INFANTÍS. NUMANCIA, 4 - MIÑO, 1
FINAL DA PRIMEIRA VOLTA CON VITORIA
Comezou moi ben o partido o Numancia marcando tres goles nos primeiros minutos.
Ares, 12 de febreiro de 2012.
Partido correspondente á décimo-terceira xornada de liga do grupo V da liga infantil ferrolá, última da primeira volta, disputado o sábado pola mañá en Prados Vellos.
Estas foron as aliñacións presentadas polos equipos:
NUMANCIA: Adrián; Lemos, Óscar, Nico, Seijas; Miguel, Carlos; Alexis, Luís, Antón e Sergio. No transcurso da segunda parte foron entrando: Antonio, Rañales, Raúl, Pablo e Ían.
MIÑO: Pablo; Pedro, Antonio, Nelson, Óscar, Yago, Alberto, Eduardo, Enrique, Alejandro e Juan. Tamén xogaron: Roberto, Calvo, Carlos, Iván e Luís.
ÁRBITRO: José Luis Corral Franco.
GOLES: Antón, Carlos (2) e Sergio para o Numancia. O gol do Miño foi de Alberto.
COMENTARIO: Finalizou a primeira volta cun partido que xa nos primeiros minutos quedou resolto favorablemente para os locais. Aínda así, puidemos observar como o equipo visitante seguiu pelexando cada balón e intentando remontar un resultado tan adverso, conseguindo o merecido premio do gol na parte final do partido. Non vimos un partido moi vistoso pois as imprecisións eran constantes e os fallos continuos, especialmente diante da portería do Miño. Claras ocasións de gol que non se materializaron debido á mala definición. De todos modos, estes partidos serven para sumar minutos de xogo, cumprindo co obxectivo fundamental: practicar deporte.
Aproveitamos este final da primeira volta ligueira para realizar unha valoración da mesma presentando os datos obxectivos: seis vitorias, un empate e catro derrotas; 26 goles a favor e 32 en contra; 19 puntos en 11 partidos que nos levan a unha cuarta posición na táboa, por detrás do Portuarios e R. Ferrol (claros favoritos) e un Perlío que se presume terceiro clasificado. Parece evidente que na segunda volta teremos que loitar por consolidar esta cuarta posición ante equipos como As Pontes, EF Galicia Caranza e R. San Pedro, principalmente. Resultados á marxe, este Numancia infantil debería mellorar en aspectos como a actitude, o xogo combinativo, a competitividade, ..., aínda que hai que recoñecer que a sorte tampouco está axudando pois o plantel nunca está completo debido a lesións ou enfermidades que debilitan o potencial desta escuadra aresá.
A segunda volta comeza este vindeiro sábado, 18 de febreiro, co partido que se xogará en Prados Vellos ás 11.00 h. O rival será o Narón.