ALEVÍNS. ORTIGUEIRA, 3 - NUMANCIA, 2

AS COUSAS DO FÚTBOL
Vixésimo primeira xornada da liga alevín onde o Numancia caeu derrotado en Ortigueira ante o equipo local.

Ares, 20 de febreiro de 2010
ALINEACIÓNS:
ORTIGUEIRA: José, Tomás, Samuel, Borja, Unai, Luís, Andrés, Adrián, Pablo, Iván, Rafael e André.
NUMANCIA: Fernando, Nico, Piñeiro, Emilio, Antón, Carlos (capitán), Sergio. Óscar, Alexis, Pablo, Miguel e Luís. 

Goles: Carlos (2)

Árbitro: D. Daniel Barrera Lourido. (Delegación de Ferrol)

COMENTARIO:
Estaban ás 9:15 da mañá do sábado 20 de febreiro un grupo de nenos e adultos no centro de sáude de Ares dispostos a emprender a viaxe a Ortigueira, onde se disputaría un bonito partido entre os equipos alevíns de Ortigueira e Ares. Foi unha viaxe longa, con dificultades para encontrar o terreo de xogo, pero ás 10:30 da mañá estaban por fin todos os integrantes da expedición nas instalación de San Claudio. Os nenos quentando con exercicios físicos, os familiares co sempre solicitado café.
 Comezou o encontro sen dominio de ningún dos dous equipos. O equipo local combinaba xogo en corto e balóns longos; o Numancia intentaba impoñer o seu xogo de toque, pese á resistencia defensiva do equipo de Ortegal. Con este panorama, os 10 primeiros minutos foron de tanteo e con varias chegadas ás dúas áreas. Nunha desas chegadas, un xogador do Ortigueira lanza un balón dende fóra da área que pega no poste e queda morto na área para que un dianteiro local con tempo de sobra para tomar incluso un café, controle, coloque o corpo e introduza o balón dentro da portería numantina, ante a pasividade da defensa visitante. 1-0 no marcador, e moito partido por diante. Este gol fixo algo de dano aos aresáns, que non se daban sacudido o dominio ortegano. Nos ultimos instantes da primeira metade puido chegar o empate nun claro 1 contra 1 de Antón ante o porteiro así como en varias internadas por banda na que os centros numantinos non atoparon rematador. Con esta situación de partido chegábase ao tempo de lecer.

 Na segunda metade o partido foi outro. Un Numancia dominador do balón, e un Ortigueira a defensiva esperando poder coller os aresáns nunha contra. Froito do dominio aresán unha xogada individual de Carlos acaba en gol para o Numancia. 1-1 no marcador aos dez minutos da segunda metade. Seguía o dominio numantino aínda que sen ocasións moi claras, debido a precipitación e ás presas. Nunha desas precipitacións o equipo local rouba o balón, e fai un magnífico contraataque finalizado moi ben por un dos seus xogadores. 2-1 no marcador e 10 minutos por diante. Era unha pena porque eran os mellores minutos do Numancia, con bo xogo, combinacións, chegadas á área, faltaba o remate. Neses momentos o Numancia arrisca e queda soamente cun defensa, iso parece que deu resultado conseguindo un córner no que Carlos consegue un gol olímpico, xa que o balón traspasou totalmente a línea de gol. Empate a dous goles e cinco minutos por diante.
 Neses últimos minutos o Numancia volveu ao seu sistema habitual, intentando controlar o partido, buscar a vitoria pero sen correr excesivos riscos en defensa. Seguían as internadas do Numancia pero unha pérdida de balón no mediocampo provoca unha internada dun xogador local que se introduce na área. Dous xogadores aresáns intentan parar a galopada do ortegano tirándose ao chan, nuncha acción na que a simple vista non existiu contacto ningún, pero si a xuízo do árbitro que sinalou a pena máxima. Decisión inapelable do xoven colexiado de catorce anos, respectada polos aresáns. Penalti transformado polo Ortigueira colocando o tres a dous a falta de dous minutos.
Os numantinos sacaron o orgullo nos últimos minutos, chegando en varias ocasións á meta ortegana. Dispuxeron de dous córners consecutivos, subindo o porteiro Fernando a intentar o remate. Non puido ser, e pese á insistencia o equipo local levouse o triunfo neste bonito, intenso e disputado encontro.

En resumo, duro partido o xogado no campo de San Claudio. Quizáis o lóxico sería un empate, pero o xusto é a derrota xa que así o índica o marcador, e no fútbol a xustiza a ditamina o resultado. Bo partido do Numancia, non se lles pode reprochar nada aos nenos en canto a entrega, pelexa e intensidade, tendo en conta tamén que hoxe tiveron un bo madrugón e unha longa viaxe antes de xogar. Neste partido perdeuse a solvencia defensiva, o que conlevou a encaixar dous goles de xogada. Ofensivamente non estivemos especialmente finos, pero aínda así obtivéronse tamén dous goles. No balance xeral, partido para aprender, e para quedarse coa entrega e sacrificio dos nenos, a cal será moi importante en próximos partidos desta temporada.

Felicitar ao Ortigueira polo seu bo xogo, sorprendentemente non xogaron tanto en longo como na ida, e fixeron bastantes xogadas de calidade. É un bo equipo, que viña de gañar ao Meirás e empatar co San Sadurniño, ambos a domicilio.

Agradecer tamén aos pais, nais, irmáns etc que hoxe foron unha numerosa e alentadora afección aresá. Sentimos non poder corresponderlles coa vitoria, pero seguro que quedaron moi orgullosos do traballo dos seus nenos.

Agora toca pasar páxina. Quedan tres xornadas de liga na que a loita polo segundo posto segue moi quente. Sexa o que sexa, hai que seguir con esa forza, ese ánimo e ¡¡A por todas¡¡¡

O vindeiro sábado ás 12:00 da mañá temos un atractivo partido diante do Meirás. O Meirás é o virtual campión deste grupo, polo que será un rival moi duro de roer, aínda que non imposible. Para derrotalo, os nenos necesitan se cabe máis apoio que o de hoxe. Polo tanto contamos con TODOS o próximo sábado ás 12:00 da mañá animando aos nenos sen descanso. ¡¡¡Non pode faltar ninguén, pasaremos lista¡¡¡

Hoxe máis que nunca:

¡¡¡AÚPA NUMANCIA¡¡¡
 

SDR Numancia de Ares. Alevíns Ortigueira - Numancia (San Claudio, 20/02/2010)SDR Numancia de Ares. Alevíns Ortigueira - Numancia (San Claudio, 20/02/2010)

Uso de “cookies” Utilizamos cookies propias e de terceiros para mellorar os nosos servizos en relación coas súas preferencias mediante ó análise anónimo dos seus hábitos de navegación. Se continúa navegando, consideramos que acepta o seu uso. Pode obter máis información sobre o uso de “cookies” accedendo a nosa política de “cookies”. Para saber máis sobre as cookies que utilizamos e como eliminar-los, consulta a nosa política de cookies.

Acepto os cookies deste sitio web.