ALEVÍN A: VALORACIÓN DA PRIMEIRA FASE

MARTÍN: “HOUBO UNA NOTABLE EVOLUCIÓN NO APARTADO DEFENSIVO” 

Meritoria a clasificación do Numancia A alevín, logrando entrar no primeiro grupo, tras unha dura disputa con rivais coma o Val e o Narón.

Ares, 28 de novembro de 2017.

ADR Numancia de Ares. Alevines 2017-2018. Martín monitor de fútbol base.Comezaba esta temporada con moitas dúbidas na familia numantina cando se afrontaba a situación do equipo alevín. Dous equipos? Como se repartían os nenos? Serían suficientes os 21 cativos para camiñar toda a temporada? A día de hoxe, e coñecendo que sempre encontraremos opinións contrarias, o Numancia está máis que satisfeito coas decisións tomadas no mes de agosto. Os dous equipos alevíns están competindo a un bo nivel e están axudando en moitos partidos aos infantís. Hai sacrificios por todos e a entidade vai solucionando semana a semana todos os partidos. 

Tampouco resulta fácil encontrar persoas que regalen o seu tempo libre para atender aos distintos equipos do club e, nesta categoría alevín, tivemos e temos bastantes dificultades. Ás veces non somos capaces de comprender e valorar a entrega e disposición de todos estes monitores que nos están a sacar as castañas do lume. Neste caso, tanto Martín coma Dani Espiñeira (sen esquecer a Fran Bardanca) están poñendo todo da súa parte con este grupo de nenos. 

Hoxe traemos a valoración de Martín, xogador do primeiro equipo, estudante de INEF e monitor do alevín A que finalizou a primeira fase con oito vitorias e dúas derrotas, clasificándose como segundo de grupo: 

“Xa rematada a 1º fase de competición, o alevín A foi capaz de conseguir o obxectivo que nos puxemos ao comezo da temporada de meterse no grupo A.

Empezamos a competición cun equipo practicamente de primeiro ano, que xa levan varios anos xogando xuntos dende temporadas anteriores, pero que tiña que adaptarse á nova categoría e xogar moitos partidos de gran dificultade e podía haber algunhas dificultades relacionadas con isto; pero non foi así, o equipo adaptouse perfectamente á categoría e comezamos os primeiros partidos con boas vitorias despregando un bo fútbol.

Na metade desta competición enfrontámonos aos equipos máis fortes do noso grupo e eses partidos servíronnos de referencia para saber o nivel que os rapaces ían mostrar contra equipos de nivel alto. Aínda que os resultados destes partidos foron 2 derrotas e 1 vitoria, os rapaces demostraron un gran nivel xogando ben ao fútbol e sobre todo, cunha gran defensa, e demostraron que tiñan o nivel necesario para meterse no primeiro grupo. Ao final rematamos esta fase con vitorias nos últimos partidos e rematamos segundos nun grupo moi complicado con moitos equipos que nos puxeron moitos problemas.

Cabe destacar a evolución positiva e progresiva que tiveron estes rapaces ao longo de toda esta primeira fase. Nos primeiros partidos houbo boas fases de bo fútbol, pero ás veces había fases nas que perdiamos o control do partido e nos creaban perigo; isto é algo normal nun equipo que comeza nunha categoría nova e son cousas coas que xa contas que acontezan. Na metade da competición cando nos enfrontamos aos equipos máis fortes do grupo, os rivais puxéronnos dificultades para realizar o noso fútbol, aínda así os rapaces conseguían elaborar un bo fútbol, pero nestes houbo una notable evolución no apartado defensivo onde os rapaces concederon moi poucas ocasións nestes partidos. Ao final desta fase os rapaces lograron conseguir un gran nivel defensivo combinado cun bo fútbol que nos permitía controlar os partidos.

Para rematar, gustaríame destacar o bo ambiente que hai entre os rapaces e as ganas que demostran á hora de xogar e de aprender. Agora mesmo, atopámonos na dinámica adecuada para que os rapaces medren e sigan mellorando.”

AUPA NUMAN!

 

 

Uso de “cookies” Utilizamos cookies propias e de terceiros para mellorar os nosos servizos en relación coas súas preferencias mediante ó análise anónimo dos seus hábitos de navegación. Se continúa navegando, consideramos que acepta o seu uso. Pode obter máis información sobre o uso de “cookies” accedendo a nosa política de “cookies”. Para saber máis sobre as cookies que utilizamos e como eliminar-los, consulta a nosa política de cookies.

Acepto os cookies deste sitio web.