ADESTRADOR DE AFECCIONADOS

SDR NUMANCIA. JUAN ALBERTO, ADESTRADOR DO NUMANCIA. XANEIRO 2010JUAN ALBERTO: “NECESITAMOS MÁIS SOLIDARIEDADE NO ESFORZO, MÁIS COMPROMISO E AGRESIVIDADE”
Neste pequeno parón da liga, Juan Alberto realizou unha avaliación dos problemas cos que se encontra o equipo de segunda autonómica, un Numancia que recibe moitos goles e que non acaba de sumarse ao grupo de cabeza:

 

Ares, 1 de xaneiro de 2010
S.D.R. Numancia de Ares. Temporada 2009-2010. Endrenador de Aficionados. Juan AlbertoLevamos case a primeira volta consumida e encontrámonos cun equipo situado na metade da táboa clasificatoria, moi afastado dos postos de cabeza. Tentaremos facer unha análise da saúde do equipo.
Temos que empezar polos erros cometidos antes do comezo da liga, cando nos apartamos da idea inicial de presentar vinte fichas. Case sen saber como, acabamos con vinte e cinco fichas, demasiadas para repartir minutos, sobre todo cando existen moitas diferenzas de nivel de rendemento duns xogadores a outros. Se ben debemos tender a ter un equipo máis ou menos preestablecido onde non existan demasiadas variantes para obter un maior rendemento, os minutos e as oportunidades que se poden dar ao resto dos xogadores diminúen porcentualmente e isto vai en detrimento da saúde e a convivencia do grupo.
Outro erro cometido á hora de confeccionar o plantel é o feito de ter un equipo construído de adiante cara atrás. Isto creou unha descompensación do equipo cara adiante e, en consecuencia, dificultades a nivel de competitividade defensiva. É inevitable facer comparacións co ano pasado, onde con aparentemente peor plantel, o posto na clasificación era mellor có de agora. A temporada pasada tiñamos moita máis presión na saída do balón do rival, roubabamos moita máis cerca da área rival e dende esas posicións finalizabamos con catro ou cinco toques. Este ano róubase pouco balón nesas posicións e o balón hai que traelo dende a nosa área ata a área rival, temos que ter máis porcentaxe de posesión de balón que o ano pasado para poder chegar á área rival con dez ou doce toques. Dende o comezo da liga decatámonos deste feito e apostamos xa desde os adestramentos a traballar moito máis a saída de balón desde atrás, de apostar por un xogo combinativo onde o porteiro sempre iniciaba o xogo coa liña defensiva. Isto non resultou como esperabamos, quizás polo que comentabamos antes de que somos un equipo desequilibrado cara adiante, quizás nos falte algo de calidade ou de tranquilidade para sacar o balón limpamente dende a liña defensiva. Perdemos moito balón na nosa saída, así como en balóns des segunda xogada, por non facer despexes e tratar sempre de combinar co medio do campo. A parte de goles en contra, isto nos creou inseguridade na zaga. Nos últimos partidos e, sobre todo, desde a lesión de Borja, apostamos por un fútbol máis directo, máis físico no medio do campo, con menos responsabilidade para a zaga no xogo combinativo. Este fútbol nos está levando a perder menos balón atrás e a dotar de máis confianza e seguridade á nosa zaga, seguridade que se está transmitindo ao resto do equipo. Non obstante, non temos totalmente controlado o xogo de segunda xogada e chegamos en moitas ocasións de forma precipitada.
O contraataque, sobre todo con equipos máis combinativos, e outro dos recursos que estamos explotando e que non utilizaramos antes.
Insistimos no feito de que somos un equipo construído de adiante para atrás e isto nos leva a perder equilibrio defensivo, sobre todo cando a isto lle sumamos a falta de intensidade e agresividade ques vimos nalgúns partidos. Debemos decatarnos que valores e cualidades como a solidariedade no esforzo, o compromiso, a loita e a agresividade ben entendidas son moi necesarios para que o grupo funcione e os resultados aparezan. Somos conscientes que despois das grandes expectativas creadas, coas primeiras derrotas tivemos un período de aturdimento similar ao dun boxeador que acaba de recibir un dereitazo na mandíbula do aspirante e non o acaba de crer. Temos que recuperarnos dese golpe e apoiarnos nos valores de solidariedade e compromiso que antes comentamos.
A aposta cega polo xogo combinativo sumada a unha perda de confianza motivou que encaixaramos moitos goles “evitables”, froito de erros puntuais e, en moitos casos, individuais por non despexar o balón ou por non facer un pase longo. Queriamos seguir combinando coa presión do rival enriba nosa,  preto da nosa área, e lles facilitamos o roubo do balón moi preto da nosa portería.
Parece que isto está cambiando, se lle está quitando responsabilidade na saída do balón á liña da zaga e os xogadores actúan menos presionados, con máis confianza e renden mellor. Insistimos moito en catro supostos defensivos que nos están facendo moito daño, movementos defensivos á hora de realizar determinadas coberturas, de como achicar o espazo ao rival así como cando temos que replegar. Este traballo parece que tamén está dando os seus froitos. Seguiremos insistindo.
Arriba continuamos xerando ocasións de gol e o feito de que entren ou non, xa parece depender un pouco da racha particular de cada xogador, o noso obxectivo é seguir xerando ocasións.
Outro aspecto que tamén se traballa con máis insistencia ultimamente é a estratexia ofensiva. Sen dúbida, o traballo das últimas semanas está tendo recompensa como comprobamos nos tres últimos goles, conseguidos tras saque de esquina. Isto axuda a insistir con máis ganas neste aspecto e a darlle a importancia que merece. Todos sabemos que o traballo de estratexia non sempre é divertido e quitarlle froito sempre axuda a collelo con mellor gana.
O medio campo, ao que lle pedimos unha maior presenza física e agresividade debe de ler mellor os partidos, sobre todo debe discriminar mellor cando é conveniente e cando non, facer faltas na transición do rival. Se ben con equipos máis combinativos non nos importa tanto cometer faltas para cortar a súa circulación de balón, equivocámonos facendo o mesmo con equipos de pouca posesión que lle dan gran peso específico no seu ataque aos balóns longos en estratexia. En varios partidos concedemos moitas faltas que posibilitaron ao rival vivir deses balóns longos colgados sobre a nosa área. Algúns puntos escapáronse deste xeito. E por isto, si debemos ser agresivos e ter gran presenza física no medio do campo, mais concedenco moitas menos faltas que ata o de agora.
Tamén estamos traballando moito na circulación do balón na segunda xogada, condensar, cambiar xogo á banda contraria. En certos momentos abusamos do xogo directo.
O grupo debe de crecer afianzándose en valores como o compromiso e a solidariedade no esforzo. Si somos capaces de conseguir isto, todo será máils doado para que cada xogador encontre o seu lugar no grupo, no equipo, para que encontre a súa función e se sinta útil, para que rinda mellor. Os xogadores deben de xogar sen presión, a presión que a leve o adestrador que é o responsable último do equipo.
¡FORZA NUMAN!
 

Uso de “cookies” Utilizamos cookies propias e de terceiros para mellorar os nosos servizos en relación coas súas preferencias mediante ó análise anónimo dos seus hábitos de navegación. Se continúa navegando, consideramos que acepta o seu uso. Pode obter máis información sobre o uso de “cookies” accedendo a nosa política de “cookies”. Para saber máis sobre as cookies que utilizamos e como eliminar-los, consulta a nosa política de cookies.

Acepto os cookies deste sitio web.