ACTITUDES ANTIVIOLENCIA NO FÚTBOL

O ADESTRADOR RETIRA A DOUS RAPACES POR CONDUTAS INCORRECTAS, DEIXANDO AO SEU EQUIPO CON DOUS XOGADORES MENOS.

Así como sempre nos fixamos nos sucesos máis lamentables e violentos dentro do mundo do deporte, especialmente no fútbol, esta fin de semana futbolística déronse dous detalles no ámbito do Numancia, merecentes de ser loados debidamente.

Ares, 10 de abril de 2017.

Para cambiar os hábitos e comportamentos que, por desgraza, vemos cada fin de semana nos campos de fútbol, debemos chegar a todos os sectores implicados, pero especialmente aos máis directamente relacionados co desenvolvemento dos partidos, aos protagonistas auténticos, é dicir, aos xogadores e adestradores. Dar exemplos positivos tamén pode ser beneficioso e, nós tivemos oportunidade de vivir esta fin de semana, dous casos chamativos que nos demostran que o deporte pode ofrecer valores positivos.

O primeiro a destacar, por orde cronolóxica, consistiu na chamada telefónica dunha señora que nos transmitía, por unha banda, o desgusto e arrepentimento do seu fillo por unha súa actitude incorrecta durante un partido de fútbol, de tal maneira que estaba pensando seriamente en abandonar a práctica do fútbol; e, por outro lado, a señora chamaba para presentar as súas desculpas ao noso club e tamén ao noso xogador, manifestando que o seu fillo xa se desculpara cos seus compañeiros e co seu club, engadindo a petición de que este nos chamara para trasladarnos as súas desculpas. Loxicamente, a resposta do Numancia foi a de agradecer e aceptar, á súa vez, as desculpas da señora, facéndolle ver que todos cometemos erros pero que, unha vez cometidos, temos que recoñecelos e asumilos, reflexionando sobre os mesmos para non volver a cometelos. 

O segundo xesto encomiable vímolo o sábado pola mañá no partido de categoría infantil entre o Numancia e o Cedeira. Absolutamente sorprendente e educativa foi a resposta do adestrador do Cedeira ante dúas actitudes reprochables (algúns poden considerar que non foron tan graves) que observou nos seus xogadores. A primeira medida que tomou o adestrador cedeirés, sentando no banco a un xogador, pareceunos que viña motivada por uns comentarios inadecuados do rapaz. O caso é que non dubidou en retiralo do campo, deixando ao equipo cun xogador menos pero, iso si, cortando un leve acto de indisciplina. No segundo caso, un rapaz que xa estaba amoestado, deulle unha patada a un adversario (digamos que en disputa do balón) e tampouco lle tremeu a man ao adestrador cedeirés para mandalo para o vestiario (o árbitro só sancionou a falta). Ían perdendo 2 – 0 e quedaban con dous xogadores menos. O lóxico sería pensar que tiraba o partido pero os rapaces que quedaron no campo seguiron xogando co mesmo interese e gañas, controlando o xogo e realizando boas combinacións entre eles, de tal maneira que mesmo conseguiron un gol. En definitiva, este señor adestrador impartiu unha maxistral lección da que xa podemos ir aprendendo todos. Educación, respecto, deportividade e bo fútbol. Si señor, con respostas coma estes desde os bancos, non necesitariamos máis medidas para acabar coa violencia nos campos de fútbol.

Como conclusión, vemos como todos os participantes neste circo do fútbol temos unha grande responsabilidade e como son fundamentais actuacións e xestos coma estes dous que acabamos de citar. Cando estas anécdotas se convertan en accións habituais e rutineiras, entón si que estaremos no camiño da erradicación da violencia no deporte.

 

 

Uso de “cookies” Utilizamos cookies propias e de terceiros para mellorar os nosos servizos en relación coas súas preferencias mediante ó análise anónimo dos seus hábitos de navegación. Se continúa navegando, consideramos que acepta o seu uso. Pode obter máis información sobre o uso de “cookies” accedendo a nosa política de “cookies”. Para saber máis sobre as cookies que utilizamos e como eliminar-los, consulta a nosa política de cookies.

Acepto os cookies deste sitio web.