Inicio Noticias Pre Benxamíns O NUMANCIA NO CONCELLO
 
 

O NUMANCIA NO CONCELLO

HOMENAXE DA CORPORACIÓN MUNICIPAL AO NUMANCIA
O salón de plenos aresán acolleu aos protagonistas desta temporada 2013-14
 
 
 
Ares, 24 de xuño de 2013
 
Foron os primeiros en entrar na casa consistorial, en perfecta formación, e non tardaron en saír ao balcón para recibir uns aplausos ben merecidos tras unha temporada de compromiso e éxito. Son eles os principais protagonistas e tamén son a razón de ser de clubs de ámbito local que cumpren na sociedade un servizo impagable. Sabemos que non todos o entenden así e que procuran outros intereses e tamén sabemos que imos atopar moitos atrancos para saír adiante. Porén, son eles, os nenos e nenas de Ares os que nos empuxan a continuar con esta empresa. Por que se non fose polos nenos aresáns, este equipo xa non sería o mesmo. É importante que todos sexamos conscientes do noso lugar, desde os directivos ata as familias, e mesmo os políticos. Queremos un equipo de fútbol en Ares onde os nosos fillos poidan practicar o deporte que lles gusta?  Pois arrimemos o ombro, colaboremos, que o Numancia somos todos. Ben seguro que se pode mellorar, sempre haberá marxe de progreso. Mais tampouco esquezamos quen somos, e que os triunfos non nos ceguen. As nosas vitorias, os nosos trofeos valen moitísimo máis cós triunfos doutras entidades, porque os nosos campionatos conséguense cos nosos nenos, cos que xogan moi ben e cos que aínda teñen que aprender. E sexamos realistas: repetir estas vitorias será case imposible. Pero nós temos outras metas, outros obxectivos: participación e formación, formación plena e integral, educar en valores, conseguir grupo e gozar en compaña dos nosos amigos e veciños. Todo isto é posible sempre que os aresáns así o queiran e entendan.
 
E este pasado sábado, 22 de xuño, tivemos unha demostración do traballo ben feito: os que alí estabamos puidemos ver a ledicia dos nenos ao ser recibidos polo alcalde da súa vila, a súa ilusión ao entrar no salón de plenos, ao ser chamados polo seu nome, ao recibir un agasallo de mans do seu alcalde, o verse “importantes” ao asinar no libro de ouro, …
 
Este acto de recoñecemento e homenaxe estivo presidido polo sr. alcalde, d. Julio Iglesias Redondo, acompañado polos concelleiros da corporación municipal aresá, quen un ano máis salientou a importancia do sacrificio e o traballo, felicitando aos compoñentes da categoría prebenxamín: Juan, Miguel, Aarón, Carlos, Marcos Rey, Brais, David López, Manu, David Vilasánchez, Áxel, Marcos Margaretto, Hugo, Xerar e Iván, xunto con Genete e Kiko, quen foron capaces de gañar todos os partidos de liga do seu grupo, así como a Marcos Amor e Álex Pita, nomeados coma mellor adestrador xuvenil e mellor xogador xuvenil, respectivamente.
 
Finalmente, Xoán Vázquez, representando ao Numancia, expresou o agradecemento do club por este acto de homenaxe e rematou realizando un repaso polo traballo desenvolvido en todas as categorías, incidindo nas horas de dedicación dos adestradores e educadores, na colaboración das familias e na xenerosidade, entrega e altruísmo do grupo de directivos, solicitando un especial recoñecemento para o labor de Toni e Pepe, dous compañeiros que levan moitísimos anos e innumerables horas regalados ao club.
 
E cando non haxa títulos? E cando non entren trofeos nas nosas vitrinas? Pois, daquela, teremos que felicitarnos por sermos quen de participar con equipos formados polos nosos nenos e nenas, por participar con ilusión e dignidade, por ofrecerlles aos nenos e nenas de Ares eses momentos de diversión, de formación deportiva e social, e, como non, de xuntarnos cos seus pais e nais nunha comida e botar uns risos. E daquela, tamén chamaremos ao sr. alcalde para que nos acompañe e nos felicite polos logros conseguidos.
 

 
Colaboradores

Uso de “cookies” Utilizamos cookies propias e de terceiros para mellorar os nosos servizos en relación coas súas preferencias mediante ó análise anónimo dos seus hábitos de navegación. Se continúa navegando, consideramos que acepta o seu uso. Pode obter máis información sobre o uso de “cookies” accedendo a nosa política de “cookies”. Para saber máis sobre as cookies que utilizamos e como eliminar-los, consulta a nosa política de cookies.

Acepto os cookies deste sitio web.