Inicio Noticias Infantís INFANTIS: NUMANCIA, 2 - PORTUARIOS, 3.
 
 

INFANTIS: NUMANCIA, 2 - PORTUARIOS, 3.

FERMOSO PARTIDO EN PRADOS VELLOS

Partido correspondente á segunda xornada da Fase Previa da 1ª Autonómica Infantil Grupo A, disputado entre o Numancia de Ares e o Portuarios de Ferrol Vello. Xogado na tarde do sábado 3 de outubro ás 16:15 no campo municipal de Prados Vellos.
 

FICHA TECNICA

NUMANCIA DE ARES: Emilio (Nacho), Naim, Borja, Mario (C), Martina, Martín, Migui, Chechu (David), Pablo Cartelle, Jaime e Raúl.

Corpo técnico: Tony e Paulo

SRD PORTUARIOS: Alejandro (Marcos Esmoris), Francisco J, Marcos (C), Andrea, Javier, Marcos, Victor Manuel, Victor, Ernesto (Alejandro González), Sergio (Mario) e Ángel.

Corpo técnico: Ernesto Castro López, Gloria Castro Sequeiro e Jesús Chabava Salgueiro.

ARBITRO: Álvaro Pita Fernández. Amosoulle cartón amarelo os xogadores locais Chechu e Mario.

GOLES:

0 – 1: (min 5): Rexeite na frontal da área que tras recoller Javier Diaz, pégalle coa zurda directamente á escuadra esquerda de Emilio anotando un bonito tanto.

0 – 2: (min 21): Carreira do extremo dereito do Portuarios que pon un balón rasiño na área que empurra no segundo pau  Ernesto.

1 – 2: (min 58): Pase longo de Migui cara a Raúl quen avanza co esférico e define de tiro cruzado diante de Alejandro.

2 – 2: (min 64): Penalti sobre Pablo Cartelle que transforma o capitán Mario.

2 – 3: (min 79): Gol nos últimos instantes de Víctor Manuel, quen recollía o balón rexeitado tras unha boa parada de Nacho e non perdoaba.

COMENTARIO

Comezaba o partido cun equipo visitante dominador e que establecía un ritmo moi alto xa nos primeiros minutos. Non tardarían moito en aproximarse á meta defendida por Emilio, que voltaba hoxe ós terreos de xogo. Xa no minuto 5 adiantaríase o Portuarios cun gol digno dos mellores tantos da xornada; non puido facer nada máis o noso gardarredes que estirarse e vivir en primeira persoa o golazo. Seguía o Portuarios dominador e os nosos non chegaban debido á boa actuación dos centrais visitantes, moi poderosos e sempre con bo criterio. Pelexaba o Numancia e resistíase a ser dominado pero así foi ata que chegou o segundo tanto no minuto 21 logo dun desprazamento á banda dereita cunha posterior  internada do extremo ferrolán e centro na liña de fondo que sería finalizado por Ernesto. Non daban opción os ferroláns pero pasiño a pasiño os nosos adiantaban liñas, Migui era quen de combinar cos atacantes e a defensa cada vez ía sendo máis sólida. Gozaría Raúl dunha magnífica ocasión pero que desaproveitaría finalmente. Finalizou a primeira metade con boas sensacións para os locais, que xa se desfixeran da alta presión inicial visitante e podían reter a bola durante máis tempo. Jaime, Raúl e Pablo comezaban a achegarse a Alejandro.

Na segunda parte viuse outro partido; os aresáns, de menos a máis durante todo o encontro eran os que presionaban agora e as ocasións e o bo xogo comezou a aparecer nos locais nesta tarde perfecta para o fútbol. Avisaba de novo Raúl quen mandaba alto dende escasos metros da portería rival pero máis tarde non perdoaría unha terceira vez e facía bo un pase longo de Migui. Creían os nosos e comezaba un período de partido cun xogo local magnífico e cunha entrega de dez por parte de todos os xogadores. Atrás, Mario curtaba varios pases en longo do Portuarios que quería saír “á contra”, mentras Nacho interviña á perfección varias veces. E non pararon ata que obtiveron un premio máis que xusto ó seu esforzó cando un defensa contrario tiraba da camisola de Pablo Cartelle na área conseguindo un penalti que transformaría o capitán, Mario. Nos derradeiros minutos de xogo o Portuarios estirábase buscando recuperar a vitoria e o Numancia non se botaba cara atrás, vivindo uns minutos fermosísimos nos que ambos puideron gañar. Desta vez tocóulle aos de Ferrol Vello que aproveitaron un rexeite nos últimos momentos.

Dende aquí felicitar aos 27 xogadores que participaron e fixeron na tarde do sábado un partidazo cunha entrega e á vez unha deportividade admirable. Parabéns ao Portuarios e o Numancia buscará a primeira vitoria en Cariño a vindeira semana nunha saída moi compricada. Esperámosvos e Forza Numan !!!

Pulsa no seguinte enlace para ver os resultados, clasificación e fichas técnicas da xornada.



 

Colaboradores

Uso de “cookies” Utilizamos cookies propias e de terceiros para mellorar os nosos servizos en relación coas súas preferencias mediante ó análise anónimo dos seus hábitos de navegación. Se continúa navegando, consideramos que acepta o seu uso. Pode obter máis información sobre o uso de “cookies” accedendo a nosa política de “cookies”. Para saber máis sobre as cookies que utilizamos e como eliminar-los, consulta a nosa política de cookies.

Acepto os cookies deste sitio web.