COMUNICADO DO NUMANCIA
Aclaracións a unha noticia de prensa
20 de xaneiro de 2009
A Xunta Directiva
Lamentablemente, nun xornal local aparece publicada no día de hoxe, unha información referente ao noso admirado e querido Pedro que poderiamos cualificar, sendo benévolos, como de errónea e falsa.
Atreverse a insinuar que Pedro tiña asignada unha cantidade económica por parte do club, sen citar fontes de información, sen contrastar esta información coa xunta directiva do Numancia, parécenos unha ousadía e quizás, unha falta de tacto e respecto nestes momentos de dor e tristura.
Ademais, coñecemos que cando os medios de comunicación publican unha información, aínda que esta sexa falsa e aparezan centos de desmentidos e rectificacións, custa moito convencer ao público da falsidade da noticia, sempre haberá quen quede coa dúbida.
Como Xunta directiva do Numancia xa esiximos unha rectificación á redactora responsable da información (comunicounos que aparecerá no xornal do xoves), e polo respecto e cariño que todos lle tiñamos a Pedro, manifestamos de xeito claro, rotundo e contundente que toda a colaboración e dedicación de Pedro co Numancia era por altruísmo, non existía ningunha retribución económica. É máis, ningún directivo da actual xunta directiva percibe un céntimo (tampouco podía ser doutra maneira)
Agardamos que este comunicado sirva para despexar calquera sombra que poida asombrar a figura deste amigo e compañeiro ao que tanto lle debemos todos.