Inicio Noticias Infantís INFANTÍS: RECEPCIÓN NO CONCELLO
 
 

INFANTÍS: RECEPCIÓN NO CONCELLO

O ALCALDE DE ARES CO NUMANCIA INFANTIL, CAMPIÓN DA COPA DE FERROL
A corporación municipal organizou o acto de homenaxe aos infantís do Numancia, campións da copa de Ferrol desta temporada 2010-11. Foi un acto emotivo e moi ilusionante, especialmente para os nenos e as súas familias, que foron recibidos ás doce da mañá deste sábado no salón de plenos do concello aresán polo Sr. Alcalde, D. Julio Iglesias, acompañado nesta ocasión por concelleiros dos distintos partidos con representación no consistorio.

Ares, 26 de xuño de 2011
Os xogadores infantís do Numancia, campións da copa de Ferrol, foron felicitados polo Sr. Alcalde, quen lembraba que aproximadamente un ano atrás, recibía aos nenos da categoría prebenxamín nestas mesmas circunstancias, e por tanto, este novo título viña a confirmar o bo traballo da sociedade numantina, motivo de satisfacción para todos os aresáns. Destacou tamén que aínda que non se conseguisen títulos, habería que felicitar ao Numancia pola tarefa que está desenvolvendo cos máis novos. Na mesma liña, puxo especial énfase na importancia do esforzo, na necesidade da dedicación, entusiasmo e disciplina para poder conseguir calquera obxectivo. E como non, tivo un especial recoñecemento para as nais e pais destes nenos, que sempre estiveron ao seu lado, apoiándoos e animándoos continuamente.
Ao remate das palabras do Sr. Alcalde, os xogadores e adestradores do Numancia infantil foron asinando no libro de ouro do concello, ese libro reservado para “aquelas personalidades importantes que nos visitan, coma os ministros”. E recibiron un agasallo, un pin co escudo do concello.
Finalmente, os capitáns entregáronlle aos seus adestradores un cadro coa fotografía do equipo, en recoñecemento á súa dedicación, paciencia e entrega durante esta temporada.
E antes de concluír o acto, Julio Iglesias, alcalde de Ares, entregoulle ao presidente do Numancia, Antonio Rodríguez, un cadro da autoría de Antonio Seijas, artista gráfico aresán de recoñecido prestixio, pintura na que se representa o escudo do concello.
Certamente, non vai ser fácil poder estar todos os anos no salón de plenos, ofrecéndolle un trofeo á corporación, pero si que intentaremos seguir traballando da mellor maneira posible para que os nenos e nenas de Ares se formen coma deportistas e coma cidadáns, xuntamente coas súas familias. Por suposto, sabemos que os nosos politicos tamén van estar aí, facilitándonos esta tarefa e ofrecéndonos os recursos necesarios.

 

 

Colaboradores

Uso de “cookies” Utilizamos cookies propias e de terceiros para mellorar os nosos servizos en relación coas súas preferencias mediante ó análise anónimo dos seus hábitos de navegación. Se continúa navegando, consideramos que acepta o seu uso. Pode obter máis información sobre o uso de “cookies” accedendo a nosa política de “cookies”. Para saber máis sobre as cookies que utilizamos e como eliminar-los, consulta a nosa política de cookies.

Acepto os cookies deste sitio web.