INFANTÍS. E.F.R. FERROL, 3 - NUMANCIA, 5
BRAIS, TRIGOLEADOR
Partido disputado no campo da Gándara, correspondente á ultima xornada desta liga 2010-11, finalizado cunha vitoria que asegura a cuarta posición na táboa clasificatoria.
Ares, 11 de marzo de 2011
NUMANCIA: Roberto (m. 41, Antonio); Rolo (m. 41, José Manuel), Sergio Rodríguez(m. 57, Fran Rañales) , Alberto, Marcelo; Miguel, Óscar (m. 41, Nico); Andrés, Brais(m. 56, Sergio Rico) , Iván e Carlos.
GOLES:
0 - 1 (m.2): Iván lanza en profundidade un balón para Andrés; este penetra na área e cede a Carlos que só ten que empuxar o esférico ao fondo das redes.
0 - 2 (m. 6): Miguel saca un córner e o balón, despois de pasar por diante de defensas e atacantes, chega a Brais, que empuxa co peito.
0 - 3 (m. 19): Pase de Carlos desde o medio campo para Brais, que tras unha veloz carreira e só diante do porteiro, consegue o seu segundo gol.
0 - 4 (m. 32): Chega o terceiro gol de Brais, tamén de córner lanzado por Miguel e tras cabecear no segundo poste un balón que sobrepasou á defensa e porteiro ferrolán.
1 - 4 (m. 35): Acurtan distancias os locais tras unha boa xogada en ataque que remata nun bo disparo.
2 - 4 (m. 43): Balón que intenta xogar a defensa aresá e que, ante a presión dos ferroláns, perde ao borde da área, facilitando o segundo gol para os racinguistas.
3 - 4 (m. 65): Falta desde a liña de fondo e balón ao segundo poste que a defensa numantina non é capaz de rexeitar ante un dianteiro ferrolán que só ten que empuxar, levando a incertidume ao marcador.
3 - 5 (m. 71): Extraordinaria xogada individual de Iván, arrancando desde o medio campo e desbordando a todos os defensas que lle saíron ao paso. Cando entra na área lanza un forte e raso disparo que supera ao bo gardarredes local.
COMENTARIO: Os dous rápidos goles conseguidos nos primeiros minutos foron unha lousa para o equipo local, que vía coma era sorprendido polos contraataques aresáns. Tiñan máis posesión e control do balón os ferroláns pero o Numancia definía con contundencia nas súas chegadas á portería, onde, por certo, o seu gardarredes estivo moi acertado e rápido, cortando varios perigosísimos ataques que ben puideron acabar en novos goles para os de Ares. Na segunda parte, as imprecisións e indecisións da defensa aresá permitiu que o equipo local acariñara o empate. Neses intres, a aparición dun xogador determinante coma Iván, realizando unha espectacular galopada, pechou definitivamente o partido.
Finalizada a liga en cuarta posición, a próxima semana coñeceremos os rivais da primeira fase da Copa, na que depositamos as nosas esperanzas para finalizar esta temporada cunha mellor impresión da ofrecida ata agora.