PREBENXAMÍNS. MONITORES 2015 - 16
MARCELO E QUIQUE COMPLETAN O CADRO DE MONITORES PARA O FÚTBOL-8
Seguindo a liña iniciada en temporadas precedentes, o Numancia quere potenciar a formación de monitores, abríndolles as portas a todos aqueles rapaces interesados en colaborar co club, de maneira que nesta temporada 2015 -16 van dar os seus primeiros pasiños coma monitores de prebenxamíns, Marcelo e Quique.
Ares, 23 de agosto de 2015.
A actual Xunta Directiva do Numancia sempre valorou positivamente a integración dos rapaces de Ares na estrutura do club, ben sexa coma xogadores, coma monitores, ou mesmo, coma directivos. Somos conscientes de que a entidade necesita de todos e inténtase buscar acomodo e funcións nese sentido. Mais tamén sabemos que non sempre é fácil.
Por tanto, procuramos que os xogadores do equipo de modestos ou dos xuvenís vaian implicándose na formación dos nenos, pero sempre apoiándoos e dándolles recursos. Non sempre é posible dar con voluntarios, por iso estamos moi satisfeitos do paso dado estes días por Marcelo e Quique, que van ser os últimos en incorporarse. Marcelo, xogador xuvenil, que xa está matriculado no Ciclo Superior de Animación de Actividades Físicas e Deportivas, e Quique, porteiro dos xuvenís, comprométense na formación dos prebenxamíns.
E con eles estará Marcos Amor, adestrador do primeiro equipo do Numancia e co título de Adestrador de Fútbol, nivel III, quen asesorará e coordinará o labor destes rapaces, de maneira que a etapa de pre-iniciación ao fútbol, categorías biberón e prebenxamín queda deste xeito:
Coordinador deportivo da etapa: Marcos Amor.
Monitor da categoría biberón: Marcos Amor e Dani Cartelle.
Monitores da categoría prebenxamín: Marcelo Couce e Quique Dragoevich.
Xuventude, formación, ilusión e compromiso para unha nova temporada no Numancia nas etapas de pre-iniciación e iniciación ao fútbol.