Inicio Noticias Xerais PRESENTACIÓN DO MEMORIAL DE F-8
 
 

PRESENTACIÓN DO MEMORIAL DE F-8

 TORNEO DE FÚTBOL-8 "VI MEMORIAL PEDRO GARCÍA VILAR"

Hoxe, mércores 3 de setembro, ás 12.00 h., será presentada no concello de Ares a sexta edición do Memorial “Pedro García Vilar” de F-8.

 

Ares, 3 de setembro de 2014

Ao acto asistirá unha nutrida representación dos prebenxamíns do Numancia, os cativos que coa súa ilusión nos empurran ano tras ano a perpetuar na memoria a figura inesquecible de Pedro, aquel Pedro que tiña coma maior preocupación deportiva o fomento do fútbol nos pequerrechos e que se desvivía por conseguir para eles as mellores condicións na práctica do seu deporte favorito.Presentación no Concello do VI Memorial Pedro Garcia Vilar de F-8 (03/09/2014)
 
Esta nova edición sae finalmente despois dalgunhas dificultades. Vémonos na obriga de aclarar que, en primeiro lugar, tivemos que modificar a data tradicional da súa celebración (segunda semana de setembro) por mor do comezo das competicións oficiais de F-8. Esta circunstancia levounos a “pisar” as datas escollidas por outros clubs da nosa zona, aos que lles pedimos desculpas novamente. Eramos coñecedores de que equipos coma o Cedeira ou o novo Narón Freixo decidirán escoller a primeira semana de setembro para organizar os seus torneos, mais cando soubemos do adianto das competicións xa estabamos a finais de xullo e non atopamos outra solución.
 
Desde esta páxina queremos manifestar o noso agradecemento pola comprensión destes clubs e, ademais, expresamos o noso sincero recoñecemento á colaboración de Tino e Juan Carlos, directivos do Narón Freixo axudándonos na busca de equipos para o noso torneo.
 
Aínda así, foron moitos os equipos que non puideron asistir pois a estas alturas non tiñan os equipos confeccionados ou por ter os nenos de vacacións non quixeron comprometerse. Vaia tamén para todos eles o noso agradecemento por atendernos de maneira receptiva e amable.
 
En definitiva, non quedou outra máis que tirar para adiante, improvisar e procurar adecuar o formato segundo os equipos que, finalmente, si van participar. Un total de 25 equipos (7, en prebenxamíns; 9 en benxamíns e 9 en alevíns) e, aproximadamente uns 350 nenos e nenas que se divertirán esta vindeira fin de semana en Prados Vellos, xogando ao fútbol. E con eles, esperemos que tamén gocen as súas familias.
 
Podemos afirmar que, a pesar de todas as dificultades, estamos moi satisfeitos coa participación conseguida, xuntando unhas dez entidades deportivas semellantes á nosa, cos mesmos obxectivos e ilusións, cuns medios parecidos e cunha base formada polos rapaces do barrio ou da vila na que se asenta o seu local social.
 
Para rematar, non podemos obviar que este Memorial non sería factible sen o apoio do Concello de Ares, especialmente do  concelleiro de deportes, d. José Juan Vilar, sempre pendente das nosas peticións. Nesta ocasión, así mesmo, temos que agradecer a colaboración das Peñas Futbolísticas de Ares: Peña Barcelonista, Peña do Deportivo e Peña madridista “Betanzeira”. As tres sociedades aportan as respectivas camisetas dos seus equipos, que serán sorteadas durante as tres xornadas, xunto á doutros dous clubs galegos como o Rácing de Ferrol e o Pontevedra, que tamén nos regalaron as súas.
 
E, por último, agradecer ao Supermercado Día a súa colaboración co Memorial, regalándonos froita e zumes para os rapaces.
 
Non queda máis que animar a toda a cidadanía de Ares para que suba a Prados Vellos esta fin de semana e mesmo participe na churrascada do mediodía do sábado e do domingo.

 
Colaboradores

Uso de “cookies” Utilizamos cookies propias e de terceiros para mellorar os nosos servizos en relación coas súas preferencias mediante ó análise anónimo dos seus hábitos de navegación. Se continúa navegando, consideramos que acepta o seu uso. Pode obter máis información sobre o uso de “cookies” accedendo a nosa política de “cookies”. Para saber máis sobre as cookies que utilizamos e como eliminar-los, consulta a nosa política de cookies.

Acepto os cookies deste sitio web.