Inicio Noticias Alevíns ALEVÍNS. LUGO, 5 - FERROL, 2
 
 

ALEVÍNS. LUGO, 5 - FERROL, 2

TRES MINUTOS FATÍDICOS
Na segunda xornada deste campionato “Caixa Galicia”, o equipo departamental ausentouse durante tres minutos do partido e sufriu unha inesperada derrota no campo do Polvorín.

Lugo, 10 de marzo de 2010

 

SELECCIÓN DE LUGO: Xosé; Álex, Arturo, Jano; Álex Rei; Mario e Nacho. Tamén xogaron Antonio, Asier, Ramón e Rubén. O porteiro suplente, Álex, non disputou ningún minuto.
SELECCIÓN DE FERROL: Carlos; Borja, Pedro; Víctor, Javi, Fran; Aarón. Tamén xogaron Hugo, Carlos, Aitor, Miguel e Unai.

Árbitro: O colexiado Prados do colexio lucense.

GOLES:
1 – 0 (m. 4): Álex Rei, de forte disparo desde a frontal da área.
2 – 0 (m.5): Álex, tras internada pola banda, supera por alto ao porterio visitante.
3 – 0 (m. 6): Mario, de penalti cometido tras unha perda do balón da defensa.
4 – 0 (m. 28): Nacho, en posición dubidosa, fusila  a pracer.
4 – 1 (m. 41): Hugo de falta directa.
4 – 2 (m. 48): Hugo, tras un roubo de balón de Carlos, que lle cede o balón dentro da área.
5 – 2 (m.59): Álex Rei de disparo raso tras saque de córner.


COMENTARIO: Nos primeiros minutos do partido dous disparos dos ferroláns, un de Aarón e outro de Javi, puideron adiantar ao seu equipo no marcador, pero a pouca intensidade defensiva e tamén hai que suliñalo, a presión e acerto dos lucenses, sentenciaron en tres minutos un partido que se presumía nivelado.
Desde o inicio comprobamos que a disposición táctica do equipo das murallas ía traernos problemas, pois situaron arriba a dous dianteiros rápidos e habilidosos que coa súa presión dificultaba a saída do balón do combinado ferrolán. Cunha defensa de tres, liderada por Arturo, un central corpulento e con desprazamento de balón, acompañado por Álex e Jano, dous laterais que subían perfectamente pola banda; un medio-centro moi completo, Álex Rei, con excelente sentido da ubicación e boa pegada; e Mario e Nacho arriba incordiando e desbordando continuamente, a selección lucense conseguiu tres goles en tres minutos, afundindo aos rapaces ferroláns cando aínda ían transcorridos só sete minutos. Un duro golpe que presaxiaba un resultado de escándalo. Porén, coa entrada de Hugo e Carlos aos quince minutos, parecía que o conxunto departamental volvía ao partido e comezaron a achegarse á portería defendida por Xosé, un gran porteiro, cunha estatura tremenda para esta categoría e que impediu coas súas paradas que Hugo e Aarón puidesen marcar. Finalizando a primeira parte, noutra xogada pouco afortunada, o combinado local materializou o seu cuarto gol, un resultado cruel e desalentador para os visitantes.
Nos segundos trinta minutos, o dominio e mellor xogo correspondeu á selección de Ferrol, con máis ocasións e mellor actitude. Os dous goles de Hugo e outras ocasións de Víctor que se encontrou cun porteiro insuperable, posibilitaron vislumbrar outro partido e parecía que con doce minutos por diante aínda era posible a igualada. Puideron chegar a un 4 - 3 en dúas xogadas polémicas, con dous posibles penaltis cometidos sobre Hugo, pero o árbitro considerou que non eran merecentes de tal sanción,  e  o partido pechouse co quinto gol local no último suspiro.
En definitiva, un partido con dúas caras: unha primeira parte nefasta para os ferroláns; e unha segunda na que, erguéndose desde un 0 – 4, intentaron remontar.
Só cabe felicitar ao equipo lugués, dirixido por Julián Castaño, e animar aos ferroláns porque souberon pelexar desde a adversidade.
Unha vitoria con Coruña e unha derrota con Lugo que permiten seguir soñando coa clasificación para a final, iso si, sempre que haxa sacrificio e tamén algo de sorte.


Selección Alevín de Lugo. Campo do Polvorín (Lugo). 10/03/2010Selección Alevín de Ferrol. Campo do Polvorín (Lugo). 10/03/2010 

 

Colaboradores

Uso de “cookies” Utilizamos cookies propias e de terceiros para mellorar os nosos servizos en relación coas súas preferencias mediante ó análise anónimo dos seus hábitos de navegación. Se continúa navegando, consideramos que acepta o seu uso. Pode obter máis información sobre o uso de “cookies” accedendo a nosa política de “cookies”. Para saber máis sobre as cookies que utilizamos e como eliminar-los, consulta a nosa política de cookies.

Acepto os cookies deste sitio web.