CADETES: VALORACIÓN DA PRIMEIRA FASE DA LIGA

JUAN ALBERTO: “COMPROMISO, ESFORZO E ILUSIÓN”

Tras unha complicada pretemporada na que non fomos capaces de xuntar once rapaces da idade de cadetes, e despois de procurar solucións chamando a outros clubs onde había excedente de xogadores, o Numancia cadete rematou dignamente unha primeira fase de Liga.

Ares, 8 de novembro de 2017.

ADR Numancia de Ares. Cadetes 2017-2018. Juan Alberto entrenador.Tres vitorias, un empate e cinco derrotas levaron aos nosos cadetes a unha sétima posición que o empuxa ao grupo 2. Porén todos estamos máis que satisfeitos con estes rapaces. Juan Alberto, o seu adestrador, ofrécenos a súa opinión sobre esta primeira fase:

"Rematou a previa que define que equipos xogarán a fase final de Copa e os dous grupos de Liga e podemos dicir que as sensacións son algo mellor do esperado.

Ser tan poucos tiña dous riscos: o primeiro, perder calidade nos adestramentos; segundo, perder compromiso e esforzo. Algún podería pensar que xogar sairía de balde. Pois grazas ao compromiso de todos e á incorporación de xogadores infantís, fomos quen de solventalo. Ese compromiso viuse reflectido  na asistencia aos adestramentos, que foi notable e puidemos manter as tres sesións semanais ata o de agora.

Os primeiros partidos foron sobre todo de traballo defensivo, co equipo moi repregado, ben nas basculacións aínda que non demasiado agresiva. E as vitorias sobre o Mugardos na pretemporada e contra o Neda no primeiro partido de Liga, reforzaron esta idea de xogo. Pero ben é certo que ter só o balón en puntuais contraataques faise bastante duro en nenos destas idades, e os enfrontamentos contra o Amistade, Cariño e Eume fixéronse moi duros. As primeiras partes traballabamos arreo, pero nas segundas, cando o resultado comezaba a ser avultado, baixabamos os brazos.

Outro punto de inflexión prodúcese coa reaparición de Mario, logo da lesión no nocello, que coincide coas incorporacións de Pablo e Juan. Xa somos dez xogadores cadetes, a ilusión do equipo medra e as posibilidades no xogo ábrense. Vitoria e bo xogo contra o Cedeira, moi boa segunda parte co Narón B, mal partido co Maniños, bo partido no Val e boa primeira parte co Mugardos que nos permite rematar a competición cunha vitoria e coller forzas e confianza para a segunda fase da Liga.

Agora o máis difícil é manter ese compromiso e esforzo, ter ilusión por adestrar para mellorar e non esquecer que esta é unha etapa de formación. "

AUPA NUMANCIA!

 

 

Uso de “cookies” Utilizamos cookies propias e de terceiros para mellorar os nosos servizos en relación coas súas preferencias mediante ó análise anónimo dos seus hábitos de navegación. Se continúa navegando, consideramos que acepta o seu uso. Pode obter máis información sobre o uso de “cookies” accedendo a nosa política de “cookies”. Para saber máis sobre as cookies que utilizamos e como eliminar-los, consulta a nosa política de cookies.

Acepto os cookies deste sitio web.