Inicio Noticias Xerais HIMNO. TEXTO DA INTERVENCIÓN DE EMILIO MESÍAS
 
 

HIMNO. TEXTO DA INTERVENCIÓN DE EMILIO MESÍAS

A.D.R. Numancia de Ares. Presentación Oficial del Himno al  Numancia PEDRO ESTARÍA ORGULLOSO ...

Publicamos unha copia do texto no que o autor do himno, Emilio Mesías, xustifica e explica todo o proceso de composición da letra e música do mesmo.

 Ares, 4 de agosto de 2012

 

Intervención de Emilio Mesías Farías na presentación oficial do “Himno ao Numancia”
(Campo de Prados Vellos, 27 de Xullo de 2012)

A.D.R. Numancia de Ares. Presentación Oficial del "Himno ao Numancia". Letra y Música Emilio Mesías Farías.A sociedade actual está constituída basicamente por homes e mulleres, na cal o seu bo facer repercute directamente nun progreso lóxico que avanza co tempo, facendo asimesmo madurar este.

Cando as individualidades destes homes e mulleres se transforman en grans dun traballo colectivo xorde un resultado marabilloso, un resultado digno de celebrar.

Isto é o que acontece coa Sociedade Deportiva e Recreativa do Numancia de Ares. O Numancia é un de tantos patrimonios creados e mantidos por homes e mulleres a través de moitos anos. Teño falado moitas veces con amigos e compañeiros que xogaban noutros equipos en toda Ferrolterra, e moitas das veces para eles o Numancia era “El Ares”, xa que logo, Ares viría ser o corpo e o Numancia a pel.

Nos da miña xeración alá polos anos oitenta, había unha división á hora de escoller ou matar o tempo nas horas de lecer que nos deixaba o cole. Así, uns ían ao Numancia ou ao Clube de Remo e outros íamos ás clases de Gaita nunha Escola Municipal que foi o xerme dunha formación –a Banda de Gaitas de Ares- pola que tantos e tantos nenos e nenas pasamos e das que tantos e tantos percusionistas e gaiteiros e gaiteiras saíron.
Así e todo, eu tiven a sorte de “picar” tamén nuns anos no Numancia. Recordo os entrenadores Manel, Manolo “o do banco” ou Javi “o Guerrero” quen me recorda continuamente que eu e máis Dani de Valentín viñamos aos adestramentos a facer o Chiste… Xa daquela éramos uns incomprendidos…

Mil e unha anécdotas dos compañeiros e dos homes e mulleres que traballaron naquel tempo no noso equipo.

Pero o vínculo que eu sinto co Numancia vén xa de máis atrás, meu irmá Rafa xogou -e bastante ben polo que contan- eiquí, e tamén noutros equipos da comarca e meu pai, foi un deses homes que traballaron incombustiblemente para este clube, era dos que valaban o campo no Xuncal os domingos pola mañá para preparar o campo, foi dende limpabotas a Presidente pasando por adestrador, xogador, árbitro nos partidos de fútbol feminino… etc, foi como un de tantos homes que a dia de hoxe adican horas e horas a este club. Hai poucos anos recibiu, xunto a un grupo reducido de compañeiros, unha mención deste Clube por levar 50 anos de socio.

Foi para min un orgullo, polo tanto, recibir esta encomenda; a de compoñer un himno para este –tamén- meu clube. Teño que recoñecer que non me fixen de rogar. Aceptei esta encomenda coma unha oportunidade, unha oportunidade de poder facer algo dende o meu campo que é a música e así ser partícipe desta familia de vermello e azul.

Á hora de abordar a composición dun “Himno” hai que ter en conta varios parámetros, e máis aínda se do que se trata é de compoñer letra, música e deixalo gravado.

Ao meu parecer o Himno ao Numancia ten que ser sinxelo, como somos a xente de Ares, a maioría…, e debe falar e contar aquelas cousas que, logo do tempo pasado, deixaron pouso pola importancia que tiveron e son referencia na sociedade. Condensar  todo iso nunha letra foi algo traballoso, pero tiña por sorte unha historia xa coñecida que escoitei moitas veces na miña casa.

Resumo o significado da letra:

    “Do Xuncal a Prados Vellos, unha historia que contar
    a pelota que nos une, xa non deixa de rodar.”

Esta historia comeza hai moitos anos e segue en vigor a día de hoxe, hai un elemento central que une á xente do Numancia, a pelota, o balón, que comezou a rodar por iniciativa dunha xente e que dende aquela xa non deixa de rodar. A historia do Numancia escribirase dia a dia mentres a pelota siga a rodar.

    “Siareiros nas bancadas, deportistas a xogar
    todos xuntos desfrutando, deste encontro fraternal”

Todo equipo que se precie, sexa do deporte que sexa, conta con dous elementos importantes á hora de actuar, á hora de xogar e, en certa medida, o éxito depende da engranaxe perfecta entre estes dous elementos; os deportistas, que xogan e os siareiros, que animan. Todos gozan e sufren a un mesmo tempo.

    “Rompe e Racha, Aresano, desta unión nacimos nós
    de vermello a camiseta no Numancia o corazón”

O Numancia comezou da mellor maneira posible, é dicir; comezou coa unión de dous equipos, unha unión que está chamada a perpetuarse de por vida. Como somos? De vermello a camiseta. Como sentimos? No Numancia o corazón.  

    “Ás mulleres loitadoras que ao noso club ergueron
    E aos homes que adicaron o mellor dos seus momentos”

Quixen deixar patente unha das historias máis bonitas desta Sociedade; e quixen que quedase reflexado o que eu entendo por un acto de xustiza. Nunha das peores épocas do Numancia, cando estivo a piques de desaparecer por mor dunhas débedas acumuladas ás que non se podía facer fronte, aparece a figura da muller. A muller é o elemento máis importante da sociedade galega ao longo da historia. Daquela foi a iniciativa dun grupo de mulleres que patearon e peitearon o Concello de cabo a rabo pedindo axuda económica a veciños e veciñas.

Esta actuación non só consiguiu o obxectivo final senón que ademais, foi quen de prender unha mecha de sensibilización na veciñanza aresá, ao respecto de que a partir de aí moita xente identificou o Numancia como algo que lle era propio, de seu. Un orgullo.

E non podemos esquecer tampouco o traballo dos homes; dos que están agora, dos que estiveron hai moitos anos e dos que, estando eiquí nos deixaron como unha perda irreparable, anque siguen estando hoxe presentes nos nosos pensamentos pois sabemos que de actos como o de hoxe -por exemplo- Pedro, estaría orgulloso.

    -Entonamos este canto que resoa no areal
    é alento ao noso equipo, nos partidos; a gañar.

Por toda esta xente, por todos e todas nós é este canto que cantamos con orgullo, un alento ao noso Numancia, que en cada partido como xogo que é, sae a gañar. 

Non vou a estenderme en explicar a parte musical, só dicir que consta dunha liña melódica moi sinxela para que sexa doado de aprender e de interpretar. Un compás de 6/8 a ritmo de marcha, pensado tamén para interpretarse con gaitas e instrumentos que son comúns nas formacións musicais aresás.

Quero por último agradecer a colaboración á hora da gravación do Proxecto Vocal Concerto-Tempo e do percusionista e exalumno Sergio Sande Casal, que me axudaron a completar o traballo que soará neste campo.

Escollín ao Concerto-tempo sinxelamente porque é o mellor coro de Ferrolterra-Eume-Ortegal e un dos mellores de Galicia. Hoxe reitérolles o meu agradecemento unha vez máis por estar eiquí.

E sen máis, quero facerlle entrega ao Numancia, da gravación do Himno e das partituras para que quede constancia deste acto. A continuación escoitaremos o Himno.

Aproveitando que vimos de celebrar o dia da Patria Galega, despídome cunha frase de Castelao, da súa Alba de Groria:

“Que a fogueira do espírito siga quentando as vosas vidas, e que a fogueira do lume nunca deixe de quentar os vosos fogares.”

Moitas grazas a todos e a todas.

Emilio Mesías Farías;

en Ares, a 27 de Xullo de 2012.



*Ficha Técnica da Gravación:

“Himno ao Numancia”
Letra e Música: Emilio Mesías Farías


Técnico de Gravación: Victor Gacio
Gravado en Anca- Neda, entre Xuño e Xullo de 2012


Proxecto Vocal Concerto-Tempo: Voces
Sergio Sande Casal: Caixa, Bombo
Emilio Mesías Farías: Gaitas, Zanfonas, Mesanfonatra, Acordeón, Sintetizador.

 

Colaboradores

Uso de “cookies” Utilizamos cookies propias e de terceiros para mellorar os nosos servizos en relación coas súas preferencias mediante ó análise anónimo dos seus hábitos de navegación. Se continúa navegando, consideramos que acepta o seu uso. Pode obter máis información sobre o uso de “cookies” accedendo a nosa política de “cookies”. Para saber máis sobre as cookies que utilizamos e como eliminar-los, consulta a nosa política de cookies.

Acepto os cookies deste sitio web.