DÍA DA MULLER EN PRADOS VELLOS

ESTE SÁBADO, O NUMANCIA COAS MULLERES

A ADR Numancia realizará unha homenaxe simbólica ás mulleres nos prolegómenos do partido de xuvenís que comezará ás seis da tarde deste vindeiro sábado.

ADR Numancia de Ares. Días da muller en Prados Vellos. Vero Boquete: "Que as nenas podan soñar con ser futbolistas, par min, non ten prezo"

Ares, 9 de marzo de 2017.

Este mércores pasado, 8 de marzo, celebrouse en moito países o Día Internacional  da Muller, data escollida para conmemorar a loita da muller na consecución dunha igualdade co home en canto a dereitos laborais e sociais.

 A orixe desta celebración radica na folga das traballadoras do sector téxtil de Chicago e Nova Iorque  que en 1908 protestaron polas pésimas condicións de traballo, esixindo unha redución da xornada laboral, mellores salarios e dereito ao voto.

No eido do deporte e mais concretamente no fútbol, seguimos dando pasos para incorporar a muller e a proba témola na liga de F-8 feminina coa que contamos na comarca de Ferrol, na que participan moitas mozas. Tamén hai exemplos de mulleres que forman parte das directivas dos nosos clubs e, en menor medida, adestradoras e árbitros. 

 

Conscientes de que no noso club as mulleres non teñen a participación desexada por todos, a Xunta Directiva traballa coa idea de sumar compoñentes femininos, pois só cando as teñamos con nós poderemos presumir de ser unha familia completa. E importante sería que ocupasen postos ou cargos de responsabilidade.

Así pois, a día de hoxe só nos queda agradecer a súa colaboración a todas aquelas nais de xogadores, cónxuxes de adestradores e directivos, avoas e, en xeral, a todas as mulleres que están ou estiveron relacionadas coa ADR Numancia. 

Por tanto, e de maneira simbólica, o club súmase á celebración do Día Internacional da Muller organizando un pequeno acto na tarde deste vindeiro sábado. A nosa intención consiste en que unha muller efectúe o saque de honor do partido de xuvenís entre o Numancia e o G. de Mugardos. Se ben puidemos ter decidido o nome da persoa, pareceunos máis correcto realizar un sorteo entre todas as mulleres que suban a Prados Vellos este sábado, así que poderán recoller unha papeleta numerada á entrada do campo. O sorteo será ás 17.50 h. na cantina de Prados Vellos. O capitán do Numancia xuvenil entregaralle á “premiada” un ramo de flores.

Finalmente, queremos recoller unha frase da capitá da selección de fútbol española, a compostelá Vero Boquete, quen nunha entrevista publicada este mércores no diario La Voz de Galicia, aseguraba que  “o fútbol feminino ten un futuro realmente prometedor por diante”. Que así sexa!

 

 

Uso de “cookies” Utilizamos cookies propias e de terceiros para mellorar os nosos servizos en relación coas súas preferencias mediante ó análise anónimo dos seus hábitos de navegación. Se continúa navegando, consideramos que acepta o seu uso. Pode obter máis información sobre o uso de “cookies” accedendo a nosa política de “cookies”. Para saber máis sobre as cookies que utilizamos e como eliminar-los, consulta a nosa política de cookies.

Acepto os cookies deste sitio web.