VII MEMORIAL "PEDRO GARCÍA VILAR". PRESENTACIÓN.

TROFEOS E MEDALLAS NO CLAUDIO DE ARES.

Esta tarde foi presentada unha nova edición do Memorial “Pedro García” no local do supermercado Claudio de Ares. Estiveron presentes os prebenxamíns do Numancia, Manu e Cristian, xunto a Santi Cartelle, en representación do Claudio de Ares e Xoán Vázquez, directivo do Numancia.
 
Ares, 8 de setembro de 2015
 
A lembranza do noso Pedro revive cal Ave Fénix ao chegaren estas datas de setembro nas que celebramos o torneo de F-8. A súa imaxe sempre irá asociada á dos neniños de Ares que subían a Prados Vellos. Por iso esta nova edición do memorial, para que a súa humanidade siga presente no Numancia. Sería imperdoábel esquecelo, así que hai que avivar as cinzas e ver cada ano as novas faíscas brillando nas pupilas dos raparigos. Por todo iso e porque todos os que tivemos a sorte de acompañalo no Numancia nos sentimos obrigados a contribuír no mantemento da súa memoria.
 
Compartindo con el a filosofía do fútbol base, do fútbol de formación que todos sabemos que debe primar a participación dos nenos e que tan difícil parece de levar á práctica, atrevémonos a deseñar un formato que busca a harmonía entre a competición e a participación. Así é que buscamos un calendario que iguala a todos os equipos en canto a minutos de xogo e, xa nunha xornada final, tamén en canto a nivel futbolístico. 
 
Ese mesmo equilibrio inténtase conseguir no reparto de premios, de xeito que todos os nenos marchen de Prados Vellos cun agasallo individual (neste caso unha medalla co escudo do concello de Ares) e, ao mesmo tempo, os equipos mellor clasificados levarán un trofeo.
 
Por outro lado, o torneo acolle unha nutrida representación do fútbol de base da delegación ferrolá, tanto da cidade coma da comarca, con entidades que traballan cos nenos da súas vilas ou dos seus barrios. Ademais, e como nota excepcional e diferente, acoden dous clubs da delegación coruñesa, elevando o torneo a unha dimensión provincial.
 
Só queda agradecer a colaboración do concello de Ares na organización e posta en marcha deste evento, así como de Supermercados Claudio e Gadis por facilitarnos o avituallamento dos nenos para estes dous días de carreiras, fintas, goles e, sobre todo, alegría e convivencia arredor dun balón.
 

 Presentación do VII Memorial Pedro García Vilar.

 

Logo Supermercado Claudio (Ares) e Gadis.

Uso de “cookies” Utilizamos cookies propias e de terceiros para mellorar os nosos servizos en relación coas súas preferencias mediante ó análise anónimo dos seus hábitos de navegación. Se continúa navegando, consideramos que acepta o seu uso. Pode obter máis información sobre o uso de “cookies” accedendo a nosa política de “cookies”. Para saber máis sobre as cookies que utilizamos e como eliminar-los, consulta a nosa política de cookies.

Acepto os cookies deste sitio web.