ALEVÍNS. SELECCIÓN DE FERROL, 2 - SELECCIÓN DE CORUÑA, 0

DAVID COMEZA VENCENDO A GOLIAT
Primeira xornada do Torneo de seleccións comarcais galegas organizado por Caixa Galicia e patrocinado por Coca Cola. As seleccións de Ferrolterra atópanse no grupo Norte con Coruña e Lugo, mentres que no grupo sur loitan por un posto na final Santiago, Pontevedra, Vigo e Ourense.

Ferrol, 24 de febreiro de 2010.

ALINEACIÓNS
SEL. FERROLTERRA: Carlos Leal, Borja, Pedro, Fran, Javi, Víctor, Aaron. Unai, Aitor, Carlos Vázquez, Miguel e Hugo.

SEL. CORUÑA: Javier, Pablo, Raúl, Pablo, David, Jaime, Francisco, Aaron, Alejandro, Mauro, Raúl e Pablo.

ÁRBITRO: D. José A. Rodríguez Dopico (Delegación de Ferrol)

GOLES:
1 – 0 : Aaron (m. 13)
2 – 0:  Hugo (m. 29)

COMENTARIO:

Día chuvioso e ventoso este mércores 24 de febreiro no que botaba a andar a selección alevín ferrolá de fútbol 7. Por sorte, o mal tempo deu unha tregua e arredor de 100 espectadores puideron desfrutar tranquilamente nas magníficas instalacións da Gándara dun bonito partido e a priori, un dos mellores partidos de fútbol 7 que se poden ver en Galicia nestes intres, os combinados de Ferrolterra e Coruña.
 Comezou o encontro coa selección herculina intentando demostrar o seu papel de favorito, con mellor saber estar no campo e algunha que outra tímida ocasión en disparos lonxanos. Os ferroláns neste comezo de partido acusaron un pouco os nervos do debut, tendo algunhas imprecisións nos pases, pero en ningún momento pasaron excesivos apuros. Axiña nos decatariamos de que o comezo do partido fóra un espellismo. A selección local cada vez situábase mellor no campo, conseguía frear o empuxe coruñés e un roubo de balón en medio campo convértese nunha xogada de ataque combinativo dos ferroláns que é rematada ao fondo da rede polo xogador do Galicia de Caranza Aaron, poñendo á selección ferrolá por diante no marcador, 1-0 no minuto 13 de partido. Despois dese gol, o combinado de Ferrolterra dispuxo dos seus mellores minutos, aproveitando o golpe moral sufrido polos herculinos. Boas xogadas dos locais con disparos que non conseguiron entrar na meta herculina. Pola contra os coruñeses seguían con seus disparos lonxanos e balóns aéreos, ben solventadas polo porteiro local Carlos con paradas de mérito. Cando parecía que co 1-0 se chegaría ao descanso, os ferroláns deleitaron con outro gol: Borja lanza unha falta que remata o xogador do Meirás Hugo facendo o segundo gol local, 2-0 e final da primeira metade.
 No segundo período o combinado local replegouse pasándolle a iniciativa do xogo ós herculinos. Ós visitantes non sabían moi ben que facer co balón, simplemente dedicábanse a realizar disparos lonxanos, que encontraban sempre os bos porteiros da selección local. Na metade do segundo período Ferrolterra dispuxo de dúas boas ocasións para pechar o encontro, pero non foron quen de aproveitalas. Eso propiciou que Coruña chegase vivo aos últimos minutos de partido, instantes onde si que Coruña foi superior, movendo ben o balón, tendo varias ocasións e xogadas a balón parado que levaron algo de nerviosismo á parroquia local. Pero un contraataque dos ferroláns que non foi gol por moi pouco e o pitido final do colexiado levaron a tranquilidade e a ledicia á parroquia ferrolá. Fin do partido, Ferrolterra 2 Coruña 0.

En resumo, un partido moi táctico onde Coruña decepcionou un pouco, xa que ten 6 xogadores do Montañeros e varios xogadores do RCD Da Coruña, e que en teoría era o gran favorito do grupo. Pero a selección de Ferrolterra con nenos de clubes máis humildes, do fútbol da ría demostraron que o nome non vale moito a estas idades, e si o esforzo, a humildade, o traballo e como non, a calidade de varios dos nosos xogadores que xa foron en decembro, campións galegos de fútbol sala. Como xa dixemos o día que esta selección adestrou en Ares, estes nenos darán moito que falar nun futuro non moi lonxano.

 Destacar a participación do xogador do Numancia Carlos Vázquez que debutou hoxe coa selección comarcal nun partido oficial, facendo un partido moi completo e vivindo unha nova experiencia na súa curta pero intensa traxectoria deportiva. ¡¡¡Felicidades Carlos¡¡¡

Ao remate do encontro, o seleccionador comarcal Gabi amosábanos a súa ledicia polo resultado obtido e a súa satisfacción polo traballo desenvolvido polos rapaces e polo xogo realizado pola selección. Resaltaba que quizás chegou a hora de que Ferrol disfrute por fin dunha gran selección de fútbol 7, sabendo iso si, que queda moito camiño por diante.

A seguinte ocasión para medir e disfrutar o bo nivel futbolístico da nosa comarca a estas idades, será o próximo día 10 de marzo en Lugo ante os anfitrións.

Nas outras categorías, os resultados foron os seguintes:


SUB 15. Sel Ferrol 0 Sel. Coruña 4

SUB 17 Sel. Ferrol 1 (Alejandro Amil) Sel. Coruña 1


Isto foi o que deu de si a primeira xornada do Torneo Caixa Galicia de seleccións comarcais. Intentaremos seguir ofrecendo a información dos partidos deste torneo.


¡¡¡A POR TODAS FERROLTERRA¡¡¡


 Selección de Ferrol - Selección de Coruña. A Gándara. 24/02/2010Selección de Ferrol - Selección de Coruña. A Gándara. 24/02/2010

 

 

 

 

 

Selección de Ferrol - Selección de Coruña. A Gándara. 24/02/2010

Uso de “cookies” Utilizamos cookies propias e de terceiros para mellorar os nosos servizos en relación coas súas preferencias mediante ó análise anónimo dos seus hábitos de navegación. Se continúa navegando, consideramos que acepta o seu uso. Pode obter máis información sobre o uso de “cookies” accedendo a nosa política de “cookies”. Para saber máis sobre as cookies que utilizamos e como eliminar-los, consulta a nosa política de cookies.

Acepto os cookies deste sitio web.