Inicio Noticias Xerais XORNADA CLAUSURA F-8
 
 

XORNADA CLAUSURA F-8

 A PESAR DO ORBALLO, LUZ NOS ROSTROS DOS NENOS EN STª CATALINA

Abríronse as portas do vello mosteiro ás 11 da mañá e durante moitas horas as súas dependencias sentiron as carreiras dos nenos.
 
Ares, 9 de xuño de 2013
 
Despedida para aqueles que xa deixan o fútbol-8 e estrea para os que comezan a súa andaina coma biberóns. En todo caso, unha excelente ocasión para estreitar os lazos de amizade entre as familias aresás, vendo a nenos, pais e nais, avós e mesmo tíos, compartindo mesa no comedor e conversa polos corredores.
A cociña do mosteiro volveu fumegar pola gran cheminea cando as brasas foron quecendo os muros pétreos. Cinco abnegados directivos traballaron arreo preparando a carne sacrificada para paliar a fame dos aresáns. Luís, Toni, Pepe, Javier, e Juan, sobreviviron á sauna da vella lareira. E os romeiros ían chegando, primeiro aos poucos, buscando un recuncho dentro dos claustros para procurar un entretemento a cuberto do interminable orballo. Despois, en caravana, á hora do xantar a multitude asaltou a fortaleza e entregou os seus fillos ao batallón comandado por Fran Bardanca. Houbo que recrutar un grupo de nais que se prestasen para servir e seguir as instrucións do xefe. Había que atender aos máis de 60 cativos. Mentres, na cantina, Moncho sufría e apuraba para atender aos sedentos romeiros.
E soou a campá, varios sinos harmonicamente golpeados polo sancristán captaron a atención do centenar de romeiros que acudiron decontado á porta da gran sala, podendo albiscar ao lonxe os pratos de empanada, tortilla e churrasco. Tras as presas por conseguir posto na mesa as viandas foron resarcindo as forzas aínda que non os ánimos.
Pita, Quique, Edu e Carlos contemplaban con desconfianza  aqueles rostros infantís que ameazaban cun interrogatorio feroz e só respiraron cando comezou o sorteo. E a fortuna tocoulle outra vez a Martina Oliveira. Se hai un ano levara a camiseta de Juan Domínguez, desta volta vai ter que cambiar as cores branquiazuis polo celeste, pois súa é a praza gratuita que regala a Fundación do Celta para o seu campus do mes de xullo a celebrar en Ares. Edu Iglesias, o goleador xuvenil do R. Ferrol deulle o vale correspondente.
O segundo premio eran as magníficas caneleiras de Blindaxe e foi o mellor xogador xuvenil de Ferrol, Alejandro Pita, quen llas entregou a un afortunado e feliz Martín Saavedra.
Tocaba a camiseta verde, a camiseta dun recén ascendido de categoría, o R. Ferrol. E aí estaba Carlos López, xuvenil de primeiro ano e con varias participacións na liga de Terceira División, para darlla a un Pablo Cartelle que fixo promesa de ser mellor xogador có pai.
Finalmente, o balón coa sinatura dos xogadores do Depor, especialmente dun dos xogadores con máis calidade de toda a historia do fútbol español como é o fraco Valerón, foille “arrebatado” a Quique Fernández, o xuvenil do Depor, polo neno Ángel Fernández. 
Seguidamente, José Juán Vilar, concelleiro de deportes aresán, regalou catro balóns Adidas para que fosen sorteados.. O primeiro deles entregoullo o propio José Juán ao neno Xerar Adelantado; Marcos Amor, adestrador xuvenil do Numancia e premiado co trofeo ao mellor adestrador ferrolán, deulle outro balón a Mateo García; o representante de Bodegas Murillo-Viteri e socio do Numancia, Manel Pérez entregou o terceiro balón a Manuel Roel; e, o último foi para Carlos Varela, sendo entregado por Toni Bardanca, adestrador de porteiros do Numancia.
Master Ares tamén estivo presente nesta xornada de convivencia e o seu representante, Domingo García, tróuxenos dous auriculares que foron para Miguel Iglesias e para Iván Saavedra. O propio Domingo e o directivo do Numancia, Javier Aneiros entregaron estes regalos.
Antes de entregarlles a cada un dos nenos unha bolsiñas con regalos diversos, procedeuse ao sorteo dunha impresora, concesión de Sar. A sorte fixo que fose Migui Oliveira o agraciado co número.
E continuou a sesión cos nenos escaravellando dentro das bolsiñas a ver que había. 
Minutos despois chegou a hora dos prebenxamíns, campións do segundo grupo de liga da delegación ferrolá. Genete, o seu adestrador tivo palabras de agradecemento para os pais e os nenos, erguendo o trofeo entre os afervoados aplausos dos asistentes.
Paseniñamente chegamos ás oito do serán, boa hora para recoller todo e retornar á vila. Atrás quedaban unhas horas intensas e fecundas que pechaban unha temporada máis. Todo isto foi posible grazas á entrega e traballo de todos: nenos, pais e nais, educadores, directivos, … e agora a descansar e agardar pola nova temporada.
Non quixeramos pechar esta crónica sen agradecer a colaboración das entidades que fixeron posible esta xornada:
CIRS de Cervás, Master Cadena, Tiro con Arco de Ares, Concello de Ares, Bodega Murillo-Viteri, Peña Deportivista aresán, Blindaxe Sport, Peña Barcelonista de Ares, Deportivo da Coruña, R. de Ferrol, Celta de Vigo
A todos eles moitísimas grazas.
 
 

 
Colaboradores

Uso de “cookies” Utilizamos cookies propias e de terceiros para mellorar os nosos servizos en relación coas súas preferencias mediante ó análise anónimo dos seus hábitos de navegación. Se continúa navegando, consideramos que acepta o seu uso. Pode obter máis información sobre o uso de “cookies” accedendo a nosa política de “cookies”. Para saber máis sobre as cookies que utilizamos e como eliminar-los, consulta a nosa política de cookies.

Acepto os cookies deste sitio web.