Inicio Noticias Pre Benxamíns PREBENXAMÍNS. CRÓNICA DO TORNEO DE NEDA
 
 

PREBENXAMÍNS. CRÓNICA DO TORNEO DE NEDA

MARCELO: NOVAMENTE ELIMINADOS POLA DIFERENCIA DE  GOLES

Na mañá do pasado sábado 10 de xuño participaba o Numancia de Ares prebenxamín no torneo de fútbol 8 en Neda.
Ares, 16 de xuño de 2017.
Este torneo consistía nunha primeira fase de dous grupos de 4 e 5 equipos respectivamente, o grupo A estaba composto polo San Sadurniño, o Narón Freixo, o Perlío e o Racing San Pedro, mentres que o grupo B formábano o Neda, o Ánimas, o Viveiro, o San Sadurniño B e o Numancia. Esta primeira fase duraría toda a mañá e as primeiras horas da tarde, pasarías os dous primeiros de cada grupo para xogar semifinais e final. Chegaban os prebenxamíns ás 09:00 da mañá para enfrontarse no primeiro partido ao San Sadurniño “B” ás 09:30.

Primeiro partido: Numancia de Ares 6 – San Sadurniño “B” 0:
No primeiro partido o Numancia chegaba coa incerteza de como sería o rival, pero rápido anotaría o 1-0 e comprobouse que sería fácil gañar, debido a que o rival non pasaba de medio campo e os aresáns tocaban e tocaban e chegaban con facilidade á meta rival. A partir do 4-0 o Numancia comezou a deixar saír co balón xogado aos rivais e deixar que tocaran un pouco o esférico entre eles, pero inevitablemente aparecían perdas de balón que aproveitarían para marcar o definitivo 6-0. Os goles do encontro serían obra de DaniX3, Carlos, Gabi e Lucas Espiñeira. No outro partido do grupo o Neda impoñíase por 3-0 ao Ánimas e descansaría o Viveiro.
 

Segundo partido: Numancia de Ares 1 – Ánimas 2:
Neste segundo encontro o Numancia acusou coma noutros partidos a súa falta de puntería de cara a gol e seus erros puntuais na defensa. O encontro comezaba ben, cun gol temperán novamente de Dani que adiantaba ao conxunto vermello. Tras este gol o equipo comezou a relaxarse e, nun saque de esquina do Ánimas, o rexeite da nas mans de Íker, tendo unha ocasión clara o Ánimas de empatar e que non desaproveitaría dende fóra do área. No saque de centro, o Numancia perdería rapidamente o control da pelota e o Ánimas marcaría o definitivo 1-2, a partir de este gol o Numancia volveu dominar o encontro e tivo varias ocasións, pero que por desgraza non acabaron en gol e polo tanto, deixaban o Numancia nunha situación de cuádruplo empate no grupo a 3 ptos. Posto que no outro partido do grupo o Viveiro golearía por 0 a 8 ao San Sadurniño “B”, o descanso do Neda e a vitoria do Ánimas deixaban aos catro equipos con 3 ptos.

Terceiro partido: Numancia 1 – Viveiro 4:
Sabía o Numancia da dificultade deste terceiro encontro, e non tardou en verse superado polo equipo contrario, un equipo que foi mellor dende principio a fin, e que demostrou que era claro aspirante a levarse a primeira praza do grupo e o torneo, o gol do Numancia sería obra novamente de Dani, e Mario voltaría a parar unha pena máxima do rival, como xa o fixera outras veces noutros partidos contra equipo mellores. Foi un partido para aprender e do cal os rapaces saíron sabendo que se terían que dar certos resultados para poder pasar. No outro partido o Neda golearía por 9 a 0 ao Sansa “B”. Na cuarta xornada, o Numancia descansaría e os resultados que se deron foron o Neda 1 – Viveiro 2 e o Ánimas 8 – Sansa “B” 0.

Chegados a este momento e faltando un partido a clasificación colocaba ó Viveiro na primeira posición en solitario con 9 puntos e unha diferencia de goles de +12, na segunda posición empataban a 6 ptos o Neda cunha diferencia tamén de +12 e o Ánimas cunha diferencia de +6, penúltimo o Numancia con 3 ptos e unha diferencia de +2 e eliminado en última posición o Sansa “B”. O Numancia poderíase clasificar pero o tiña moi complicado, xa que tería que gañarlle o Neda por 5 goles de diferencia e que o Ánimas perdese co Viveiro.

Cuarto e último encontro: Neda 1 – Numancia 3:
Chegaban ao campo despois de xantar os rapaces numantinos ca ilusión de pasar a semifinais, en fronte o Neda, equipo co que xa xogaran durante a liga. Partido difícil que no que os rapaces, a base de entrega e garra, loitaron ata o último minuto para pasar. Xogando o mellor partido durante o torneo, os pequenos marcaría o 0-1 e o 0-2 por parte de Dani, un deles olímpico, faltaban outros 3 para pasar e os nenos o sabían e por iso esforzábanse ao máximo. Nun mal rexeite o Neda faría o 1 a 2 pero isto non baixou a moral dos aresáns que continuaron dominando durante todo o partido, o 1-3 poñeríao Dani novamente desde o saque de esquina. Partido completo pero que, por mala sorte e pouco acerto, deixaba o equipo prebenxamín fora do torneo pola diferenza de goles. Aínda así os pequenos levaron unha medalla e un bolsa de chuches que os deixou máis que contentos.

Coma conclusión, segundo torneo consecutivo que os pequenos quedan fora pola diferenza de goles a pesar de xogar partidos completos, xogar combinando e ben, e de ter resultados favorables respecto aos rivais cos que empatan a puntos. Este dato chócanos, xa que a pesar da continua queixa social por parte dos equipos, familias e outras entidades de “golear aos equipos máis frouxos e non deixalos xogar”, chegando a aparecer noticias de que é lamentable que un equipo lle marque máis de 10 goles a outro, nestes torneos foméntase esa actitude, xa que obriga aos equipos a marcar unha cantidade de goles esaxerada para que en caso de empatar poder pasar antes que os seus rivais, en vez de ser por resultados entre os implicados. Quitando a parte deportiva,  son torneos para pasalos xuntos, en equipos e coas familias e desfrutar dun día en conxunto.
 
Colaboradores

Uso de “cookies” Utilizamos cookies propias e de terceiros para mellorar os nosos servizos en relación coas súas preferencias mediante ó análise anónimo dos seus hábitos de navegación. Se continúa navegando, consideramos que acepta o seu uso. Pode obter máis información sobre o uso de “cookies” accedendo a nosa política de “cookies”. Para saber máis sobre as cookies que utilizamos e como eliminar-los, consulta a nosa política de cookies.

Acepto os cookies deste sitio web.