ALEVÍNS. TORNEO DE SELECCIÓNS COMARCAIS

FERROL, 5 - LUGO, 1. BRILLANTE DESPEDIDA
Na última xornada deste torneo a selección ferrolá ofreceunos un gran partido, buscando un resultado imposible, unha goleada que os puidese clasificar. Con esta vitoria ferrolá, a selección de Coruña consegue o pase á final por mellor golaverage. Ferrol, 5 de maio de 2010
No campo da Gándara, cun forte vento que condicionou o xogo dos rapaces, disputouse este derradeiro partido. Os dous equipos saen cunha disposición táctica parecida, aínda que con matices: tres defensas; un medio e dous dianteiros. Semella que o seleccionador ferrolá tomou nota do partido xogado en Lugo e quere presionar arriba.
ALINEACIÓNS:
FERROL: Unai; Borja; Miguel, Javi, Carlitos; Hugo e Aarón. Durante o partido tamén xogaron Carlos (porteiro), Sergio, Borjita, Fran e Pedro.

LUGO: Xosé, Ramón, Arturo, Antonio, Rey, Alejandro Vázquez, Alejandro García, Samule, Asier, Gonzalo, Daniel e Alejandro López.
ÁRBITRO: Andrés García, do colexio ferrolán.

MINUTO A MINUTO:
PRIMEIRA PARTE.
1: GOOOOOOOOOOOOOOL DE FERROL!. FERROL, 1 – LUGO, 0. Internada por banda esquerda de Carlitos que, dentro da área, entrega a Aarón para que este marque o primeiro gol.
3: Case empata Lugo. Centro desde a esquerda e remate que sae fóra.
4. Está apretando o combinado lucense. Disparo de Alejandro que repele o poste.
7: Bo disparo de Hugo que detén Xosé, o excelente porteiro lugués.
10: Unai salva o gol do empate nun man a man co dianteiro de Lugo.
11: Contraataque dos visitantes finalizado por Alejandro Vázquez, un dianteiro rapídisimo, cun disparo que rexeita Unai; o balón volve a Alejandro que dispara ao poste.
13: Boa internada de Carlitos que acaba despexando un defensa, dando o balón no poste e saíndo posteriormente a córner.
14: Excelente saída de Unai aos pés do dianteiro visitante, facéndose co balón.
16: Outra intervención de Unai, salvando un gol cantado.
17: Ataque combinativo de Ferrol que finaliza cun pase de Aarón á súa esquerda, onde aparece Carlitos para disparar raso, chapando o porteiro con moita seguridade.
19: Tiro de Aarón que sae desviado.
21: Potente lanzamento de falta de Borja que pasa rozando o traveseiro.
25: Case consegue gol Sergio dun forte disparo.
27: Gran xogada de Fran na banda dereita, regateando á defensa visitante. Culmina cun pase á área pequena onde Pedro non pode rematar a gol. Lástima de ocasión.
29: Nun balón longo e axudado polo forte vento, o balón chega a área lucense e Aarón está a piques de controlar ese balón alto e rematar só, diante do porteiro.

Intensos estes primeiros trinta minutos, con ocasións para os dous equipos. Nesta ocasión, os ferroláns si entraron enchufados no partido desde o inicio e están disputando con enerxía cada balón. Tamén é xusto recoñecer que a gran actuación de Unai e os postes salvaron aos locais en varias ocasións.

SEGUNDA PARTE:
1: Falta favorable a Lugo cun lanzamento desviado.
2: Rápida saída de Carlos que despexa a fóra de banda.
4: Espectacular internada de Borjita pola banda esquerda e pase atrás ao quen chega Sergio moi forzado. O seu disparo é interceptado pola defensa.
5: GOOOOOOOOOOOOOOL DE FERROL! FERROL, 2 – LUGO, 0. Agora é Aaron que se interna pola banda dereita, centrando atrás para que Pedro lance un forte disparo coa fortuna de golpear nun defensa, enganando ao porteiro lugués.
8: Posibles mans dun xogador visitante dentro da súa área. O colexiado non interpreta voluntariedade.
9: Potentísimo disparo de Rey, centrocampista lucense, que Carlos toca lixeiramente pero o suficiente para desviar o balón ao traveseiro. Córner para Lugo.
10: Á saída do córner, o balón paséase pola área local sen encontrar rematador.
11: Outro gran tiro dos visitantes que se estrela no traveseiro; o balón volve ao campo e un dianteiro lugués remata de cabeza obrigando a Carlos a realizar unha espectacular parada.
14: Penetración polo centro de Rei que é cortada por Borja, conseguindo este último despexar a córner.
15: Tiro colocado de Carlitos que desvía nunha gran estirada Xosé.
18: GOOOOOOOOOOOOOOOOOOL DE FERROL! FERROL, 3 – LUGO, 0. Pase longo ao centro da área e Hugo, adiantándose á defensa e ao porteiro, envía ao fondo das redes.
21: GOOOOOOOOOOOOOOOOOOOOL DE FERROL! FERROL, 4 – LUGO, 0. Cesión dentro da área visitante ao seu porteiro. O colexiado sinala libre indirecto. Aarón toca para Hugo, que despois dun amago, dispara raso e cruzado para conseguir o cuarto gol.
27: GOOOOOOOOOOOOOOOOL DE LUGO! FERROL, 4 – LUGO, 1. Man intuitiva de Carlitos dentro da área e o colexiado pita penalti. Lanza Alejandro Vázquez e acurta distancias no marcador.
28: Lanzamento de Rei que Carlos desvía a córner. Ao saque deste córner, Carlitos consegue sacar o balón da área, evitando unha ocasión de gol.
29: GOOOOOOOOOOOOOOL DE FERROL! FERROL, 5 – LUGO, 1. Aarón chega ata a liña de fondo e pasa a Hugo, que de tacón, desde a área pequena, marca o seu terceiro gol.

Rematou este torneo para Ferrol ...e tamén para Lugo. Os tres equipos acaban empatados a seis puntos pero a goleada de Coruña no seu partido con Lugo, por sete goles a dous, dálle o pase á final aos herculinos.
Certamente, reinou unha gran igualdade entre estes equipos, con partidos moi diferentes e con resultados inesperados. De Ferrol, podemos comentar que quizás aqueles minutos “tontos” en Lugo foron determinantes e os culpables da non clasificación.

Nos próximos días esperamos ofrecer unha entrevista con Gabi, seleccionador ferrolán, para que valore e analice a participación neste torneo.
 

Uso de “cookies” Utilizamos cookies propias e de terceiros para mellorar os nosos servizos en relación coas súas preferencias mediante ó análise anónimo dos seus hábitos de navegación. Se continúa navegando, consideramos que acepta o seu uso. Pode obter máis información sobre o uso de “cookies” accedendo a nosa política de “cookies”. Para saber máis sobre as cookies que utilizamos e como eliminar-los, consulta a nosa política de cookies.

Acepto os cookies deste sitio web.