Inicio Noticias Xerais BRINDE FIN DE ANO 2017
 
 

BRINDE FIN DE ANO 2017

POR UN 2018 CON MÁIS APRECIO E UN NUMANCIA GRANDE

APRECIO: Sentimento do que valora ou sente afecto por algo ou alguén. 

Ares, 31 de decembro de 2017. 

ADR Numancia de Ares. Brindis fin año 2017.No brinde celebrado este venres, 29 de decembro, no local do club, utilizouse a palabra “aprecio” coma eixo central dos desexos para un 2018 que xa está ás portas. Se noutros contextos a palabra do ano foi “afouteza” ou “aporofobia”, no Numancia escollemos “aprecio” porque consideramos que non lle estamos dando o valor merecido á colaboración desinteresada e altruísta da xente que está a termar da entidade, sexa levando o mantemento das instalacións ou sexa formando deportivamente a promocións de nenos e mozos. Nestes casos, a pregunta é doada: e ti, que fas polo Numancia? 

Hai un ano avogamos pola irmandade de todos os sectores que conforman o Numancia e agora chegou a hora de solicitar este “aprecio” e tamén “agradecemento” de todos aqueles ou aquelas que achegan pouco ou moito ao club. 

Dito isto, e como corresponde á ocasión, tamén foi o momento de facer balance deste 2017 que está a piques de finalizar. 

Desde unha perspectiva social, poderiamos comezar salientando a participación da sociedade en actos de solidariedade apoiando a asociación “Una cura para Adri”, tanto en Ares coma en Ferrol ou Mugardos. Tamén organizamos actos polo día da Muller, recoñecendo a súa colaboración coa entidade ou mesmo participando en xornadas contra a violencia de xénero.

Deportivamente, alén da inscrición dos nosos equipos nos campionatos da delegación de Ferrol, continuamos abrindo portas, participando en torneos nas distintas localidades provinciais: Mugardos, Abegondo, Meirás, Arteixo, Maniños, Neda, Perlío, ... onde o nome do Numancia vai deixando un ronsel de bo facer.

Por suposto, non podemos esquecer (e menos un Numancia de Ares) os logros conseguidos, en canto a títulos oficiais:

A categoría que máis alegrías nos deu este ano, sen dúbida algunha foi a dos benxamíns: subcampións de Liga e campións de Copa, gañando na final, contundentemente,  ao R. de Ferrrol por 3 – 0. E que dicir da magnífica actuación na fase provincial disputada en Laracha, onde só o poderoso Deportivo foi quen de nos eliminar.

Un Deportivo que tamén nos eliminou nas semifinais do Torneo de Abegondo. Realmente, espectacular. Por certo, que xa en setembro, estes mesmos nenos tamén gañaron o noso torneo “Pedro García”.

Outra alegría, e ademais sorprendente, foi a dos cadetes, gañando nunha trepidante final a un gran Val o trofeo da AFACO, despois de lanzamentos de penaltis.

E finalmente, os xuvenís quedaron subcampións de Copa, rematando un ciclo moi positivo unha promoción de rapaces que hoxe están no primeiro equipo.

Xa na segunda parte do ano, comezamos en agosto coa organización dos torneos de F-11, destacando a invitación a equipos coruñeses de categoría xuvenil: Maravillas, Ciudad Jardín e At. Castros viñeron a Ares, cumprindo o obxectivo de promocionar as visitas á nosa vila . Tamén no torneo de F-8 recibimos a máis de 20 equipos procedentes da comarca e de Coruña. En definitiva, parécenos que poñemos a Ares como destino de moitos visitantes. 

E todo isto grazas a unha estrutura deportiva que suma unhas 140 licenzas federativas nos 9 equipos, con 120 xogadores, 11 técnicos e 8 delegados, a día de hoxe.


E temos que volver ao principio, lembrar unha vez máis a palabra coa que comezabamos: “aprecio”. Valoremos, recoñezamos e aportemos todos como fixo Antonio González desde aquel 2009 no que chegou ao Numancia ata hai uns días, cando despois de 7 anos, deixa o club. Tamén Marcos Amor (2011, cos xuvenís; 2013, cos modestos) tras seis anos dirixindo equipos no Numancia, comezou un novo ciclo por terras de Abegondo.  Sorte e éxitos para os dous na súa nova andaina. 

E desexos para todos  de que o 2018 nos inculque o sentimento do agradecemento.

  POR UN 2018 CON MÁIS APRECIO E UN NUMANCIA GRANDE

 

 

Colaboradores

Uso de “cookies” Utilizamos cookies propias e de terceiros para mellorar os nosos servizos en relación coas súas preferencias mediante ó análise anónimo dos seus hábitos de navegación. Se continúa navegando, consideramos que acepta o seu uso. Pode obter máis información sobre o uso de “cookies” accedendo a nosa política de “cookies”. Para saber máis sobre as cookies que utilizamos e como eliminar-los, consulta a nosa política de cookies.

Acepto os cookies deste sitio web.