NUMANCIA XUVENIL DO 1966
50 ANOS ATRÁS … CAMPIÓNS DE LIGA: Tito, Jesús Manuel, Juan, Nelo, Mahía, Andrés, Juan Ramón, Velío, Loliño, Manel, Pita e Pacucho.
Este sábado ás sete da tarde, nos prolegómenos do partido Numancia - Betanzos de xuvenís, recibirán unha pequena homenaxe en Prados Vellos.
Ares, 19 de maio de 2016
Vaia coincidencia, xustamente 50 anos despois o Numancia consegue un título de liga na categoría xuvenil. Non imaxinabamos que foran tantos anos os que pasaran desde ese título, o cal indica a importancia real deste campionato. E que sorte poder localizar a case todos os integrantes daquel equipazo!.
As causalidades leváronnos a contactar directamente co capitán do equipo, Nelo, o defensa central daquel Numancia que no ano 1996 se alzara co título de campión. Foi el quen se encargou de localizar aos seus compañeiros e quen se ofreceu desde o primeiro momento para lograr a xuntanza de todos eles este sábado en Prados Vellos.
Lembremos aquela aliñación do 66 na que a táctica dos 3 defensas, 2 medios e 5 dianteiros era o modelo a seguir:
Porteiros: Tito e Jesús Manuel.
Defensas: Juan, Nelo e Mahía.
Medios: Andrés Penedo e Juan Ramón.
Dianteiros: Velío, Loliño, Manel, Pita e Pacucho.
En principio, todos eles teñen unha cita este sábado pola tarde en Prados Vellos onde recibirán unha pequena homenaxe do fútbol aresán. Dúas promocións de campións que se xuntarán para celebrar os seus éxitos: a do 1966 e a do 2016.
Nos preliminares do partido que enfronta ao Numancia co Betanzos dirimindo unha praza de ascenso directo á Liga Galega xuvenil, os 11 veteranos saltarán ao campo (se o tempo o permite) e efectuarán o saque de honra do partido, rodeados do plantel xuvenil que toman o seu relevo esta temporada. Son dous equipos que xa pertencen á historia do Numancia, e os seus nomes quedarán como exemplo para as seguintes promocións.