PREBENXAMÍNS. VALORACIÓN DA 1ª FASE
JORGE: "A DIVERSIÓN E O BENESTAR DOS NENOS, DEBEN DE ESTAR SEMPRE POR ENRIBA DE CALQUERA OBXECTIVO INDIVIDUAL OU COLECTIVO"
Jorge Martínez, monitor dos prebenxamíns do Numancia e numantino de corazón, déixanos a súa valoración en relación ao acontecido nestes primeiros meses da temporada co equipo prebenxamín.
Ares, 30 de novembro de 2017.
"O Numancia prebenxamín 2017-2018 comezaba a sua temporada o 31 de agosto. Durante o mes de setembro, participaba no Torneo do noso querido, Pedro García Vilar e no da SDR Ánimas de Ferrol nas magníficas instalacións de A Gandara; ademais de xogar partidos amigables en Prados Vellos ante o Eume Deportivo e o Rápido de Neda.
Durante os meses de outubro e novembro, compartiu o grupo "C" da Fase Previa da Liga cos amigos do CD Narón, Galicia de Caranza "B", Narón O Freixo, Eume Deportivo, Racing de Ferrol "C", San Sadurniño e Racing de Ferrol "B". Como dato anécdotico, podemos dicir que o Numancia obtivo 5 vitorias, 1 empate e 1 derrota, finalizando a Fase Previa en 3ª posición. Xogaron no Numancia prebenxamín ata o momento, 6 xogadores do ano 2010 (un deles debuta este ano no fútbol), 4 xogadores do 2011 e 4 xogadores todavía en idade biberón, do ano 2012.
A partir do mes de decembro, o Numancia prebenxamín xogará no grupo 1 da categoría, nunha esixente Liga onde estarán os 10 mellores equipos prebenxamíns de Ferrolterra, Eume e Ortegal, tomando sempre como referencia as clasificacións dos tres grupos da Fase Previa. Nesta Liga, eu agardo que os rapaces melloren e se sigan formando coma pequenos futbolistas. Terán que xogar contra moi bos equipos, formados nalgúns casos íntegramente por nenos de segundo ano. Agardo que os nenos saquen o mellor de si, e resultados aparte, aproveiten estos partidos de bo nivel futbolístico (sempre sen olvidar que estamos en prebenxamíns) para progresar e coller conceptos e experiencia para anos posteriores, como fixeron anteriormente outros nenos que tiven a sorte de adestrar ou axudar a adestrar nas distintas cateegorias do club en anteriores etapas, e aos que desde aquí aproveito para mandar un agarimoso saudo. O mellor premio para un adestrador, é que os nenos que el adestra ou axuda na sua formación deportiva sigan xogando no Numancia ou en categorías superiores durante moitos anos.
En resumo, o mais importante de todo e que non se perda a esencia do fútbol base do Numancia. Xuntarse o fin de semana, para ir a xogar e disfrutar dun partido de fútbol. Cando eu xogaba (ou cando menos o intentaba) agardabamos toda a semana polo venres ou sábado, disfrutábamos ao máximo cada partido, antes, durante e despois. Daba igual que perdéramos por goleada, viñeramos para a casa coas marcas dos balóns Mikasa, dos tacos de aluminio ou chegaramos ao vestuario cheos de barro ata as orellas. Xuntarse cos veciños e amigos do pobo, viaxar xuntos... Adultos e nenos no mesmo barco e simplemente xogar, animar, convivir e disfrutar. Porque problemas na vida xa hai moitos, e o fútbol base non debe ser nunca un deles.
Por último, quero aproveitar para agradecer ao Numancia que confiara de novo na miña persoa para ser o monitor do equipo prebenxamín, e para colaborar tamén no equipo de cadetes e na páxina web. Asímesmo, quero desexarlle moita sorte para o que resta de temporada aos meus colegas e sufridores monitores - adestradores das demais categorías do club. Pase o que pase, agardo que todos podamos gritar con orgullo ao final de temporada iso de...
¡¡¡AÚPA NUMANCIA¡¡¡
"Ninguna medalla vale la salud de un niño"