INFANTÍS: VALORACIÓN DA PRIMEIRA FASE

 PAULO:"HAI QUE AFRONTAR A SEGUNDA FASE CON ILUSIÓN E GAÑAS DE APRENDER"

Achegamos a valoración de Paulo González, adestrador xunto a Toni dos infantís do Numancia.

Ares, 22 de novembro de 2017.

ADR Numancia de Ares. Infantiles 2017-2018- Paulo, EntrenadorAdaptándose ás necesidades do club, tanto Toni coma Paulo levan unhas temporadas nas que lles toca sufrir e padecer as consecuencias da falta de nenos na categoría cadete, polo que, como auténticos homes de club, poñen á disposición de Juan Alberto, todos os seus efectivos. Total colaboración coa entidade e xestos impagables que deberan servir de espello para todos. Obviamente, o Numancia só ten palabras de agradecemento para os dous.

A continuación trasladamos a reflexión de Paulo ante estes primeiros meses da temporada:

"Finalizada a primeira fase Infantil, na que os nosos infantís disputaron os partidos correspondentes ao Grupo B, facemos unha pequena valoración do que supuxo para os nosos rapaces e técnicos.


Comezaba o calendario cun partido máis que esixente na casa dun dos candidatos ao título de Liga e a pelexar polo ascenso na zona de Ferrolterra como é o Narón no Cadaval. O equipo aresá, cun plantel moi novo pagaba a novatada na categoría xa no primeiro encontro encaixando 15 goles nunha clara derrota sobre a que poucos comentarios se poden engadir. Lonxe de baixar os brazos con toda a tempada por transcorrer, os nosos nenos foron pouco a pouco adaptándose á categoría e comezando a competir cada vez mellor sobre o verde, en parte grazas a unha gran asistencia aos adestramentos.

Tras unha xornada de descanso, chegou o derbi contra o Galicia de Mugardos, apaixonante e con moita afección. Ao final dos oitenta minutos, empate a un gol. A seguinte xornada tivo a mesma sintonía, con máis pelexa que fútbol, e que finalmente lle daría ao noso infantil o segundo punto no seu casilleiro tras voltar a empatar desta vez a tres goles na Gándara de Ferrol contra a Escola do Racing CF.

Chegaba xornada entre semana cos nosos rapaces xa máis metidos no ritmo competicional que esta categoría esixe e visitaba Prados Vellos un equipo moi duro de bater coma é sempre o Meirás. Ao final do encontro, 8-1. 

Na xornada número 6 foi o turno de visitar o Campo da Gándara de Pontedeume, para enfrontarnos contra o sempre competitivo Eume Deportivo. Tras xogar unha boa primeira metade, os nosos infantís chegaron ao tempo de lecer con resultado de empate a cero goles. Pero en escasos 15 minutos da segunda metade o resultado reflexou un 4-1 que sería definitivo.

Nas vindeiras xornadas visitaría o Maniños o noso campo, acadando un resultado favorable de 10 a 0 e a continuación tocaríalle ao Numancia visitar ao Ortigueira en San Claudio con resultado final de 1-5 que permitiría sumar seis puntos consecutivos e asentar o bo nivel de xogo demostrado no derradeiro mes de competición.

A xornada número 9 poñía punto e aparte á competición infantil contra outro dos equipos punteiros e con maior talla do Grupo B. Lamentar a lesión dun xogador moi importante e querido no equipo Infantil numantino coma é Habte, que nun golpe fortuito, sufriu unha lesión no pulso. Ao final do partido, 1-5 favorable aos visitantes.

Coa primeira fase rematada é o turno de afrontar o Grupo 3° da Liga con ilusión e sobretodo gañas de aprender e mellorar.

Os nosos infantís deben seguir adaptándose e collendo confianza na categoría para poder pelexar cada partido como levan a facer dende o comezo da tempada.

Un saúdo e Forza Numan" .
 

Uso de “cookies” Utilizamos cookies propias e de terceiros para mellorar os nosos servizos en relación coas súas preferencias mediante ó análise anónimo dos seus hábitos de navegación. Se continúa navegando, consideramos que acepta o seu uso. Pode obter máis información sobre o uso de “cookies” accedendo a nosa política de “cookies”. Para saber máis sobre as cookies que utilizamos e como eliminar-los, consulta a nosa política de cookies.

Acepto os cookies deste sitio web.