Inicio Noticias Xerais SEMIFINAIS DE COPA EN PRADOS VELLOS
 
 

SEMIFINAIS DE COPA EN PRADOS VELLOS

ILUSIÓN, OPTIMISMO  E HUMILDADE

Jorge, Dani e Xelo comentan os partidos das tres semifinais que disputa o Numancia entre o venres e o sábado. Os tres adestradores fan un chamamento aos siareiros aresáns para que apoien os xogadores nestes importantes encontros. Ares, 3 de xuño de 2010

SEMIFINAIS ALEVÍNS
Mañá, venres, ás 19.00 h. o Numancia afronta a primeira semifinal desta fin de semana. Nesta ocasión será a partido único no campo de Prados Vellos. A outra semifinal xogarase o martes entre o Meirás e o Portuarios B. Nesta previa, conversamos con Jorge, segundo adestrador do Numancia alevín.

- Jorge, con que ánimo afrontas esta eliminatoria?
- Pensando en pasalo ben. Se gañamos, ben e se perdemos, non pasa nada. O importante é que os rapaces disfruten.
- Despois de eliminar ao R.B, védesvos favoritos?
- Non, o favorito é o Rácing. Teñen todos os xogadores de segundo ano e deben ser eles os que aspiren a quedar campións. De todas maneiras, nós loitaremos pola vitoria. Xogamos na casa e esperamos contar co apoio da afección.
- O partido de cuartos foi moi táctico e conservador. Mañá será parecido?
- A priori somos dous equipos bastantes parellos e seguramente será táctico. Aínda así esperamos que sexa máis entretido. Os dous equipos imos apostar por ter a posesión de balón. É posible que o partido se decida en accións individuais.
- Que coñeces do rival?
- Teñen a Borja Freire, xogador que participou coa selección alevín de Ferrol e forman un bloque forte. Contan con varios xogadores de moita calidade técnica.
- Un resultado?
- 4 – 2.
- Por último, o propio Jorge facilitounos a convocatoria para o partido de mañá: Fernando, Adrián, Óscar, Piñeiro, Nico, Emi, Fran Fernández, Carlos, Miguel, Sergio, Luis e Antón.


SEMIFINAIS CADETES
O sábado ás cinco, os cadetes do Numancia xogan co Cedeira o partido de ida desta semifinal. G. Caranza e Ortigueira disputarán a outra semifinal. Preguntámoslle a Dani, segundo adestrador do Numancia, polas súas impresións nas vésperas deste partido.

- Dani, como afrontas esta eliminatoria?
- Con optimismo. Despois da remontada co Meirás, con tres homes menos, o estado de ánimo é moito mellor.
- O Cedeira foi campión de liga e por tanto, é o favorito. Consideras que existe algunha posibilidade de superalos?
- Si, aínda que sabemos que a eliminatoria está un 40 – 60 favorable ao Cedeira.
- Como che parece que será o partido de mañá?
- Eles van ter o dominio de balón, unha porcentaxe alta de posesión do esférico. Nós temos que estar ben colocados atrás, con moitas axudas no medio campo e buscando o contragolpe.
- Cales son os puntos fortes do Cedeira?
- Destacaría a alta calidade individual. Non teñen un punto débil, e dispoñen de  moi bos xogadores en todas as liñas. Quizás destacaría aos dous medios e ao dianteiro centro.
- Un resultado?
- 2 - 2

SEMIFINAIS XUVENÍS
A última semifinal copeira vai ser o sábado ás sete da tarde, entre o Numancia e o Cebarca. Interrogamos a Xelo, adestrador dos xuvenís aresáns, acerca deste partido de ida.

- Xelo, como afrontas esta eliminatoria?
- Con moita ilusión e coa humildade necesaria para intentar obter un resultado positivo
- Consideras que a eliminatoria está igualada?
- Si, moi igualada. Seguramente non se resolverá ata o partido de volta.
- Como che parece que será o partido do sábado?
- Vai ser un partido moi aberto, porque os dous equipos temos un sistema bastante ofensivo. Eles meten moitos goles e nós tamén xogamos con moita xente arriba.
- Cales son os puntos fortes do Cebarca?
- Teñen un gran porteiro e un medio campo moi forte, con moita calidade e moi ofensivo.
- Un resultado?
- Non, prefiro non dar ningún resultado.
O que si nos facilitou foi a relación dos xogadores convocados: Fivi, Tobe, Álvaro, Víctor, Pablo, Juanra, Coco, Antón, Martín, Jorgito, Pita, Pedro, Jorge, Julio, Dani e Manu.

Ata aquí estas breves opinións de tres grandes adestradores. Todos eles poden sentirse orgullosos dos seus rapaces e da temporada que está a finalizar. Sorte para todos e a desfrutar destas tres semifinais.
 

Colaboradores

Uso de “cookies” Utilizamos cookies propias e de terceiros para mellorar os nosos servizos en relación coas súas preferencias mediante ó análise anónimo dos seus hábitos de navegación. Se continúa navegando, consideramos que acepta o seu uso. Pode obter máis información sobre o uso de “cookies” accedendo a nosa política de “cookies”. Para saber máis sobre as cookies que utilizamos e como eliminar-los, consulta a nosa política de cookies.

Acepto os cookies deste sitio web.