Alevíns. Campións. ‘IX ENCONTROS DE NADAL ‘FÚTBOL-5 EN PISTA’’
Decembro 26, 2008 ·
Na tarde do venres 26 de decembro na pista polideportiva de Mugardos e ante o Galicia de Mugardos B, a S.D.R. Numancia de Ares proclamouse vencedora do Torneo de Nadal 2008 ao vencer por 5 tantos a 1 aos organizadores do torneo.
Saíron no quinteto inicial: Kike, Martín( 1 ), Iván, Carlos( 2 ) e Alberto ( 1 ). Tamén participaron no encontro: Roberto, Verónica, Fran ( 1 ), Anxo e Marcelo.
Comezou o encontro con ocasións dos de Ares e pronto chegou o 1-0 obra de Carlos ao finalizar unha xogada persoal. Tamén o 2-0 tivo o mesmo protagonista, Carlos. Con este resultado chegaríase ao descanso.
Na segunda parte un erro do meta mugardés aproveitouno Alberto para poñer o 3-0 de forte disparo desde o bordo do área. Acurtarían distancias os locais cun tiro afastado que bota ao bordo do área e sorprende a Roberto subindo o 3-1 ao marcador. Unha man no área do Galicia foi sancionada con penalti, encargándose de transformalo Fran que golpeou con forza o balón para establecer o 4-1. Tamén a balón parado, pero agora en forma de falta directa desde a banda esquerda do ataque aresán, foi a forma de lograr o 5-1 definitivo. O autor deste último tanto foi Martín, que conseguiu golpear o balón coa forza xusta e a colocación necesaria para que o porteiro mugardés nada puidese facer para evitar o tanto.
Con este triunfo o equipo alevín rematou unha excepcional participación da S.D.R. Numancia de Ares no torneo de Nadal que conseguiu quedar 1º e 2º en categoría Pre Benxamín, 2º en categoría Benxamín e 1º en categoría Alevín.