BENXAMÍNS. RECEPCIÓN AOS CAMPIÓNS.

OS BENXAMÍNS, AGASALLADOS NO CONCELLO

Na mañá de onte, sábado de Alfombras Florais en Ares, o Numancia benxamín foi recibido no salón de plenos polo sr. Alcalde de Ares, d. Julio Iglesia xunto cos concelleiros Alma Barrón e José Juan Vilar. 
Ares, 18 de xuño de 2017.
Abría o acto no salón de plenos, o sr. Alcalde lembrando a recepción do ano 2010, primeira ocasión na que o Numancia acudía á casa consistorial para asinar no Libro de Ouro, unha práctica que servía para homenaxear aos equipos ou deportistas “triunfadores”, amén doutras personalidades. Nese ano 2010 foran os prebenxamíns aresáns quen recibiran a homenaxe pola conquista da Copa da Delegación de Ferrol. Posteriormente, o Numancia foi rabuñando algún que outro trofeo, e xa que estamos de festa, imos recordalos:
2011: campións da Copa infantil
2012: subcampións de Copa benxamín.
2015: subcampións de Copa cadete.
2016: campións de Liga, xuvenil.
E así chegamos a este 2017 onde tivemos que ampliar as vitrinas para colocar tres trofeos:
Benxamíns: Campións da Copa da Delegación de Ferrol.
Cadetes: Campións do trofeo AFACO.
Xuvenís: Subcampións de Copa da Delegación de Ferrol.
Sen dúbida, estamos a disfrutar dun final de temporada “caloroso”.
Mais volvamos ao acto e salientemos as palabras do sr. Alcalde, recoñecendo o enorme mérito destes nenos benxamíns que foron quen de derrotar a equipos que constitúen auténticas seleccións, coma o R. Ferrol, Galicia de Caranza ou o Val, ademais de plantarlle cara a todo un Deportivo da Coruña. Fantástica temporada. Subcampións na Liga, Campións de Copa e finalistas na fase provincial onde só o Deportivo conseguiu superarnos. E tamén meritoria a participación nos distintos torneos: campións en Sada, semifinalistas en Abegondo, semifinalista en Meirás, campións en Neda, ... 
Agora ben, o máis importante non son as vitorias, pois os resultados dos partidos dependen de circunstancias non sempre controlables. O verdadeiramente importante é o traballo cotiá, o esforzo semanal. Tamén comentaba isto o sr. Alcalde e destacaba outro aspecto fundamental: a formación en valores. Efectivamente, o fútbol coma moitos outros deportes, ten que servir para formar e educar aos nosos nenos. Formalos como deportistas: mellorar a súa técnica no control e golpeo do balón; preparalos para que alcancen un estado físico óptimo; ensinarlles xogadas de estratexia; explicarlles a mellor colocación no campo; etc... pero por riba de todo, educalos no respecto e na solidariedade, no compromiso e na comprensión. E si que estamos moi satisfeitos e orgullosos de todos estes benxamíns aresáns porque responden positivamente a todos estes valores. Mesmo engadiría outra calidade: nunca baixan os brazos, loitan e pelexan ata o último alento, compiten coma auténticos campións (Julio Iglesias púxolles o exemplo de Rafa Nadal). 
Adrián, Aketz, Alejandro, Ángel, Cristian, Dani, David, Hugo, Iker, Isma, Leo, Lucas, Luís, Marcos, Mateo, Papa Omar, Rubén, Sergio e Xerar. Os seus nomes quedarán no Libro de Ouro, xunto aos de Borja, Dani, Elías e Martín, os catro monitores que durante toda a temporada estiveron ao seu lado, desde principios de setembro, e aínda que nos vimos obrigados a presentar dous equipos na Liga, repitamos unha vez máis que sempre os consideramos un equipo: Numancia de Ares, benxamín. Todos eles recibiron un fermoso agasallo de mans do alcalde.
Para finalizar, a directiva do Numancia agradece a colaboración das familias destes nenos, desprazándose por toda a comarca e acompañando os seus fillos aos partidos e torneos. 
Non quixeramos pechar a crónica sen expresar o noso agradecemento á corporación municipal polo seu apoio á nosa entidade.
 

Uso de “cookies” Utilizamos cookies propias e de terceiros para mellorar os nosos servizos en relación coas súas preferencias mediante ó análise anónimo dos seus hábitos de navegación. Se continúa navegando, consideramos que acepta o seu uso. Pode obter máis información sobre o uso de “cookies” accedendo a nosa política de “cookies”. Para saber máis sobre as cookies que utilizamos e como eliminar-los, consulta a nosa política de cookies.

Acepto os cookies deste sitio web.