VII MEMORIAL "PEDRO GARCÍA VILAR". XORNADA FINAL

RAYO SADENSE, PERLÍO E ÁNIMAS, TRÍO DE CAMPIÓNS.

Tres finais moi igualadas con vitorias mínimas pecharon a sétima edición do Memorial “Pedro García Vilar”.

 

 

Ares, 14 de setembro de 2015.


Dúas xornadas intensas con 24 equipos participantes levaron a Prados Vellos unha importante cantidade de nenos, superando a cifra dos 300. Xunto a eles, os familiares que os acompañaban formaron un cadro multitudinario ocupando as bancadas e zonas circundantes do campo. Ambiente de convivencia e de irmandade entre todos eles, aos que a organización deste Memorial “Pedro García Vilar” agradece o seu excelente comportamento e tamén a súa colaboración.


Precisamente nesta liña de actitudes positivas quixeramos salientar varios “xestos” que merecen ser publicados coma exemplo a seguir tanto polos monitores e educadores, coma polos pais e nais dos rapaces. Un destes “xestos”, que algúns poidan cualificar erroneamente de intranscendente, produciuse na xornada do venres cando unha nai se acerca co seu fillo e pide unha vasoira e un recolledor para que o seu neno recolla aquilo que rompeu no vestiario. Debera servirnos coma mostra da boa educación que os pais temos que transmitirlles aos nosos fillos, inculcándolles o espírito da reparación de daños ocasionados.


Outro “xesto” impresionante déronnolo os integrantes do equipo benxamín do Freixo, formando un voluntario “corredor” ao equipo campión (Perlío) inmediatamente despois de perder a final, cando aínda non podía ter superada a tristura da derrota. Enormes estes rapaces.


E grande “xesto” tamén o detalle dun monitor non aliñando de titular na xornada final a un neno que, aínda sendo moi bo futbolista, non disputara as xornadas da primeira fase. Seguro que esa renuncia reforzou moitísimo a cohesión do grupo e exemplifica o camiño a seguir para todos os nenos.


Máis alá destes xestos, hai que valorar debidamente a colaboración de todos aqueles que contribuíron a tirar do carro para que saíse adiante este Memorial. Deixando áparte aos membros da directiva do club (para iso estamos), un primeiro agradecemento vai para Emilio, avisado a última hora para reparar as redes das porterías, e que non dubidou en subir a Prados Vellos para amañalas. Tamén vaia o noso agradecemento a un dos veteranos do primeiro equipo, Fernando, que estivo dous días pendente da megafonía, regalándonos o seu tempo. E como non, tamén a Pepe, outro integrante do equipo de modestos que botou unha man ali donde fixo falta. Por suposto, importante foi a colaboración dos nenos que, mesmo chovendo, andaban pendentes de coller os balóns que pasaban ao outro campo, así como de ter preparadas as botellas de auga.
Tamén agradecer a Foto - Video Vilalonga por volver a confiar no noso Torneo para realizar o seu magnífico traballo e por cedernos fotografías dos equipos parcicipantes no mesmo. E, como non, o labor da agrupación de Protección Civil de Ares, regulando o acceso dos automóbiles a Prados Vellos. Todos eles foron fundamentais para a realización deste Memorial.


No aspecto deportivo, só queda agradecer a súa participación a todos os clubs que se desprazaron a Prados Vellos e, como non, aos papás e mamás que trouxeron os seus fillos e aguantaron horas e horas de permanencia en Ares.


Se acaso, podemos lembrar os resultados das finais:


Na categoría prebenxamín, o Ánimas e o Val empataban a tres goles, tendo que ir a unha tanda de penaltis na que de novo houbo empate. Non houbo máis remedio que botar man da moeda, saíndo beneficiado o equipo do Ánimas. Mágoa que haxa que escoller un campión porque neste caso, os dous equipos merecían ser campións.


En benxamíns a final decidiuse por un único gol que lle deu a vitoria ao Perlío no seu partido co Freixo.


E na final alevín, se parecía que o Rayo Sadense saía como gran favorito despois de eliminar ao Victoria coruñés, houbo que agardar ata o final porque o Perlío vendeu cara a súa derrota con un resultado de 3 – 2.


Con estes marcadores, o podio quedou así:


Categoría prebenxamín: 1º: Ánimas; 2º: O Val; 3º: D. Narón.


Categoría benxamín: 1º: Perlío; 2º: Freixo; 3º: Numancia.


Categoría alevín: 1º: Rayo Sadense; 2º: Perlío; 3º: Victoria.


As medallas foron entregadas polo concelleiro aresán José Juan Vilar Rico e Álex Pérez, representante da adega Murillo Viteri, mentres que os trofeos aos tres primeiros clasificados os entregou Julio Iglesias, alcalde de Ares.


E para rematar, un último agradecemento aos establecementos que se prestaron xenerosamente doando os seus produtos, caso de Supermercados Gadis e Claudio, ou outros como Base Deporte e Ferretería Sar.

 

Nos seguintes enlaces podes acceder aos resultados e clasificacións nas diferentes categorías:

Categoría alevin.

Categoría benxamíns.

Categoría prebenxamín.

 

 

Uso de “cookies” Utilizamos cookies propias e de terceiros para mellorar os nosos servizos en relación coas súas preferencias mediante ó análise anónimo dos seus hábitos de navegación. Se continúa navegando, consideramos que acepta o seu uso. Pode obter máis información sobre o uso de “cookies” accedendo a nosa política de “cookies”. Para saber máis sobre as cookies que utilizamos e como eliminar-los, consulta a nosa política de cookies.

Acepto os cookies deste sitio web.