. Para saber máis sobre as cookies que utilizamos e como eliminar-los, consulta a nosa política de cookies.

Acepto os cookies deste sitio web.