Inicio Noticias Xerais CAMPIÓNS DO 66
 
 

CAMPIÓNS DO 66

REENCONTRO EN PRADOS VELLOS

A tarde chuviosa do sábado non impediu a emotiva e feliz xuntanza destes “veteranos” campións que volvían a Prados Vellos con moitas lembranzas e anécdotas que contar.
 
 
 
Ares, 23 de maio de 2016.
 
ADR Numancia de Ares. Campión de Xuvenís do ano 1966. Minutos antes do partido entre os xuvenís do Numancia e o Betanzos, disputando unha praza de ascenso á Liga Galega, foron chegando, un a un, aqueles campións do 1966. Non faltou ningún dos que se localizaron: Vicente Pazos Conde (Tito), Jesús Manuel Bardancas López (Jesús Manuel), Juan Cartelle González (Juan), José Manuel Fuciños Carpente (Nelo), Manuel Antonio Pérez Mahía (Mahía), Andrés Penedo Rodríguez (Andrés), Juan Ramón García García (Juan Ramón), Manuel García Fornos (Loliño), José Manuel Piñeiro Amor (Manel), Ángel Pita Carretero (Pita) e Francisco Doce Rodeiro (Pacucho).
 
A ilusión nos seus rostros; nas mans, algunha que outra fotografía en branco e negro; no corazón, a alegría do reencontro cos vellos compañeiros. Nin tan sequera a chuvia foi quen de estragar esta xornada onde os protagonistas volveron ser eles, lembrando aqueles mozos que conseguiran o campionato 50 anos atrás. Por certo e como anécdota, contaban que lles entregaran como premio un banderín.
 
Dada a adversa climatoloxía decidiuse que o saque de honor se levase a cabo, tal e como estaba previsto, aínda que con paraugas e alí foi Pacucho, en representación de todos.
 
ADR Numancia de Ares. Saque de honor homenaxe Campións de Xuvenís do 1966.De volta a cuberto, na cantina, agardamos ao descanso do partido para entregar as placas conmemorativas deste cincuentenario. No acto participaron o sr. alcalde Julio Iglesias, acompañado dos concelleiros José Juan Vilar e Eugenio Fernández, así coma directivos da ADR Numancia, encabezados polo sr. presidente, Antonio Rodríguez. Quedémonos cun comentario pronunciado con sentimento: “Esta placa vouna colocar nun sitio preferente do salón”.
 
Máis dun “veterano” quedou ata o final do partido e mesmo conversou cos rapaces, comentando as incidencias do partido mentres probaban o lacón servido por Pepe.
 
Antes de marchar tamén levaban unha bufanda do Numancia, portada con todo o orgullo dun numantino.
 
O que comezou dunha maneira improvisada e casual rematou sendo un deses actos que poñen en valor o traballo das directivas dos clubs modestos. Máis alá dos resultados, das vitorias, dos títulos, hai que apreciar o aspecto social e humano impulsando a convivencia entre os socios ou afeccionados da entidade. E o acto deste sábado abofé que cubriu este obxectivo. Tanto que mesmo serviu para paliar a tristura do resultado adverso ante o Betanzos.
 
 
Colaboradores

Uso de “cookies” Utilizamos cookies propias e de terceiros para mellorar os nosos servizos en relación coas súas preferencias mediante ó análise anónimo dos seus hábitos de navegación. Se continúa navegando, consideramos que acepta o seu uso. Pode obter máis información sobre o uso de “cookies” accedendo a nosa política de “cookies”. Para saber máis sobre as cookies que utilizamos e como eliminar-los, consulta a nosa política de cookies.

Acepto os cookies deste sitio web.