CARTA DE TONI, ADESTRADOR ALEVÍN

 S.D.R. Numancia de Ares. Temporasas 2010-11. Carta de Antonio Gónzalez "Toni". Entrenador Alevines.ANTONIO GONZÁLEZ: " DENTRO DUNS ANOS NON NOS LEMBRAREMOS DOS RESULTADOS PERO A AMIZADE QUEDA PARA SEMPRE”

Hai ocasións en que as situacións sufridas van minando a moral e chegas á casa con gañas de deixalo todo. Pensas que necesidade hai de aturar queixas, críticas, broncas, ... co tranquilo que estaría un na casa!. Mais o fútbol é un caso moi estraño, un veleno que leva un dentro do corpo, sen antídoto. Aquí temos o caso dunha persoa enganchada ao fútbol.
Ares, 27 de xaneiro de 2011
No mes de decembro, Toni, adestrador dos alevíns decidiu non continuar traballando cos nenos, había unha situación enrarecida que non lle permitía ir aos adestramentos co ánimo e o humor necesarios, coa tranquilidade e o desexo de saber que vas disfrutar ao lado dos pícaros. Loxicamente, optou por tomarse un descanso, un tempo de relaxación e sosego, porque, o Numancia ten que ser un hobby, un pasatempo, e nunca unha imposición. 
O sábado, 22 de xaneiro volveu a Prados Vellos para estar cos seus nenos, para compartir con eles o vestiario, o banquiño, para apoialos coma antes. E as familias dos nenos tamén souberon valorar a súa dedicación e entrega. Todos temos dereito a esixir o mellor para os nosos fillos: o adestrador máis competente, as mellores instalacións, o material necesario, unha atención individualizada, etc... E o Numancia intenta conseguir todo o que lle é posible, cos recursos e medios dos que dispón calquera entidade da súa condición. Non somos profesionais, non vivimos disto, pero si ofertamos todo o que podemos e máis. Con Toni, tiñamos a un compañeiro plenamente integrado na filosofía do Numancia e el sabe que desde a xunta directiva ás familias, todos estabamos encantados co seu labor. E tamén sabe que as portas deste club sempre estarán abertas para el.
Seguidamente, imos ler unha carta escrita por Toni o domingo, 23 de xaneiro, dirixida aos xogadores e familias do Numancia alevín e á directiva. Unha carta que el desexa que se publique na web. Evidentemente, o Numancia só ten palabras de agradecemento e, por suposto, desexos de que se incorpore de novo aos nosos equipos.
Este é o texto:
“Onte foi un día moi especial, un día que sempre recordarei. O recibimento que me deron os nenos e o cariño que me demostraron os pais e nais é algo superior ao que calquera adestrador pode esperar no mundo do fútbol base de hoxe. Eu creo, sinceramente, que non o merezo, xa que o único que facía era dedicarme ao que para min é un hobby (e despois do de onte, sei que o parón será provisional; é imposible non pertencer a un club con esta calidade humana).
Quero expresalo nesta carta, xa que onte non esperaba o que sucedeu e non souben daros as grazas como correspondía.
A carta que me entregaron, gardareina como un tesouro, e iso, xunto co orgullo de poder adestrar a estes nenos, vale máis que calquera liga, copa ou calquera título que se poida conseguir.
Expresarlle á directiva que agradezo o seu apoio e que están facendo un gran labor (tamén quero lembrar aos que prepararon o camiño anteriormente).
Neste club temos moita fortuna de ter un ambiente entre xogadores, pais, adestradores e directiva moi bo. E iso débese sen dúbida á súa maneira de facer as cousas e a que os nenos teñen unha base moi boa nos seus fogares (non o digo só polos de alevíns, senón por outras categorías onde o vexo e a outros que teño a sorte de coñecer por coincidir co meu fillo).
Por tanto, dicirlles aos nenos que adestrei, en particular, e a todos en xeral, que aprendan do exemplo que teñen nas categorías de arriba, coma xuvenís e afeccionados, e dos adestradores que ten o Numancia. Porque como sempre lles digo aos xogadores, dentro duns anos non nos lembraremos dos resultados pero a amizade queda para sempre.
Darlle as grazas á directiva por deixarme un espazo na web para publicar a carta. Para a poboación aresá ten que ser un orgullo ter uns veciños e un equipo coma o Numancia.
E, por último, deixar estas últimas liñas para darlle as grazas a Jorge, por aguantarme e colaborar comigo.
Grazas a todos.”
 

Uso de “cookies” Utilizamos cookies propias e de terceiros para mellorar os nosos servizos en relación coas súas preferencias mediante ó análise anónimo dos seus hábitos de navegación. Se continúa navegando, consideramos que acepta o seu uso. Pode obter máis información sobre o uso de “cookies” accedendo a nosa política de “cookies”. Para saber máis sobre as cookies que utilizamos e como eliminar-los, consulta a nosa política de cookies.

Acepto os cookies deste sitio web.